Ao Run
Ao Run (chinés tradicional:敖閏; chinés simplificado: 敖闰; pinyin: Áo Rùn; Wade-Giles: Ao2 Jun4) ou Ao Ji (chinés tradicional e simplificado: 敖吉; pinyin: Áo Jí; Wade-Giles: Ao2 Chi2) é o rei dragón do mar do oeste (xihai longwang 西海龙王), un dos reis dragóns dos Catro Mares das mitoloxías chinesa e coreana.[1] Trátase dunha importante crenza do folclore popular chinés, polo que existen múltiples templos dedicados aos reis dragóns.[2]
Ao Run é o patrón do lago Qinghai, e está relacionado co Tigre Branco, xa que ambos son divindades do oeste. Os seus irmáns son Ao Guang, o rei dragón do mar do leste; Ao Qin, o rei dragón do mar do sur, e Ao Shun, o rei dragón do mar do norte.[3]
Lenda
editarSegundo a Chuanshuo qinghai 传说青海 ("A lenda de Qinghai"), moito tempo atrás, o rei dos dragóns estaba moi feliz polo nacemento dos seus catro fillos. Ao medrar, comezaron a causarlle molestias polas súas numerosas bromas e novatadas, polo que decidiu convocalos a todos no seu pazo de cristal. Alí, díxolles: "Agora sodes grandes, polo que deberiades ter os vosos propios territorios". Xa que logo, ordenou ao máis vello, Ao Guang, facerse rei do mar do leste; ao segundo, Ao Qin, mandouno gobernar o mar do sur; e ao terceiro, Ao Shu, o mar do norte. Todos eles desexaban vivir co seu irmán máis novo, Ao Run, que non obstante exclamou: "Eu serei o rei do mar do oeste!". Coa beizón do pai, os reis dragóns emprenderon a súa viaxe.[4]
Porén, Ao Run voou por longo tempo sen atopar o mar do oeste. Ao chegar ao pé da montaña Qilian, exhausto, púxose a chorar, dado que non podía ser rei do mar do oeste se este non existía. Así, ascendeu a montaña e convocou ás tormentas, pero sen éxito. O emperador de xade, sentindo mágoa por Ao Run, enviou ao señor do trono, á nai do raio, ao conde do vento e mais ás nubes para axudalo. Deste xeito, naceu o lago Qinghai. Dende entón, Ao Run domina as súas augas como rei do mar do oeste.[4]
Ao Run tivo tres fillos: Ao Lie, o corcel de Tang Sanzang; Ao Moang; e mais unha filla, Ao Cinxin, tamén chamada a dragoa do mar do oeste.
Na mitoloxía coreana
editarNa coñecida lenda de Jakjaegeon, parte da mitoloxía fundacional da dinastía Goryeo, o protagonista mata a un vello gwishin co seu arco, a petición de Ao Run, que se lle apareceu nun soño. En agradecemento, o rei dragón concedeulle a man da súa filla, e predí que o neto será o futuro monarca Taejo de Goryeo. Jakjaegeon tivo catro fillos, o máis vello dos cales, Yong Geon, foi o pai de Taejo.[5][6]
Outro mito afirma que Ao Run enviou unha tartaruga ao rei Changsu de Goguryeo para felicitalo por mudar a capital do seu país a Pyongyang.[7]
Na cultura popular
editar- O nome xenérico do extinto genus de dinosaurio Aorun provén do rei dragón do mar do oeste.
Notas
editar- ↑ Korea), The National Folk Museum of Korea (South (2014-11-27). Encyclopedia of Korean Folk Literature: Encyclopedia of Korean Folklore and Traditional Culture Vol. III (en inglés). 길잡이미디어. ISBN 978-89-289-0084-8.
- ↑ Guru, Shri Bhagavatananda (2015-09-29). A Brief History Of The Immortals Of Non-Hindu Civilizations (en inglés). Lulu.com. ISBN 978-1-329-58607-9.
- ↑ "Dragon Kings of Mythistory - Shen Yun Performing Arts". www.shenyun.org (en inglés). Consultado o 2024-02-18.
- ↑ 4,0 4,1 "西海龙王叫什么名字,西海在哪里? — 未解之谜网". www.49363.com. Consultado o 2024-02-18.
- ↑ Tales of Pyongyang (en inglés). Foreign Languages Publishing House. 1988.
- ↑ 元曉研究論選集 (en chinés). 中央僧伽大學佛敎史學研究所. 1994.
- ↑ Korea Today (en inglés). Foreign Languages Publishing House. 1981.
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: China |