[go: up one dir, main page]

O arado[1] é un apeiro usado en agricultura para preparar a terra para sementar ou plantar. Foi un instrumento básico na historia e representou un dos maiores avances da técnica agrícola. O uso primordial do arado é remover as capas superficiais da terra, permitindo a entrada dos nutrientes e que se meteorice.

Arados tradicionais e a súa terminoloxía

editar

Na súa forma básica o arado é un simple madeiro, máis ou menos groso, encurvado,cunha punta endurecida nun dos lados, que arrastrado por unha persoa ou un animal, mentres outra o sostén e empurra, serve para fender a terra. Este tipo simple é denominado en galego cambela, nome que deriva da raíz céltica camb- "curvo".

 
Arado simple
1. Temón
2. Chavellal e Chavella
3. Rodiña: dispositivo regulador
4. Teiroa ou seita
5. Rella
6. Dentil ou rastro
7. Orelleira ou abeaca

A evolución deste primitivo arado, conduciu para outro máis complexo, denominado como arado romano. En esencia, consta dun madeiro con punta (dentil, dental, rastro, cabeza, cabazo), outro encurvado para atrás que se pode asir (rabela, rabiza). Ambas partes poden construírse dunha peza única. No extremo do rastro ou cabazo, pode ir unha punta de ferro, denominada rella, polo común . Outra peza, o timón ou temón, alongada, une a rabela co instrumento que xongue o animal que deberá arrastrar o apeiro. Na parte onde xongue, o temón ten unha serie de furados (chavellal), que permiten graduar a súa lonxitude coa introdución dunha caravilla ou chavella. O timón e o rastro están unidos aínda por outra peza, vertical, denominada a teiroa ou teiró, e tamén seita, coitelo e enfesta. Nomes parecidos recibe a coitela que atravesa o timón e que vale para cortar a maleza: seita, coitelo. Nun burato da teiroa, por riba do temón, permite graduar o ángulo a formar entre o temón e o rastro, mediante unha cuña de pau.

A maior innovación do arado romano foi a introdución de dúas táboas ou a súa evolución, de madeira tamén, a cada lado anterior do dentil, que facilitaban apartar a terra segundo se araba, aínda que os primitivos arados romanos carecían delas. O seu nome varía en galego: orelleiras, abeacas, abecas, gueifas ou forcados. Poden levar cuñas para aseguralas ben. Unha peza travesa de madeira pode regular a maior ou menor abertura das abeacas; recibe o nome de meixelo, meixil, pespiñeiro, pezpiñeiro, pezcuño etc.

Historia do arado

editar

Prehistoria

editar

O arado evolucionou desde as aixadas ou sachos neolíticos. Un simple madeiro curvo coa punta endurecida ao lume, para poder fender a terra, e posibelmente arrastrado por seres humanos, foi o antecedente.

A inserción dun madeiro longo, o timón, posibilitou xunguilo a un animal, para o que era obrigado dispor dun xugo ou unha coleira para o animal. A rella é foi o paso seguinte, pois permitía un mellor afondamento na terra, paso que non foi posíbel até a Idade dos Metais.

Idade Antiga

editar

Arados simples son coñecidos en Mesopotamia e Exipto a través da documentación artística (pinturas, escultura etc). Tamén para a Idade de Bronce en Escandinavia.

 
Arado exipcio, ca. -2700, Tumba de Itet.

Para Mesopotamia descríbese un arado evolucionado con dental de madeira, rabiza dupla e timón[2].En Exipto coñécense representacións desde as grandes pirámides da dinastía IV, arredor de 2700 a. C. O arado exipcio aparece como moi simple: rabiza e dental dunha única peza de madeira, o timón fixado á base da rabiza por unha corda; en tres mil anos apenas sofre evolucións. O tiro é efectuado por vacas e o xugo é un simple pau traveseiro que pasa por diante dos cornos. O labor realizado por este tipo de arados era moi superficial e debía ser completado con traballo de aixada.[3] Mais parece que a falta de desenvolvemento estaba en relación coa bondade do terreo nas marxes do Nilo.[4]

O arado grego evolucionou máis, pero carecía de orelleiras. Era de tipo composto, e estaba formado por rabiza, dental e timón, cunha rella de madeira, máis esta a partir do século IV a.C. era xa de ferro. Porén, isto non impedía que arada tivese que ser repasada con aixada, quizais porque os animais de tiro eran mulas normalmente, xa que o gando vacún, polo menos na Grecia clásica escaseaba, salvo en zonas como o Epiro, Tesalia ou Beocia.[5]

Novidade romana foi a introdución das orelleiras ou vertedoiros, que permitían voltear a terra (porén algúns autores as adxudican tamén aos gregos). O seu arado esixía dúas aradas, a segunda transversal e impuña, en certo modo, campos cadrados. Lograron outros avances. Plinio o Vello cita na Galia un arado con rodas, arrastrado por oito bois, segundo Verxilio dotado de timón curvo. Porén este arado non triunfou, en parte porque a armazón non debía ser suficientemente forte, e en parte polo tipo de xugo de cangas que empregaban, aínda que isto é máis discutíbel.[6]

Idade Media e Moderna

editar
 
Charrúa simple medieval, ilustración do Breviario Grimani, ca. 1510.

Para Lynn White Jr. a revolución agrícola da Idade Media iniciouse no século VI d. C. cando os eslavos crearon o arado de rodas, que os occidentais adoptaron co nome de carruca. As primeiras mencións seguras atópanse no val do río Po no 643 e na Lex Alemanorum do ano 720. Posuía unha rella vertical (a seita ou coitela dos nosos arados), orelleiras ou abeacas angulares, e estrutura cuadrangular. Era máis pesado, polo que esixía varios pares de bois ou cabalarías. Este novo arado profundizaba debidamente nas terras máis pesadas, con frecuencia limosas, dos países da Europa central e oriental. Alentaba a asociación do campesiñado, que por si só non podían manter tantos bois, e obrigaba a campos abertos e longos.[7]

Con todo, de por si, este arado non se impuxo por todos os lados de xeito universal. Á Gran Bretaña non chegou até o século XI, xunto coa conquista normanda. Tampouco se adoptou na Península Escandinava, aínda que si en Dinamarca, nin no sur de Francia. No extremo occidental da Península Ibérica, na Galiza, está documentado co nome de vesadoiro (un derivado do latín aratrum versatorium) a fins do século XIII, entre a documentación do mosteiro de Sobrado, e como posesión dos monxes.[8] É probábel que fose entón unha novidade introducida polos cistercienses.

 
Charrúa con tiro de cabalarías. Gravado de Hans Holbein o Mozo, "Danza Macabra", ca. 1540.

A comezos do século XVIII o padre Sarmiento veuno ("o vesadoiro, que é arado ancho e grande, con tres rabizas e ten rodas" e "seis ou oito pares de bois"), preto de Pontevedra, cando tiña entre dez anos, e fixo unha descrición de como araba: "sendo neno vin bicar unha terra, notei que o suco era unha gabia dunha vara de fondo e do ancho correspondente(...) En canto a raíces todas se arrincan con facilidade con a forza que aplican sete ou oito pares de bois". Cincuenta anos despois, cando pregunta polo "vesadoiro", non atopa resposta, aínda que se decata de que, "terra adentro" aínda se emprega. Sarmiento recolle tamén o uso galego da charrúa, un directo descendente do francés charrue, que á súa vez, procede da carruca altomedieval arriba descrita. A charrúa galega de mediados do XVIII, que coñece o moxe bieito, carece de rodas. Porén, aínda Hans Schneider, na cuarta década do século XX, coñece a charrúa propia, con rodas, na Limia Baixa.[9]

Idade Contemporánea

editar
 
Arado brabante francés

Nos albores da Revolución Industrial, en 1730, o inglés Joseph Foljambe innovou o arado mantendo o seu deseño básico, con ou sen rodas. O seu arado foi denominado "arado Rotherham" (polo seu lugar de residencia). Forrou o dental completamente de ferro, aínda que o apeiro resultou máis lixeiro que os arados convencionais coñecidos. O arado Rotterham debeu ser o primeiro arado construído en factorías.

En 1837, o norteamericano John Deere creou o primeiro arado enteiramente feito de aceiro. Entre tanto, efectuáranse tamén progresos en Flandres desde 1600, que culminaron, a inicios do século XIX, no arado brabante, que se estendeu rapidamente por Francia e outros países europeos. Consistía nunha charrúa de ferro dotada dun par de vertedoiros móbeis, que viraban en sentido contrario, unha á esquerda e outra a dereita, alternativamente, o que permitía abrir mellor os regos ou sucos.

 
Arado con vertedoiros de disco arrastrado por tractor, Estados Unidos, segunda década do XX

As innovacións subseguintes afectaron ao aparello de arrastre. Os primeiros tractores movidos por tractores a vapor apareceron na década de 1860 nos Países Baixos, e na década dos 1890, logo da invención do motor de explosión, foi posíbel a fabricación de tractores con motores de gasóleo. Paralelamente foron introducidos novos tipos de vertedoiros, da que a innovación máis chamativa estivo constituída posibelmente por discos xiratorios, que se poden colocar en fileiras diferentes. Estes discos poden ser de deseño distinto consonte as calidades das terras. Porén precisan da subministración de enerxía adicional externa, o que os fai bastantes caros, polo que non están tan espallados como os arados provistos de vertedoiros ou coitelas tradicionais.

Galería de imaxes

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arado.
  2. cfr. Garelli, P., Sauneron, S., El trabajo bajo los primeros estados. Barcelona. Grijalbo. 1974, páx. 18
  3. cfr. Ibídem, páx. 95
  4. Enguix, R., El antiguo Egipto.s.l. Anaya. 1991, páx. 17
  5. Vial, Cl., Léxico de la antigüedad griega. Madrid. Taurus. 1983, s.v. agricultura, instrumentos de-, s.v. ganadería
  6. cfr. Plinio, Historia Natural, XVIII, 18; Verxilo, Xeórxicas, I, 174. Cfr. Marc Bloch, La historia rural francesa:Caracteres originales, trad.española. Barcelona. Crítica. 1978, páx. 151-152; cfr. tamén Lynn White Jr., La expansión de la tecnología, 500-1500, in VV. AA., Historia económica de Europa:1. La Edad Media. Barcelona, Ariel, 1981, páxs. 155-157.
  7. Lynn White Jr, op. cit., páxs. 156-157
  8. Pallares Méndez, M. C., El monasterio de Sobrado: un ejemplo de protagonismo monástico en la Galicia medieval. A Coruña. Deputación Provincial. 1979, Ap. Doc., nº 54
  9. Pensado Tomé, J.L., Estudio preliminar, in Martín Sarmiento, Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega. Salamanca. Acta salmanticensia, 72. 1973, páxs. 100-103

Véxase tamén

editar