Yago Lamela
Nome orixinal | Yago Lamela Tobío |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (es) Santiago Lamela Tobío 24 de xullo de 1977 Avilés, España |
Morte | 8 de maio de 2014 (36 anos) Avilés, España |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | cemiterio de La Carriona |
Altura | 177 cm |
Peso | 79 kg |
Actividade | |
Campo de traballo | Salto de lonxitude |
Ocupación | atleta |
Deporte | atletismo |
Disciplina deportiva | Salto de lonxitude |
Participou en | |
2004 | Xogos Olímpicos de 2004 |
2000 | Xogos Olímpicos de 2000 |
Cadro de medallas | |||
---|---|---|---|
Atletismo | |||
Campionato do Mundo de Atletismo | |||
Sevilla 1999 | Salto de lonxitude | ||
París 2003 | Salto de lonxitude |
Yago Lamela Tobío, nado como Santiago Lamela en Avilés, o 24 de xullo de 1977 e finado na mesma cidade o 8 de maio de 2014, foi un atleta español, fillo de galegos, que competiu no salto de lonxitude[1], e en menor medida, no triplo salto.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu pai, finado en 2021[2], era un enxeñeiro de Lira que, despois de traballar en Cee (onde naceron varios irmáns de Lamela), emigrara a Asturias a mediados da década dos setenta. A nai tamén era galega. O pai mudoulle o nome de Santiago a Yago sendo o atleta aínda un rapaz[3]. Yago Lamela seguiu a manter o contacto con Lira en veráns e vacacións.[2]
Empezou a competir en atletismo na Atlética Avilesina, o club local, logo de iniciarse correndo cros[4]. Con oito anos saltou xa máis de catro metros, con trece chegou aos 6 m, con 15 sobardou os 7 metros e con 18 superou en dúas ocasións os 8 m[4]. O seu primeiro adestrador na Avilesina chamouse Carlos Alonso.
Ao rematar o bacharelato accedeu a unha bolsa da Universidade de Iowa[5], onde estudou Informática e onde adestrou con Juan José Azpeitia, que sería o seu adestrador de novo ao final da súa carreira deportiva. Despois de Iowa adestrou con Juan Carlos Álvarez no Centro de Alto Rendemento de San Cugat e con Rafael Blanquer.
O mellor ano de Yago Lamela foi 1999, o seu primeiro ano de competición, cando saltou 8,56 e conseguiu a medalla de prata no Mundial en pista cuberta en Maebashi (Xapón). Esa marca de 8,56 en pista cuberta foi récord europeo, e mantívose así durante unha década. Mantívose na elite da alta competición até 2004, con marcas que normalmente superaban os 8 metros. Durante ese tempo enfrontouse en diversas ocasións con Iván Pedroso, o líder mundial da especialidade na época. Porén, as súas participacións olímpicas foron de menor alcance, mancado polas lesións.
Lesións
[editar | editar a fonte]A comezos de 2004 empezou a sentir dor no tendón de Aquiles, como consecuencia dunha tendinose, unha condición crónica. A dor levouno a competir anestesiado nos Xogos de Atenas 2004, onde chegou á final pero non obtivo medalla. Ao pouco dos Xogos operouse en Finlandia, pero a recuperación tardou máis do que estaba previsto, e complicouse cun accidente de tráfico. En 2006, un par de semanas antes de reaparecer en competición, rompeu os dous tendóns[5].
En abril de 2007 operouse de novo en Finlandia, intervención cirúrxica que foi seguida dun tamén longo proceso de recuperación. En 2009, sen chegar a volver á competición a pleno rendemento, esgazou o papo da perna nun adestramento. Ao pouco, o saltador alemán Sebastian Bayer, nos campionatos de Europa de Turín, saltou 8,71 metros e superou o récord de Lamela por 15 centímetros. Dous días despois, o 11 de marzo de 2009, Yago Lamela anunciaba oficialmente a súa retirada[5].
Despois da retirada
[editar | editar a fonte]Despois da súa retirada a súa saúde mental deteriorouse. En xuño de 2011, o xa daquela ex-atleta ingresou na unidade de psiquiatría do hospital San Agustín de Avilés. Padecía depresión crónica[6]. Tres anos despois, o 8 de maio de 2014, atoparon a Lamela morto na casa dos pais. O forense sinalou que a causa da morte fora un ataque ao corazón.[7]
Mellores marcas
[editar | editar a fonte]- Salto de lonxitude - 8,56 (1999), en pista cuberta.
- Triplo salto - 16,72 (1998)
En 2021 seguía posuíndo os récords de España de salto de lonxitude, tanto en pista cuberta como ao aire libre, os dous en 8,56.
Principais competicións
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Mundo http://www.elmundo.es/deportes/2014/05/08/536bbb8c22601d2c478b4578.html
- ↑ 2,0 2,1 M, I. (2021-05-08). "Fallece el padre del atleta Yago Lamela". La Nueva España (en castelán). Consultado o 2021-05-08.
- ↑ "«Yago tenía un talento inusual»". El Comercio (en castelán). 2014-05-10. Consultado o 2021-05-08.
- ↑ 4,0 4,1 "Web Oficial de Yago Lamela". web.archive.org. Archived from the original on 11 de marzo de 2009. Consultado o 2021-05-09. Arquivado 11 de marzo de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "El salto más difícil de Yago Lamela. El Comercio". www.elcomercio.es. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ "Yago Lamela found dead - MARCA.com (English version)". Marca (en inglés). Consultado o 2021-05-09.
- ↑ Reports say Lamela death was heart attack