Anna Freud
Anna Freud, nada en Viena o 3 de decembro de 1895 e finada en Londres o 9 de outubro de 1982, foi unha psicanalista austríaca-británica.[1] Foi a sexta e máis nova dos fillos de Sigmund Freud e Martha Bernays. Seguiu o camiño do seu pai e contribuíu ao campo da psicanálise. Xunto con Melanie Klein, pode ser considerada a fundadora da psicoloxía infantil.[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de decembro de 1895 Viena, Austria |
Morte | 9 de outubro de 1982 (86 anos) Londres, Reino Unido |
Lugar de sepultura | Golders Green Crematorium (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Psicanalista |
Ocupación | psicanalista, escritora de non ficción |
Empregador | Universidade Yale |
Membro de | |
Alumnos | Robert Waelder (pt) e André Lussier (en) |
Familia | |
Pais | Sigmund Freud e Martha Bernays |
Irmáns | Ernst Ludwig Freud Martin Freud Sophie Freud Oliver Freud Mathilde Freud |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Medvik >>>:Freud, Anna, 1895-1982, Wissenschafterinnen in und aus Österreich (en) , (p.194-198) |
Páxina web | annafreud.org |
Comparada co seu pai, a súa obra deu énfase á importancia do ego e as súas "liñas de desenvolvemento" normais, ademais de incorporar énfase distintivo no traballo colaborativo ao longo de contextos analíticos e observacionais.[3]
Despois de que a familia Freud fose obrigada a abandonar Viena en 1938 coa chegada do réxime Nazi a Austria, retomou a práctica psicanalítica e o seu traballo pioneiro en psicoloxía infantil en Londres, establecendo a Hampstead Child Therapy Course and Clinic (hoxe chamada Anna Freud National Centre for Children and Families) en 1952 como centro de terapia, adestramento e investigación.
Traxectoria
editarOs anos vieneses
editarAnna Freud naceu en Viena, Austria-Hungría o 3 de decembro de 1895.[4][5][6] Era a filla máis nova de Sigmund Freud e Martha Bernays.[5] Creceu nun ambiente acomodado burgués.[4] Anna Freud parece que tivo unha infancia comparativamente infeliz, en que "nunca tivo relacións achegadas ou pracenteras coa súa nai, e, polo contrario, foi criada pola súa enfermeira católica Josephine".[7] Tivo dificultades nas relacións cos seus irmáns, especialmente coa súa irmá Sophie Freud. Sophie, que era a nena máis atractiva, representaba unha ameaza na loita polo afecto do seu pai: "as dúas Freuds máis novas desenvolveron a súa versión das divisións fraternais dos territorios: 'beleza' e 'cerebro',[8] e o seu pai falou unha vez dos seus celos por Sophie.[9]
Ademais da rivalidade entre as dúas irmás, Anna tivo outras dificultadas no crecemento: "unha moza en certa forma con problemas que se queixaba ao seu pai en cartas inocentes de todas as clases de pensamentos irracionais e sentimentos que a acosaban".[10] Parece que "en xeral, ela era incansablemente competitiva cos seus irmáns... e foi enviada repetidamente a granxas de saúde para un descanso rigoroso, paseos saudables e algunhas libras de máis para encher a súa forma demasiado fraca":[11] puido sufrir de depresión que lle causou desordes alimentarias.[12]
As relacións próximas entre Anna e o seu pai eran diferentes das do resto da súa familia. Era unha nena leda con reputación de traste. Freud escribiu ao seu amigo Wilhelm Fliess en 1899: "Anna volveuse totalmente fermosa a través das trasnadas".[13]
Máis tarde dixo que non aprendera moito na escola; polo contrario, aprendeu do seu pai e dos invitados na súa casa. Aos quince anos, comezou a ler a obra do seu pai e descubriu que un soño que tivera aos dezanove meses aparecía en A interpretación dos soños.[14] Os comentaristas destacaron como "no soño da pequena Anna... a pequena Anna só alucinaba con obxectos prohibidos".[15] Anna acabou a súa educación no Cottage Lyceum de Viena en 1912. Sufrindo de depresión e anorexia,[16] estaba insegura sobre que facer no futuro.
Unha visita ao Reino Unido no outono de 1914, na que a acompañou o colega do seu pai Ernest Jones, provocou preocupación a Freud cando descubriu as intencións románticas deste. O seu consello a Jones, nunha carta do 22 de xullo de 1914, foi que a súa filla "... non pedía ser tratada como unha muller, estando aínda moi lonxe dos desexos sexuais e máis ben rexeitando os varóns. Hai un entendemento honesto entre ela e mais eu de que non debería considerarse o matrimonio ou os preliminares antes de que ela cumpra dous ou tres anos máis".[17]
En 1914 aprobou o exame para traballar de aprendiz de profesora na súa antiga escola, Cottage Lyceum. Entre 1915 e 1917, traballou en terceiro, cuarto e quinto grao. No curso escolar 1917-18, comezou "a súa primeira aventura como Klassenlehrerin (profesora titular) en segundo grao".[18] Polo seu traballo durante os cursos 1915-18 foi eloxiada polo seu superior, Salka Goldman que escribiu que mostraba un "grande entusiasmo" por todas as súas responsabilidades, pero era particularmente apreciada polas súas "preparacións concienciudas" e polo seu "regalo por ensinar", tendo tanto éxito que foi invitada a permanecer na escola cun contrato de catro anos que comezou no outono de 1918.[18]
Análise
editarTras experimentar múltiplos episodios de enfermidade, Anna Freud resignou do seu posto en 1920. Isto permitiulle perseguir mellor o seu interese crecente na obra e nos escritos do seu pai.[19] Entre 1918 e 1921 e de 1924 a 1929 traballou en análise co seu pai.[20]
En 1922 presentou o seu artigo "Beating Fantasies and Daydreams" na Sociedade Psicanalítica de Viena e fíxose membro da sociedade. En 1923, comezou a práctica psicanalítica infantil e en 1925 xa impartía clases no Instituto de Adestramento Psicanalítico de Viena sobre técnicas de análise infantil. Entre 1925 e 1934, foi secretaria da Asociación Psicanalítica Internacional mentres continuaba coa análise infantil e contribuía con seminarios e conferencias sobre a materia. En 1935 converteuse en directora do Instituto de Adestramento Psicanalítico de Viena e o seguinte ano publicou o seu influente estudo das "formas e medios polos que o ego repele a depresión, a desaprobación e a ansiedade", Das Ich und die Abwehrmechanismen. Converteuse nun traballo fundacional da psicoloxía do ego e estableceu a reputación de Freud como teórica pioneira.[21]
Entre os primeiros nenos que Freud analizou estaban os de Dorothy Burlingham. En 1925 Burlingham, herdeira da tenda de xoias de luxo Tiffany chegara a Viena dende Nova York cos seus catro fillos e comezou coa análise en primeiro lugar con Theodore Reik e logo, con vistas ao adestramento en análise infantil, coa propia Freud.[22] Anna e Dorothy axiña desenvolveron "relacións íntimas que lembraban moito ás das lesbianas", aínda que Anna "negou categoricamente a existencia dunha relación sexual".[23] Despois de que os Burlinghams se mudasen ao mesmo bloque de apartamentos que os Freuds en 1929, ela converteuse efectivamente da madrasta dos nenos.[24]
Os anos londinienses
editarEn 1938, tralo Anschluss, no que a Alemaña nazi ocupou Austria, Anna foi levada aos cuarteis da Gestapo de Viena por preguntar polas actividades da Asociación Psicanalítica Internacional. Sen sabelo o seu pai, ela e o seu irmán Martin conseguiran Veronal de Max Schur, médico da familia, en cantidades suficientes para suicidarse se se enfrontaban coa tortura ou a prisión. Na realidade, ela superou o sufrimento do interrogatorio e volveu á casa familiar. Despois de que o seu pai aceptase reticente a necesidade de abandonar Viena, ela ocupouse de organizar o complexo proceso de emigración para a familia xunto con Ernest Jones, entón presidente da Asociación Psicanalítica Internacional, que asegurou os permisos de emigración que levaron a familia a establecerse no seu novo fogar de Londres no 20 Maresfield Gardens, Hampstead.[25]
En 1941 Freud e Burlingham colaboraron no establecemento do War Nursery para nenos con vidas que foran alteradas pola guerra. O local foi adquirido en Hampstead, North London e en Essex para dar educación e coidado residencial e nas que as nais eran animadas a visitalos tanto como puidesen. Moito do persoal foi recrutado da diáspora austro-alemá. Regularmente impartíanse conferencias e seminarios sobre teoría e práctica psicanalítica. Freud e Burlingham continuaron a publicar unha serie de estudos observacionais sobre o desenvolvemento infantil baseados no seu traballo alí, con enfoque no estrés dos nenos e a súa capicidade para atopar afectos substitutivos entre os seus amigos, ante a ausencia dos seus proxenitores.[26] The Bulldog Banks Home, nunha liña similar, fundouse trala guerra para nenos que sobreviviran aos campos de concentración. Para continuar e desenvolver o traballo realizado con nenos durante a guerra crearon a Hampstead Child Therapy Course and Clinic en 1952.
Coa chegada ao Reino Unido, Freud comezou a dar conferencias sobre análise infantil. Nese momento en Londres, o campo da análise infantil estaba amplamente dominado por Freud e Melanie Klein, rival teórica e clínica de Freud. A chegada a Londres provocou a separación da psicanálise británica en tres escolas: freudiana, kleiniana e independente. A idea kleiniana difería da freudiana en varias técnicas metodolóxicas e teóricas sobre a infancia. Por exemplo, os freudianos non crían que os nenos experimentasen o superego, e o terapeuta debería partir das súas transferencias e figuras significativas. En contraste, Klein cría que os nenos tiñan superego e necesitaban ser tratados coas mesmas técnicas que os adultos.[27] Estas diferenzas inicialmente ameazaron a disciplina das técnicas de Freud en Inglaterra, mais ao final da segunda guerra mundial, o conflito resolveuse coa aceptación en paralelo de ambas as escolas.
Freud nacionalizouse como británica o 22 de xullo de 1946.[28]
Dende a década de 1950 e ata o final da súa vida, viaxou regularmente aos Estados Unidos para dar conferencias, impartir clases e visitar amigos. Foi elixida vicepresidenta da International Association of Psychoanalysts e Membro Estranxeiro Honorario da American Academy of Arts and Sciences en 1959.[29] En 1973 foi elixida presidenta da International Association of Psychoanalysts.
Durante a década de 1970 estivo interesada nos problemas dos nenos desfavorecidos emocional e socialmente, e estudou desvíos e retardos no desenvolvemento. Na escola de leis de Yale, impartiu seminarios sobre delitos e famlia, o que a levou a colaboracións transatlánticas con Joseph Goldstein e Albert J. Solnit sobre as necesidades infantís e a lei, publicadas en tres volumes como Beyond the Best Interests of the Child (1973), Before the Best Interests of the Child (1979) e In the Best Interests of the Child (1986).
Freud faleceu en Londres o 9 de outubro de 1982. Foi incinerada en Golders Green Crematorium e as súas cinsas colocáronse nun estante de mármore xunto á urna funeraria da antiga Grecia dos seus pais. A súa compañeira Dorothy Tiffany-Burlingham e outros membros da familia Freud tamén descansan alí.
Un ano despois da súa morte publicáronse as súas obras completas. Foi descrita como "unha profesora apaixonada e inspiradora" e en 1984 a Hampstead Clinic foi rebautizada como Anna Freud Centre. En 1986 a súa casa londiniense durante corenta anos foi transformada, seguindo os seus desexos, no Freud Museum, dedicado ao seu pai e á British Psychoanalytical Society.
Notas
editar- ↑ "Anna Freud | Austrian-British psychoanalyst". Encyclopædia Britannica. Consultado o 26 de abril de 2016.
- ↑ Shapiro, Michael (2000). The Jewish 100: A Ranking of the Most Influential Jews of All Time. p. 276.
- ↑ Young-Bruehl 2008, pp. 460–61
- ↑ 4,0 4,1 "Anna Freud, Psychoanalyst, Dies in London at 86". www.nytimes.com. Consultado o 26 de abril de 2016.
- ↑ 5,0 5,1 "Biography.com".
- ↑ "Freud Museum London".
- ↑ Phillips, páx. 92
- ↑ Young-Bruehl, citado en Phillips, páx. 93
- ↑ Gay, páx. 432
- ↑ Gay, Peter (1990) Reading Freud. Londres. Yale University Press. ISBN 0300046812. páx. 171
- ↑ Gay, páx. 430
- ↑ Young-Bruehl, páx. 59
- ↑ Anna Freud: Her Life and Work. Freud Museum Publications (1993) páx. 1
- ↑ Gay, páx. 108–9
- ↑ Lacan, Jacques (1994) The Four Fundamental Concepts of Psychoanalysis. Londres. ISBN 0-393-00079-6. páx. 155
- ↑ Capítulo X, segunda parte titulada "L’antigone vierge et martyre" de Michel Onfray, en "Le crépuscule d'une idole. L'affabulation freudienne." Grasset, París, 2010.
- ↑ Paskauskas, R. Andrew (Editor). The Complete Correspondence of Sigmund Freud and Ernest Jones, 1908-1939. Cambridge, Massachusetts/Londres: Belknap Press 1993.
- ↑ 18,0 18,1 Young-Bruehl, Elisabeth (2008). Anna Freud: A Biography. Yale University Press. pp. 76–78. ISBN 978-0300140231.
- ↑ Young-Bruehl, Elisabeth (2008). Anna Freud: A Biography. Yale University Press. páx. 76–78
- ↑ Roudinesco (2016) Freud: In His Time and Ours. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press, páx. 556
- ↑ "Anna Freud 1895 – 1938". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2004. Consultado o 10 de agosto de 2018.
- ↑ Young-Bruehl 2008, pp. 132–36
- ↑ Roudinesco (2016) Freud: In His Time and Ours. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press, páx. 249
- ↑ Young-Bruehl, Elisabeth (2008). Anna Freud: A Biography. Londres: Yale University Press. ISBN 978-0-300-14023-1. p. 138
- ↑ Young-Bruehl, páx. 227-28
- ↑ Young-Bruehl (2008) páx. 247-8
- ↑ Fisher et al., 2005
- ↑ [https://www.thegazette.co.uk/London/issue/37734/page/4754 London Gazette, 20 de setembro de 1946
- ↑ "Book of Members, 1780–2010: Chapter F" (PDF). American Academy of Arts and Sciences. Consultado o 29 de xullo de 2014.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anna Freud |
Bibliografía
editar- Burlingham, Michael John (1989). Last Tiffany: A Biography of Dorothy Tiffany Burlingham. Nova York: Atheneum. ISBN 978-0689118708.
- Coffey, Rebecca (2014). Hysterical: Anna Freud's Story. Nova York: She Writes Press. ISBN 9781938314421.
- Coles, Robert (1992). Anna Freud: The Dream of Psychoanalysis. Reading, Mass.: Addison-Wesley. ISBN 0-201-57707-0.
- Fenichel, Otto (1946). The Psychoanalytic Theory of Neurosis. Londres. ISBN 0203981588.
- Gay, Peter (1988). Freud: A Life for Our Time. Londres: J. M. Dent & Sons. ISBN 0-333-48638-2.
- Peters, Uwe Henrik (1985). Anna Freud: A Life Dedicated to Children. Nova York: Schocken Books. ISBN 0-8052-3910-3.
- Phillips, Adam (1994). On Flirtation. Londres: Harvard University Press. ISBN 0674634403.
- Young-Bruehl, Elisabeth (2008). Anna Freud: A Biography. Londres: Yale University Press. ISBN 978-0-300-14023-1.
Ligazóns externas
editar- Anna Freud CentreArquivado 16 de outubro de 2015 en Wayback Machine.
- Life and Work of Anna Freud
- International Psychoanalytical Association
- Biography of Anna Freud
- Lost Girl by Doug Davis
- Commentary on Freud's The Ego and the Mechanisms of Defense from 50 Psychology Classics (2003)
- Anna Freud correspondence/ from the Historic Psychiatry Collection, Menninger Archives, Kansas Historical Society]
- Anna Freud Profile on Psychology's Feminist VoicesArquivado 25 de abril de 2016 en Wayback Machine.