Badaxoz
Badaxoz[1][2] (en castelán: Badajoz, en estremeño: Badajós), coñecida historicamente en galego como Badallouce[3][4], é unha cidade española, capital da provincia de Badaxoz, a máis meridional das dúas provincias de Estremadura. En 2020 tiña 150 984 habitantes.
Badaxoz está situado á beira do río Guadiana, e é a porta de entrada natural a Portugal desde a Meseta Central. Badaxoz é a cidade máis poboada de Estremadura. Situada ó suroeste de España, está conectada pola autovía A-5 coas dúas capitais ibéricas, Madrid (a 400 km) e Lisboa (a 230 km).
Xeografía
editarBadaxoz está no suroeste da Península Ibérica e ao oeste da provincia á cal lle dá o nome, no límite con Portugal. Con 1440 km², é o terceiro municipio máis extenso de España, despois de Cáceres e Lorca. O centro urbano dista cinco quilómetros da fronteira de Caia, que recibe o nome do río que nesa zona separa España de Portugal. En termos xeolóxicos, está situada na Submeseta Sur. Foi fundada á beira do Guadiana sobre un outeiro de calcarias paleozoicas, labrado polo río até deixalo nun resalte cunha prominencia de 60 metros. Neste outeiro, denominado La Muela, levántase a Alcazaba de Badaxoz, un dos principais monumentos da cidade. O termo municipal de Badaxoz asenta sobre solos derivados dos depósitos terciarios, que empastaron os relevos paleozoicos. O centro da cidade está a unha altitude 182 metros. No resto do termo municipal, varía entre os 150 metros no tramo máis baixo do Guadiana e os 532 metros no pico Cancho de la Bandera, en Serra Luriana.
Clima
editarDe acordo coa clasificación climática de Köppen o clima de Badaxoz é mediterráneo (Csa), ou mediterráneo continentalizado de acordo con outras fontes, por ter unha amplitude térmica notablemente maior que na costa mediterránea. Os invernos son relativamente fríos, con mínimas que chegan a baixar con certa frecuencia dos 0 °C e, polo tanto, coas consecuentes xeadas. Por outra banda, os veráns son calorosos, con máximas que poden superar en ocasións os 40 °C. As precipitacións son irregulares, cunha media anual ao redor dos 500 mm. Os meses máis chuviosos son os de novembro e decembro. En cambio, os veráns adoitan ser secos, con tan só algunhas precipitacións de carácter tormentoso xeralmente. No outono e primavera o clima é máis inestable que no resto do ano, producíndose con certa frecuencia tormentas. É frecuente, así mesmo, a aparición de néboas, especialmente persistentes no inverno, incluso durante varios días seguidos, ao estar situada a cidade en pleno val do Guadiana.
Demografía
editarBadaxoz contaba en 2020 cunha poboación de 150 984 persoas. A pesar de ser a cidade con maior número de habitantes de Estremadura, presenta unha densidade de poboación relativamente baixa (104,52 hab/km²), debido á extensión do seu termo municipal, un dos máis grandes de España, con 1440,37 km². Aínda así, ten unha densidade maior cá do conxunto español (93,55 hab/km²). En comparación co dato estremeño, case cuadriplica a súa media, situada en 2020 en 25,56 hab/km².
Ademais da propia cidade, o concello inclúe pedanías, barrios e localidades de escasa poboación. Dos 26 núcleos integrados no municipio, só cinco superan os mil habitantes, alén da área urbana pacense.
Economía
editarO sector servizos é o dominante na cidade. O comercio nútrese de clientes procedentes da provincia e de Portugal. Debido á importancia das devanditas relacións comerciais co país veciño, en 2006 inaugurouse a nova instalación da Institución Feiral de Badaxoz (IFEBA), xunto á fronteira do río Caya. Tamén representa un importante nó de comunicacións entre dous países, e está previsto a construción dunha Plataforma Loxística e a chegada do tren de alta velocidade. A cidade conta, así mesmo, cun aeroporto, situado a 14 km do núcleo urbano, ampliado en 2009, un Palacio de Congresos e un parque acuático e de lecer, Aqua Badajoz. O chan industrial da cidade atópase concentrado case na súa totalidade nun gran polígono industrial, El Nevero, situado xunto á A-5, o cal se atopa continuamente en proceso de expansión. Nel están instaladas empresas dos sectores máis variados. Ademais, hai outros chans industriais nos accesos á cidade e en pequenos polígonos en barrios como San Roque.
No verán de 2007, presentouse o proxecto de construción da nova sede da Caja de Badajoz, que comezou a edificarse en outubro de 2008. Trátase dun centro financeiro que conta cun edificio de 88 metros de altura, o que o converteu no edificio máis alto de Estremadura.
Cultura
editarEntidades culturais
editarMuseos
editar- Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea, inaugurado o en 1995, contén coleccións de artistas españois, portugueses e iberoamericanos.
- Museo Provincial de Belas Artes, situado en dúas casas palacianas do século XIX, conta con dous mil metros cadrados nos que se expoñen máis de 1200 pezas de pintura e escultura, que representan a máis de 350 artistas como Francisco de Zurbarán, Francisco de Goya, Pablo Picasso ou Salvador Dalí, entre outros.
- Museo Arqueolóxico Provincial, situado no Palacio dos Duques da Roca, do século XVI.
- Museo Metropolitano da Catedral, situado na Catedral de San Xoán Bautista.
- Museo do Entroido de Badaxoz, inaugurado no entroido de 2007 na chamada Poterna de Menacho, conta cun percorrido pola historia do entroido pacense.
- Museo Estremeño do Deporte
Arquivos
editar- Arquivo Histórico Provincial de Badaxoz
- Arquivo da Deputación Provincial de Badaxoz
- Arquivo Municipal
- Arquivos Eclesiásticos de Mérida-Badaxoz
Bibliotecas
editar- Biblioteca de Estremadura (BIEx), dependente da Xunta de Estremadura, atópase no interior da Alcazaba de Badaxoz.
Eventos culturais
editarFestivais
editar- Festival Ibérico de Cine (FIC)
- Festival Ibérico de Música
- Festival de Cine Gai e Lésbico de Estremadura
- Festival Folclórico Internacional de Estremadura
- Festival de Teatro de Badaxoz
- Badasom, festival de flamenco e fado que busca conservar e defender o flamenco estremeño.
- Jazziberia
- Contempopránea, festival de música pop independente.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pacense.
- ↑ Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 101. ISBN 84-8158-266-2.
- ↑ "Badallouce". 2016-05-30.
- ↑ Grupo TALG / Instituto da Lingua Galega. "Badallouce". Dicionario de dicionarios do galego medieval.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Badaxoz |
Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |