[go: up one dir, main page]

Tribunal Internacional de Xustiza

(Redirección desde «Corte Internacional de Xustiza»)

O Tribunal Internacional de Xustiza, tamén chamado Corte Internacional de Xustiza, é o principal órgano xudicial das Nacións Unidas. Foi establecida en 1945, na Haia (Países Baixos) sendo a continuadora, a partir de 1946, do Tribunal Permanente de Xustiza Internacional.

Tribunal Internacional de Xustiza
Selo oficial.
Pazo do Tribunal Internacional de Xustiza na Haia
Información xeral
Formación 1945
Precedente Tribunal Permanente de Xustiza Internacional
Xurisdición Internacional
Sede central Países Baixos Palacio da Paz, na Haia, Países Baixos
Presidente Abdulqawi Ahmed Yusuf (2018-2021)
Vicepresidente Xue Hanqin (2018-2021)
Sitio web
www.icj-cij.org

Funcionamento

editar

As súas funcións principais son resolver por medio de sentenzas as disputas que lle sometan os Estados (procedemento contencioso) e emitir ditames ou opinións consultivas para dar resposta a calquera cuestión xurídica que lle sexa suscitada pola Asemblea Xeral ou o Consello de Seguridade, ou polas axencias especializadas que sexan autorizadas pola Asemblea Xeral de acordo coa Carta das Nacións Unidas (procedemento consultivo). O Estatuto do Tribunal forma parte integral de devandita Carta. En virtude do artigo 30 do Estatuto, o Tribunal adoptou o 14 de abril de 1978 un regulamento mediante o cal determinouse o xeito de exercer as súas funcións e, en particular, as súas regras de procedemento.

Os idiomas oficiais da Corte son o francés e o inglés.

Lexitimación das partes

editar

Existen dous tipos de procedementos dentro do TIX: o contencioso (para disputas entre Estados) e o consultivo (para aclaracións xurídicas a órganos da ONU).[1]

Poden recorrer ao Tribunal en "materia contenciosa" todos os Estados que sexan parte no seu estatuto, o que inclúe automaticamente todos os membros das Nacións Unidas. Un estado que non for membro da organización pode chegar a ser parte non estatuto do Tribunal nas condicións que en cada caso determine a Asemblea Xeral, por recomendación do Consello de Seguridade. Outros estados, non membros das Nacións Unidas e non partes no estatuto, poden encomendarlle casos nas condicións que estableza o Consello de Seguridade segundo a Resolución 9 do 15 de outubro de 1946. Ademais, o Consello pode recomendar que un litixio se remita ao Tribunal.

Tanto a Asemblea Xeral como o Consello de Seguridade poden solicitar unha opinión consultiva do Tribunal sobre calquera cuestión xurídica. Outros órganos das Nacións Unidas e os organismos especializados, con autorización da Asemblea Xeral, poden solicitar opinións consultivas sobre cuestións xurídicas que correspondan ao ámbito das súas actividades.

Ningunha persoa individual, física ou xurídica, poderá recorrer ao Tribunal, nin na vía contenciosa nin na consultiva.

Xurisprudencia

editar

A xurisprudencia internacional é unha fonte do dereito, é dicir, non crea dereito, senón que é só un «medio auxiliar para a determinación das regras de dereito» (art. 38, 1, d) do Estatuto do TIX). Os ditames, xunto coas decisións en asuntos contenciosos, forman parte desta xurisprudencia internacional, que ten como principal función a de servir como elemento de interpretación do dereito internacional. O TIX fixo na práctica un uso indistinto como precedentes dos seus ditames e sentenzas, tratando ambos os tipos de resolucións en pé de igualdade. Ambas, polo tanto, son igualmente xurisprudencia. Iso producíase xa no Tribunal Permanente de Xustiza Internacional, que tamén podía ditar tanto ditames como sentenzas.[2]

Composición

editar

O TIX está composto de quince xuíces electos para períodos de 9 anos pola Asemblea Xeral da ONU e o Consello de Seguridade da ONU dunha listaxe de persoas nomeadas polos grupos nacionais nos Tribunais Permanentes de Arbitraxe. O proceso de elección está exposto nos artigos 4–19 do estatuto do TIX. As eleccións son graduadas con cinco xuíces electos cada tres anos, para garantir a continuidade dentro do tribunal.

En caso de que un xuíz morra no cargo, a práctica é en xeral elixir un xuíz nunha elección especial para completar o mandato. Non poderá haber dous que sexan nacionais do mesmo país. De acordo co artigo 9, suponse que a composición do tribunal para representar as "principais formas de civilización e os principais sistemas xurídicos do mundo". En esencia, isto significou o dereito común, o dereito civil e o dereito socialista, hoxe lei post-comunista.

Hai un entendemento informal de que os asentos do Tribunal serán distribuídos de xeito que haxa:

  • Cinco escanos para os países occidentais.
  • Tres escanos para os estados africanos (entre eles un xuíz de dereito civil francófono, un de dereito común anglófono e outro árabe).
  • Dous para estados da Europa do Leste.
  • Tres para os estados de Asia.
  • Dous para os estados de América Latina e o Caribe.

Os cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas (Francia, Rusia, China, Reino Unido e os Estados Unidos) teñen sempre un xuíz do Tribunal, ocupando desta maneira tres dos asentos do Oeste, un dos asentos de Asia e un dos asentos da Europa Oriental. A excepción foi a China, que non contou cun xuíz do Tribunal entre 1967 e 1985, xa que non presentou un candidato.

O artigo 6 dos Estatutos establece que todos os xuíces deben ser "elixidos independentemente da súa nacionalidade, entre persoas de grande integridade moral", que son ben cualificados para o máis alto cargo xudicial nos seus estados de orixe, ou coñecidos como avogados coa competencia suficiente no dereito internacional. A independencia xudicial abórdase especificamente nos artigos 16 a 18. Os maxistrados da Corte Internacional de Xustiza non poden ocupar ningún outro posto, nin actuar coma asesores. Na práctica, os membros do Tribunal teñen a súa propia interpretación das presentes bases. Isto permítelles participar na arbitraxe fóra e ocupar cargos profesionais, sempre e cando non haxa conflito de intereses. Un xuíz pode ser destituído só polo voto unánime dos demais membros da Corte. A pesar destas disposicións, a independencia dos xuíces do TIX foi cuestionada. Por exemplo, durante o Caso Nicaragua, os Estados Unidos emitiron un comunicado dando a entender que non podían presentar o material sensible á Corte debido á presenza dos xuíces dos Estados do bloque oriental.

Os xuíces poden ditar resolucións conxuntas ou dar as súas propias opinións independentes. As decisións e opinións consultivas son por maioría e, en caso de empate, o voto do presidente convértese en decisivo. Os xuíces tamén poden emitir ditames disidentes separados.

  1. Corte Internacional de Justicia (sf). "Funcionamiento de la Corte". Dispoñible en http://www.un.org/es/icj/how.shtml. Consultado o 29 de xuño de 2015.
  2. Manuel Díez de Velasco, Instituciones de Derecho Internacional Público, Tecnos, Madrid, 1988, vol. I, páx. 98:
    Quedan aínda por precisar algunhas cuestións respecto da xurisprudencia. Delas queremos facer referencia, en primeiro lugar, á existencia dentro da emitida polo Tribunal Permanente de Xustiza Internacional e o Tribunal Internacional de Xustiza de dúas claras categorías dende o punto de vista do Estatuto. Refírome á distinción entre sentenzas e ditames do Tribunal, cuxo valor vinculante é ben distinto. Agora ben, a situación de feito é tamén diferente, especialmente polo uso indistinto como precedentes que o Tribunal veu facendo das súas sentenzas e ditames. Iso xa foi sinalado por De Visscher no seu curso na Academia da Haia de 1929 (Visscher, Ch. «Les Avis Consultatifs de la CPJI», en Recueil des Cours de l'Académie de Droit International de La Haye, 1929, I, n. 26, p. 60) e foi desenvolvido máis tarde por Sörensen, avalándoo coa doutrina do propio Tribunal Permanente nos asuntos do Lotus e da Alta Silesia e no ditame sobre a Comisión Europea do Danubio. Sörensen senta a afirmación categórica de que para os efectos de uso de precedentes o Tribunal trata en pé de igualdade sentenzas e ditames (Sörensen, M. Les sources du Droit International, Copenhaguen, 1946, páx. 168), afirmación que nos parece en extremo convincente.»

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar