Asalto do bou Eva
O asalto do bou Eva foi un intento de evasión de republicanos galegos para se exiliar logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.
Historia
editarO 23 de abril de 1937 oito homes e unha muller (casada dende pouco cun deles) dispoñíanse a escapar a Francia por mar dende o porto de Vigo. Tras seren delatados, posiblemente por un tripulante, os falanxistas asaltaron o barco. Arrimaron un barco alxibe do porto e asolagaron a bodega do bou, primeiro con auga fría e despois con auga quente. Mais os tripulantes non saíron, decidiron pór fin á súa vida de maneira colectiva antes de entregárense ós falanxistas.
Pasaxeiros
editarOs pasaxeiros, de distinta orientación política, eran os galeguistas José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao (curmáns de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao), os socialistas Manuel Martínez Moroño, José Rodríguez Lorenzo e Fernando Rodríguez Lorenzo, e os comunistas Luís Álvarez González, Camilo Campos Méndez e o matrimonio Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira.
- José Losada Castelao, nado en Rianxo e de profesión mestre. Afiliado ó Partido Galeguista, curmán de Castelao. Suicidouse con 45 anos.[1]
- Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo e de profesión mestre. Curmán de Castelao. Suicidouse con 31 anos.[2]
- Manuel Martínez Moroño, nado en Vigo e de profesión mariñeiro. Suicidouse con 44 anos.[3]
- José Rodríguez Lorenzo, natural de Sárdoma, Vigo, e de profesión albanel. Suicidouse con 30 anos.[4]
- Fernando Rodríguez Lorenzo, nado en Vigo e de profesión albanel. Suicidouse con 37 anos.[5]
- Luis Álvarez González, nado en Becerreá mais residente en Vigo, era obreiro naval en Barreras. Suicidouse con 30 anos.[6]
- Camilo Campos Méndez, nado en Celanova mais residente en Vigo, era barbeiro. Suicidouse con 33 anos.[7]
- Carmen Miguel Agra, nada en Vigo, de profesión ama de casa. Suicidouse con 24 anos.[8]
- Anxo Nogueira Nogueira, nado en Vigo e afiliado á UXT. Suicidouse con 30 anos.[9]
Repercusión
editarO suceso foi omitido polo réxime de Francisco Franco, e nulamente difundido durante a Transición española. Segundo Xesús Alonso Montero, presidente do Foro pola Memoria:
Un suicidio colectivo coma o do bou Eva non sucedeu en ningún outro lugar durante a Guerra Civil [...] se este país estivese normalizado, a historia do bou Eva estaría reflectida xa en películas, en libros ou no teatro.
O relato curto "Trae os mistos, arriba España" de Inma López Silva toma como base o asalto do bou Eva. Publicado por primeira vez en 2003,[10] está recollido no seu libro Tinta (2012).
Notas
editar- ↑ José Losada Castelao. na base de datos Nomes e voces.
- ↑ Manuel Rodríguez Castelao na base de datos Nomes e voces.
- ↑ Manuel Martínez Moroño na base de datos Nomes e voces.
- ↑ José Rodríguez Lorenzo na base de datos Nomes e voces.
- ↑ Fernando Rodríguez Lorenzo na base de datos Nomes e voces.
- ↑ Luis Álvarez González na base de datos Nomes e voces.
- ↑ Camilo Campos Méndez na base de datos Nomes e voces.
- ↑ Carmen Miguel Agra na base de datos Nomes e voces.
- ↑ Anxo Nogueira Nogueira na base de datos Nomes e voces.
- ↑ "Trae os mistos, arriba España". Dialnet. Consultado o 22 de abril de 2018.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Salgado, Daniel (13/1/2007). "Preparan unha homenaxe ás nove vítimas do bou 'Eva'", El País (en castelán).
- O Foro pola Memoria lembrará o desastre do bou "Eva" (Galicia-Hoxe).
- Historias para non esquecer. Matrimonio Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira.
- La crueldad facciosa, ABC (Madrid), 22/05/1937, páx. 13 (en castelán).
- Asociación Cultural Bou Eva