Charles Perrault
Charles Perrault, nado en París o 12 de xaneiro de 1628 e finado na mesma cidade o 16 de maio de 1703, foi un escritor francés. Era irmán de Claude.
Traxectoria
editarNaceu no seo dunha acomodada familia burguesa e protexido de Colbert. Asistiu ás mellores escolas e estudou dereito antes de iniciar unha carreira no servizo gobernamental. Tomou parte na creación da Academia das Ciencias e na restauración da Academia de Pintura. Foi secretario da Academia Francesa desde 1663.
En 1687 escribiu o poema O século de Luís o Grande e, en 1688, Comparación entre antigos e modernos, unha alegación en favor dos escritores "modernos" e en contra dos tradicionalistas.
Aos 55 anos escribiu o libro Contos de mamá ganso. A súa publicación comezou a darlle fama entre os seus coñecidos e significou o comezo dun novo estilo de literatura: os contos de fadas. Para os seus relatos, Perrault recorreu a paisaxes que coñecía como o Castelo de Ussé para o conto de A Bela Dormente.
Publicacións
editarMoitas das historias de Perrault seguen publicándose hoxe en día e convertéronse en óperas, obras de teatro e filmes. Algunhas das historias máis famosas de Perrault son:
- La Belle au bois dormant (A Bela Dormente).
- Le Petit Chaperon rouge (Carapuchiña vermella).
- Barbe Bleue (Barba Azul).
- Le Chat botté (O gato con botas). Esta obra foi adaptada por Ánxeles Cuña e representada teatralmente por Sarabela Teatro en galego (A gata con botas, 2004)
- Cendrillon (Cincenta).
- Le Petit Poucet (Polgariño).