[go: up one dir, main page]

Castro de Troña

castro en Ponteareas

O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas). Trátase dun exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa.[1] Foi declarado Monumento Histórico Artístico en abril de 1949[2] e Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento en 2009.[3]

Castro de Troña
ParroquiaSanta Mariña de Pías
ConcelloPonteareas
ProvinciaPontevedra
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogo?
Cronoloxía
Datas de ocupación450 a.C. - século I d.C.
Data da descubertaPrincipios do século XX
Períodos de escavación1927 - 1930
1981 - 1991
Estado actualparcialmente escavado. Visitable
Extensión estimada? ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

Situación

editar

O sitio arqueolóxico sitúase no cumio do monte do Doce Nome de Xesús, xunto coa ermida do mesmo nome, na parroquia de Santa Mariña de Pías a 229 metros de altitude,[2] no concello de Ponteareas.

É unha das citanias castrexas máis coñecidas de Galicia, despois da de Santa Trega, e unha das que se encontra mellor conservadas.[4]

Descrición

editar

O castro ten forma elíptica ou oval, ocupando toda a cima e a ladeira oeste do monte denominado Doce Nome de Xesús. Mide 120 metros de norte a sur e 200 metros de leste a oeste. Cun formidable sistema defensivo, provisto de murallas e un gran foxo na parte máis expugnable, alberga unhas 30 construcións de diferentes tipos: circulares, cadradas, elípticas e rectangulares.[4]

Escavacións arqueolóxicas

editar

É un xacemento rico en materiais arqueolóxicos: cerámica indíxena e romana, muíños, moedas, fíbulas e ata unha machada de ferro. Ademais atopáronse dous petróglifos con representación ofídica: un deles aínda segue in situ, na parte da coroa, pero o outro, que estaba nunha vivenda próxima ó camiño que sobe á citania, foi trasladada ó antigo Museo de Pías.[4]

A principios do século XX e como consecuencia da construción dun camiño cara ó monte e o acondicionamento do seu cumio, chegaron as primeiras noticias sobre o castro. Porén, houbo que esperar ata o ano 1927 para que se iniciasen as primeiras escavacións sistemáticas que foron dirixidas polos arqueólogos Luis Pericot e Florentino López Cuevillas ata o ano 1930.

Despois quedou abandonado durante máis de 50 anos, ata que no ano 1981 fíxose cargo dos traballos José Manuel Hidalgo Cuñarro, dedicándose dende entón á limpeza, descubrimento e consolidación das construcións, así como á recollida e catalogación dos materiais que foron aparecendo[4].

O resultado deste traballo foi a localización de 12 estruturas máis, parte da muralla e dun torreón. Ademais encontráronse varias construcións pétreas que en ocasións superpoñíanse. Por debaixo dalgúns pavimentos encontráronse restos de pisos e fogares pertencentes a niveis de ocupación de diferentes épocas, ó tempo que se atopou numeroso material arqueolóxico.[5]

No ano 1985 exhumáronse 30 casas, unha delas cun xeso branco no interior do muro.[6] Así, as escavacións prolongáronse ata 1987 e os traballos ata 1992, poñendo ó descuberto un conxunto de estruturas que indican un certo urbanismo, con lousas, canles para as augas e vivendas con vestíbulo.[6]

editar

Existen varias lendas sobre o lugar, pero a máis curiosa é a que alude á serpe que se atopa no petróglifo.[7][8]

Conta a lenda que unha enorme serpe vivía no castro e que de vez en cando baixaba a roubar e devorar ovellas e outros animais dos labregos. Disque a serpe falaba coas reses e dicíalles: "¡Dame do teu leite que eu dareiche do meu peite!.

Os veciños, para eludir o medo, acordaron levarlle un animal tódolos días á montaña, evitando así que baixara á aldea. Pero cansados de pagar tal tributo, un día decidiron matala. Recolleron moitos nobelos, cos que fixeron unha bóla, á que ataron unha corda, déronlla a comer e cando a serpe picou, tiraron da corda ata o cume do monte e alí matárona. Enterrárona xunto á ermida e puxeron un cruceiro por riba dela [9].

Outra lenda di que debaixo da ermida hai un camposanto de mouros, xa que desde este lugar sae un camiño soterrado que vai ata o río Tea en Portavilares, que era o que usaban os mouros para ir ver os cabalos que tiñan alí.[10]

Galería de imaxes

editar
  1. Como ocorre con moitos outros castros galegos, por exemplo, o da Cameixa en Boborás (cun cruceiro) ou o de Santa Mariña na Estrada.
  2. 2,0 2,1 "Castro de Troña. Galicia Máxica". Galicia Máxica. 03/03/2016. Consultado o 10/08/2020. 
  3. DECRETO 403/2009, do 22 de outubro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o castro de Troña, no termo municipal de Ponteareas, na provincia de Pontevedra
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 González Pérez, Clodio (2005). Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Tomo 42. Ed. El Progreso. p. 161. ISBN 84-87804-23-3. 
  5. Hidalgo Cuñarro, Jose Manuel (1985). Castro de Troña; Ponteareas-Pontevedra: Campaña 1983. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Patrimonio Artístico e Monumental. ISBN 84-505-2875-5. 
  6. 6,0 6,1 Calo Lourido, Francisco (1994). A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa. Tomo II. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa. p. 620. ISBN 9788487819674. 
  7. "Galicia Pueblo a Pueblo. Castro de Troña". Galicia Pueblo a Pueblo. 2018. Consultado o 10/10/2020. 
  8. Vítor Vaqueiro, 589-490.
  9. O sistema empregado para matar a serpe lembra o que utilizou o profeta Daniel: "Tamén había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. ... Eu adoro o Señor, meu Deus, pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato... Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou Daniel 14, 23-27.
  10. Aparicio Casado, Buenaventura (1999). Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos. Mitología popular gallega. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Ediciós do Castro. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar