Acordeón
O acordeón[1] é un instrumento musical de vento, é o máis pequeno representante da familia do órgano. Consiste basicamente nunha harmónica unida a un fol que permite o desprazamento de aire, xunto a un xogo de palletas que vibran co paso do mesmo.
Características
editarO primeiro prototipo de acordeón foi deseñado polo berlinés Christian Friedrich Ludwig Buschmann quen lle engadiu un fol á orixinal harmónica no ano 1822. O 6 de maio de 1829 o austríaco Cyrill Demian patentou un acordeón consistente en dúas caixas de madeira unidas por un fol flexible que se podía abrir e pechar para impulsar o aire. As caixas levaban dúas ringleiras de lingüetas unidas a botóns, que permitían seleccionar os sons mediante a súa pulsación. No ano 1880 engadíuselle un segundo teclado para a man esquerda que permitía facer o acompañamento da melodía tocada coa dereita. Desde ese momento o acordeón introduciuse na música tradicional de toda Europa.
O acordeón en Galiza
editarNa súa chegada a Galiza o acordeón fíxose moi popular nos bailes agarrados,[2] ocupando o lugar, en ocasións, dos tradicionais gaiteiros en romarías e foliadas. Empregáronse tradicionalmente dous tipos: o acordeón diatónico, que só permite a escala diatónica e no que un mesmo botón emite unha ou outra nota segundo se abra ou peche o fol; e o acordeón cromático, que permite escalas cromáticas e emite a mesma nota independentemente de se se abre o pecha o fol. O acordeón cromático integrouse desde mediados do século XX nos cuartetos tradicionais e nas charangas galegas, xunto a gaitas, clarinetes e saxofóns.
Despois da segunda guerra mundial o seu uso recuou, até que arredor de 1980, comeza a se recuperar na música tradicional de moitas partes de Europa, e mesmo en grupos de música alternativa, como Mano Negra. É frecuente o seu uso na música galega contemporánea en grupos como Berrogüetto, Os Cempés, A Compañía do Ruído ou Os Diplomáticos de Monte-Alto.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para acordeón.
- ↑ Camafeita, Olga (2001). "Acordeón". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Camafeita Longa, Olga (2010). Dicionario Da Música Popular En Galicia (PDF). Rinoceronte Editora. ISBN 8493781657.
- Carpintero Arias, Pablo (2010). Os Instrumentos musicais na tradición galega. Difusora de Letras, artes. ISBN 8492958057.