Xardinaxe
A xardinaxe, xardinaría ou xardinería, é a práctica, arte ou actividade de cultivar ou coidar plantas como parte da horticultura. Dáse principalmente en xardíns con plantas ornamentais que se cultivan polas flores, a follaxe ou pola aparencia xeral. As plantas útiles, como as hortalizas de raíz, as de folla, as froitas, as herbas, cultívanse para alimentación, como colorantes, ou para uso medicinal ou cosmético. Porén en lingua galega, e en xeral nas linguas latinas, o termo xardinaxe só designa o eido ornamental, deixando o eido do cultivo de especies útiles e comestíbeis á olericultura, pomoloxía, fruticultura, ou horticultura en xeral.
Un xardineiro, é aquel que practica a xardinaxe, xa sexa de xeito profesional coma por hobby.
A xardinaxe vai logo dende os pomares e bulevares, cun ou máis tipos diferentes de árbores, arbustos, ou herbáceas, até os xardíns residenciais, incluíndo céspedes, plantas en vasos e contedores, tanto de exterior coma interior. A xardinaría pode ser moi especializada, centrándose nunha soa especie ou cultivo, ou acoller un gran número de especies vexetais en plantacións mixtas. Ademais se envolve moito no cultivo intensivo das plantas, de xeito que se diferenza da agricultura ou do sector forestal.
Galicia salienta polos xardíns históricos dos pazos, influenciados pola xardinaxe moderna inglesa. Tamén polos xardíns, pomares e hortas nos eidos privados característicos do espallamento territorial do país onde se mesturan especies autóctonas e foráneas, froiteiras e ornamentais.
Historia
[editar | editar a fonte]O xardín forestal, un sistema de produción baseada en plantas para a alimentación, é a forma de xardinaxe non ornamental máis antiga do mundo.[1] Os xardíns forestais orixináronse en tempos prehistóricos ao longo da beira dos ríos selvosos e ao pé dos outeiros húmidos das rexións monzónicas.
A medida que os pobos foron mellorando a contorna e o xeito de vida, fóronse identificando as especies arbóreas útiles (froiteiras, videiras, madeira...), desbotando as non útiles. Ás veces seleccionáronse e incorporáronse a hortas e xardíns especies foráneas, como é o caso do castiñeiro en Galicia.[2]
Despois do xurdimento das primeiras civilizacións, os individuos máis ricos comezaron a crear xardíns con propósitos puramente estéticos. As pinturas das tumbas exipcias do 1500 antes de Cristo proban a existencia das primeiras hortas ornamentais e intentos de deseño da paisaxe; adoitan representar encoros con lotos arrodeados por ringleiras simétricas de acacias e palmeiras.
Os xardíns ornamentais xa eran coñecidos no mundo antigo, o exemplo de máis sona é o dos desaparecidos Xardíns pénsiles da Babilonia, unha das Sete marabillas do mundo antigo, así coma patrimonio da humanidade; os romanos tamén gostaban dos xardíns e atrios.
O deseño de xardíns remóntase ao antigo Exipto, onde os ricos empregábanos principalmente para se abeirar do sol. Os exipcios asociaban as árbores e os xardíns cos deuses; estes xardíns adoitaban estar coutados de valados ou sebes con palmeira en ringleiras. Entre as especies máis populares estaban as datileiras, os sicómoros, as figueiras, as amendoeiras e os salgueiros. Estes xardíns eran símbolo dun status social elevado. Ademais os antigos exipcios tiñan viñas, sendo o viño xa un distintivos das clases sociais acomodadas. Roseiras, papoulas, margaridas e lis eran tamén plantas comúns nestes verxeis.
Os asirios tamén foron coñecidos polos seus fermosos xardíns. Estes acostumaban ser largos e amplos, moitos usados para cazarías e outros para lecer. Alciprestes e palmeiras eran das árbores máis sonadas. Crese que cando o imperio asirio caeu Babilonia desenvolveuse coma un vizoso imperio cos xardíns pénsiles coma símbolo de fortaleza.
Os xardíns da antiga Roma eran coñecidos polas súas estatuas e esculturas, sempre presentes na vida romana. Deseñábanse con sebes e videiras e contiñan gran cantidade de flores, coma Acanthus, centáureas (Centaurea cyanus), sasafrán (Crocus spp.), ciclames (Cyclamen spp.), xacintos (Hyacinthus orientalis), lis (Iris spp.), hedras, cantroxos, lirios (Lilium candidum), mirtas (Myrtus commun), amarelles, papoulas (Papaver rhoeas), romeu (Rosmarinus officinalis) e violas (Viola odorata).[3] Os leitos de flores ou parterres xa eran populares nos atrios dos romanos máis podentes.
A Idade Media representa un período de declive no que se refire á xardinaxe. Despois da caída de Roma a xardinaxe tivo só o propósito de menciñar (cultivo de herbas medicinais), ou para enfeitar igrexas, altares e aras.
Os xardíns islámicos deseñáronse seguindo os modelos persianos e acostumaban estar choídos por valados ou muros e divididos en catro seccións con canles de auga. Adoitaban ter no centro do patio unha pía, un pequeno encoro ou un pavillón ornamental. Característico dos xardíns islámicos son os mosaicos e azulexos usados para decorar os regueiros e fontenlas cos que se enfeitan os atrios.
A finais do século XIII, europeos ricos comezaron a cultivar xardíns para lecer, para o cultivo de plantas medicinais e hortalizas.[3] Choeron os xardíns con muros e valados para os abeirar de animais bravos e ter illamento. Nos dous séculos a seguir, comezou en Europa a sementeira de céspedes, arriates de flores e enreixados de roseiras e rubideiras. As froiteiras eran comúns nestes xardíns. Asemade xorden os xardíns dos mosteiros, cheos de flores e plantas medicinais, onde monxes e freires podían gozar da natureza e se relaxar.
Os xardíns dos séculos XVI e XVII era simétricos, proporcionados e equilibrados cunha aparencia máis clásica. Moitos deles deseñábanse arredor dun eixo central, ficando divididos en partes iguais son sebes de buxos e outras especies. Adoitaban ter leitos de flores dispostos en figuras xeométricas separadas polos buxos e carreiros de grixo ou pedrullo.
Na Renacenza enfeitábanse con esculturas, topiaria e fontes que a miúdo tiñan chafarices con xogos de auga. No século XVII popularízanse en Inglaterra os knot gardens (literalmente xardíns de entrelazados), cheos de complexos deseños con labirintos de sebes. Comeza en Europa asemade o cultivo de novas flores coma os tulipáns, maravallas (Calendula officinalis) ou xirasois.
No século XVIII, os xardíns ficaron coma un privilexio reservado para as clases podentes. Os novos movementos paisaxistas, sempre encabezados en Inglaterra, tórnanos máis naturais, sen muros ou deseños xeométricos. Os xardíns deste tempo, acostuman ter grutas e furnas feitas con matos, pavillóns, quioscos, pontes, pontellas e toleiras coma imitacións de pequenos templos. Xa no século XIX os xardíns tórnanse accesíbeis ás clases medias dos países máis evolucionados, coma Inglaterra. En 1804 fórmase precisamente nese país a Horticultural Society (Sociedade hortícola). Os xardíns do XIX incorporan novas árbores de especies exóticas coma as araucarias (Araucaria araucana) ou as camelias. Os xardíns de rocallas tamén comezan no século XII.
O século XX vén marcado por unha revolución artística en todos os eidos, tamén na xardinaxe, onde xorden innumerábeis estilos.
En Galicia a xardinaría formal xorde na Idade Moderna nos pazos cun estilo propio moi influenciado pola xardinaxe inglesa. A xardinaría colle folgos no século XIX co deseño de alamedas co desenvolvemento das grandes cidades coma Vigo e A Coruña, axeitando antigos campos de feiras e carballeiras en novos parques e xardíns urbanos.
Excluíndo os pazos e casas grandes, a xardinaxe popular non colle forma en Galicia até ben entrado o século XX. Anterior a estas datas o xardín galego só acollía especies útiles e comestíbeis: pomares de froiteiras, viñas, soutos ou hortas ocupaban o eido arredor da casa. Algún signo ornamental podía atoparse á beira das casas: hortensias, margaridas, roseiras, e pouco máis.
Se ben nos espazos públicos, coma nos campos de feira xa se tiñan plantado especies para dar sombra, principalmente carballos que formaban as populares carballeiras que chegan aos nosos días; moitas delas convertidas en parques. Tamén salientan especies ornamentais nos adros das igrexas (principalmente oliveiras e teixos) e nos cemiterios (alciprestes e teixos).
O espallamento territorial característico de Galicia facilita que a meirande parte das casas teñan hoxe un xardín no seu eido. As condicións climáticas de Galicia (alta humidade e temperaturas pouco extremas) fan posíbel en boa parte do territorio o desenvolvemento de especies atlánticas, mediterráneas e incluso tropicais. Así atopamos unha desorde moi característica no xardín da casa galega de hoxe, onde se mesturan dende especies autóctonas até foráneas, e dende froiteiras a ornamentais; maceiras, videiras, carballos e roseiras conviven nun mesmo verxel con palmeiras, feixoas, oliveiras, camelias ou pradairos xaponeses...
Ver sección 'Galicia' deste artigo.
Tipos
[editar | editar a fonte]A xardinaxe particular ou residencial dáse derredor da casa, no espazo coñecido coma eido. Malia que o xardín acostuma acharse no terreo á beira da residencia, tamén pode ficar na terraza ou eirado, nun patio, nun balcón, nunha solaina, nunha xardineira, nun corredor, nun invernadoiro, nun viveiro ou mesmo nun parladoiro ou na soleira dunha fiestra.
A xardinaxe tamén se dá en zonas verdes non residenciais, coma parques, xardíns públicos, xardíns botánicos, zoolóxicos, parques de atraccións, nos bulevares e avenidas, nas alamedas, ou nos xardíns de hoteis, factorías etc. Os xardineiros son os encargados de manter estes terreos.
- Xardín de interior, é o relativo ao cultivo de plantas de interior dentro da vivenda ou nun invernadoiro. Ás veces comportan ar acondicionado ou sistemas de calefacción.
- Xardín paisaxista, é o xardín ecolóxico que emprega na plantación especies nativas ou co fin de crear un hábitat axeitado para a vida silvestre. Preténdese crear un xardín en harmonía coa contorna. Este tipo de xardín reduce o consumo de auga para rega, mantemento, custos de fertilización, ademais de incrementar o interese da fauna nativa. Un bo exemplo en Galicia serían as carballeiras.
- Xardín acuático ou de auga; sería o cultivo de plantas adaptadas a encoros e pozas. Os xardíns de turbeira ou brañas son tamén considerados xardíns de auga, xa que requiren solos lamacentos. Estes xardíns cómpren de coidados especiais. O exemplo máis sinxelo e frecuente de xardín acuático é unha pía chea de auga con algunha planta. Os acuarios con vexetación tamén se incluirían nesta categoría.
- Xardín en contedor; trátase do cultivo de plantas en vasos, testos, cestas, canastras ou calquera contedor, tanto no interior coma no exterior. Este tipo de xardinaxe é típico en patios, soleiras, atrios, balcóns e terrazas. Tamén é típico pór testos na eira diante da casa.
- Hügelkultur, é o cultivo de plantas e flores en leitos ou pías de madeira podre, compost ou estrume, dándose a compostaxe in situ.[4] É un termo do alemán que significa xardín amoreado. Toby Hemenway, destacado autor e profesor de permacultura, considera que soterrar estelas ou achas de madeira en sucos tamén é un xeito de hügelkultur, xa que as plantas non deixan de medrar en madeira en descomposición aínda que sexa nun rego.[5] A hügelkultur practícaa Sepp Holzer como un xeito de xardinaxe forestal e agroforestal, e tamén Geoff Lawton en xardinaría desértica.[6] Pode ser un bo método ecolóxico de fixación de carbono cando se cultiva en grandes volumes de estrume ou restos vexetais ou madeireiros.[4] É tamén unha forma de xeroxardinaxe (xardinaxe con pouco uso de auga).
- Horta comunitaria, é unha leira xestionada por un grupo de xente, converténdose máis ben nunha actividade social. Nesta agra prodúcense hortalizas frescas pero tamén serve coma área de lecer, esparexemento, sociabilidade e contacto coa natureza. É típica no norte de Europa, estando en Galicia aínda pouco desenvolvida.[7][8] Estes xardíns comunitarios adoitan ser propiedade dos concellos.[9]
- Xardín compartido; son xardíns típicos das urbanizacións anglosaxoas de casas acaroadas. Un mesmo terreo (diante ou detrás da vivenda) poder pertencer a varios veciños. Empréganse como zonas de lecer ou coma hortas ou cortiñas.
Xardineiros
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Xardineiro.
Un xardineiro é calquera persoa que participa da xardinaxe,[10] posibelmente é un dos traballos máis vellos, que vai dende un simple hobby até un traballo profesional. A xardinaría implica o deseño de xardíns, o cultivo de pequenas hortas para se fornecer de alimentos: pomares, viveiro, alcouves, ou a propia profesión de coidado dun gran xardín.
Tamén pode se referir aos paisaxistas, enxeñeiros ou arquitectos, que acostuman ser principalmente deseñadores de áreas verdes, máis ca da parte hortícola.
Elementos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Elementos arquitectónicos de xardín.
A xardinaxe pode ser realizada tanto dende un punto de vista profesional coma de hobby; con fins estéticos, terapéuticos, ou como xeito de obtención de alimento.
Ademais das ferramentas de traballo no xardín, e da propia plantación, hai un grande abano de elementos e accesorios dispoñíbeis no mercado para que tanto o xardineiro profesional coma o principiante amosen a súa creatividade. Estes elementos axudan a enfeitar, decorar as diferentes áreas do xardín, dende vieiros ou carreiros até parterres ou pérgolas.
Localización, tamaño e orzamento son tres compoñentes a ter en conta á hora da escolla dos accesorios para mellorar a decoración dun xardín.
Os accesorios poden estar feitos de diferentes materiais coma cobre, pedra, madeira, bambú, vime, aceiro inoxidábel, arxila, vidro, formigón, ferro etc, polo que o clima onde estea o xardín ha determinar a escolla dun ou outro material para garantir unha maior vida útil do elemento.
Unha decoración cos elementos axeitados engade personalidade e beleza ao xardín, e, dependendo da situación, tamén achegará funcionalidade.
Os camiños, por exemplo, son funcionais para o mantemento do xardín, pero ademais poden ser un elemento decorativo se se cobren con diferentes materiais coma frouma ou arume, casca de piñeiro, estelas de madeira, grixo, ladrillos ou cachotes. Así mesmo no deseño son importantes os fondos que poden incluír muros, valados, ou sebes, que aportan privacidade á zona , agochan elementos ou vistas non desexadas, e salientan outras.[11]
Os enreixados, pérgolas, parreiras e arcos aportan altura e se empregan para que as rubideiras gabeen. Cos enreixados créanse separación a xeito de xardíns verticais. As pérgolas aportan sombra nun camiño ou nunha mesa; denomínanse parras cando a especie plantada é unha videira. Mentres que os arcos adoitan situarse en camiños e entradas para decorar principalmente con roseiras e outras gateadoras, ademais de dar profundidade á paisaxe.[12]
Tamén o alumeado é importante nos xardíns que se usan á noite. Os accesorios van dende candeas, lanternas, lámpadas de aceite, candís até farois, tochas, ou fachas.
Comedeiras, manxadoiras, bebedoiros, e bañeiras son boas opcións para convidar aos paxaros a encher o xardín. Poden estar feitos de madeira, mentres que os bebedoiros e bañeiras acostuman ser pías ou maseiras. Ademais aportan un bo punto estético. Tamén pendurar casetos nas árbores para que os paxaros aniñen é unha boa escolla.
Os accesorios máis grandes coma bancos, fontes, figuras de pedra, cántaros e estatuas deben usarse con moderación ou darán unha aparencia desordenada do xardín.
A auga pode ser un elemento importante, que pode ir dende unha pía cun chafariz até unha lagoa. Encoros, poceiras e regueiros artificiais adoitan ser elementos típicos en xardíns de todos os estilos. Moitas veces inclúen pontellas e pasadoiros para atravesalos, especialmente nos xardíns xaponeses. As fontes poden ser de moi diversos estilos, dende os máis tradicionais aos máis modernos. Ademais de seren un elemento decorativo, teñen un efecto calmante no ambiente.[13] As pozas poden estar feitas de fibra de vidro, material lixeiro e resistente, e contar cunha bomba impulsada cun panel solar.[14]
Outros accesorios que poden personalizar os xardíns son as bólas de xardinaxe, gongs, figuriñas de gnomos, trasnos ou animais, cestos, testos, espeques, traveseiros do camiño de ferro, pequenos muíños etc.[15]
O novo xardín particular galego ten elementos especiais e diferenciais, moitas das veces é unha transformación da antiga casa, onde o eido transfórmase en xardín, a horta e o pomar en arboredos ou zonas de céspede con piscina, a eira e o eirado en patios, parras en pérgolas de flores e rubideiras, a palleira e o alpendre en garaxe ou casas de verán. É por isto que elementos e ferramentas da antiga vida agrícola pasen a ser reempregados na xardinaxe moderna coma elementos decorativos: rodas do carro, candís, xugos ou cangas etc. O hórreo acostuma conservarse no novo xardín, incluso en ocasións son novos ou se trasladan dende outro lugar simplemente coma elemento decorativo. Nalgunhas ocasións a caixa de madeira desaparece e se empregan os esteos e tornarratos coma pezas decorativas do xardín, o mesmo que fan en Inglaterra cos pés (chamados staddles stones) dos seus antigos celeiros, moi semellantes aos hórreos, desaparecidos coa chegada da revolución industrial. Tamén é común atopar nos xardíns galegos pías de pedra coma floreiros ou fontes, antigos bebedoiros das galiñas, ou incluso grandes maseiras empregadas outrora coma manxadoiras dos porcos.
Nalgunhas ocasións aparecen as moas ou capas dos antigos muíños hidráulicos e até cruceiros coma elementos decorativos.
Viveiros e centros de xardinaría
[editar | editar a fonte]Os viveiros e centros de xardinaría principalmente venden plantas, substratos, fertilizantes e agroquímicos, artigos diversos, ferramentas, maquinaria e accesorios de xardín, porén recentemente tamén comezan a vender artigos de lecer coma moblaxe, churrasqueiras, randeeiras, jacuzzis, agasallos, artigos para mascotas, roupa etc.
Comparación coa agricultura
[editar | editar a fonte]A xardinaxe con fins estéticos é case tan vella coma a agricultura hortícola, porén ao longo da historia a maioría da xente preocupouse máis polas plantas útiles que pola estética. Mais a pequena escala é difícil distinguir a agricultura de subsistencia da xardinaxe. Unha cortiña de patacas para un labrego peruano ou para un irlandés podería describirse coma un xardín ou coma unha leira dependendo do punto de vista. En xeral o termo xardinaría ten máis connotacións estéticas ca produtivas, aínda que nos países desenvolvidos a tendencia é unha xardinaxe semiprodutiva (combinar a horta co xardín).
Con todo, o propósito produtivo nunha horta ou xardín privado pouco ten que ver coa escala produtiva da agricultura profesional. Por isto podemos considerar que as actividades agrícolas da meirande parte do rural galego, a pequena escala, non son senón xardinaxe. A agricultura dáse a grande escala, cunha motivación económica e produtiva, mentres que a xardinaxe faise a pequena escala, por pracer ou para producir unha pequena colleita para a familia ou a comunidade. En xeral o termo xardinaxe (gardening) mestúrase máis co de agricultura nos países anglosaxóns.
Outra diferenza é que a xardinaxe ou horticultura particular faise de xeito intensivo e caracterízase polo minifundismo (bocage) cun pequeno desembolso de diñeiro, un abonamento simple (esterco, estrume...), cunhas poucas ferramentas (legóns, sachos, fouciños, angazos, queipos, regadores, aspersores...). Pola contra a agricultura usa sistemas de rega, fertilizantes especiais, agroquímicos, maquinaria pesada. Aínda así a xardinaxe cada vez está máis especializada e tecnificada: maquinaria, cortadores de céspede automáticos, aspiradores de follas etc.
As máis das veces a agricultura a pequena escala ou xardinaxe é moito máis produtiva por unidade de terreo que a profesional. Na Unión Soviética, a metade da subministración de alimentos viña de pequenas hortas e das granxas colectivas promovidas polo goberno, malia seren pequenos cachos de terra.[16] Algúns argumentan con isto a superioridade fronte ao capitalismo, xa que os labregos do comunismo conseguían a venda de toda a colleita. Outros consideran que foi a traxedia do comunismo, xa que se descoidaban as coutadas colectivas e se derivaban fertilizantes e auga para a rega do agro privado.
Ás veces tamén se emprega o termo agricultura de precisión para describir unha xardinaxe que usa unha tecnoloxía intermedia (máis que simples ferramentas tradicionais e algo menos que as grandes máquinas colleiteiras), especialmente na agricultura ecolóxica ou orgánica. Unha boa xardinaxe a pequena escala con hortas pode alimentar a unha aldea cunha poboación de 100 habitantes. Unha variante é a xardinaxe comunitaria, que ofrece pequenas hortas para cidadáns urbanos.
Xardinaxe coma arte
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Paisaxismo.
O deseño de xardíns considérase unha arte na maioría das culturas, diferenciándose da xardinaría, que só acostuma se referir ao coidado dos mesmos. O deseño de xardíns pode dividirse nunha temática moi variada: xardíns perennes, de bolboretas, salvaxes, xaponeses, acuáticos, tropicais, sombrizos.[17] No Xapón, samurais e monxes zen dedicábanse acotío ao deseño de xardíns decorativos, ou habilidades como arranxos florais (coñecidos coma ikebana). Na Europa do século XVIII, moitas propiedades rurais foron redeseñadas por xardineiros converténdoas en xardíns formais ou parques paisaxistas; é o caso de Versalles en Francia ou Stowe, Buckinghamshire en Inglaterra.
Hoxe, os paisaxistas e deseñadores de xardíns continúan a producir deseños artisticamente creativos para espazos públicos e privados.
En Galicia o deseño paisaxístico e de xardíns está moi pouco desenvolvido.
Aspectos sociais
[editar | editar a fonte]Os xardíns poden ser considerados un bo reflexo da sociedade. Isto vese ben en Galicia, onde a desorde e a falla de planificación da xardinaxe vai en par dun estilo arquitectónico denominado feísmo, propio dunha sociedade pouco desenvolvida, polo menos no eido estético.
Moitas veces a sociedade necesita de espazos verdes para se relaxar. Outras moitas, os parques son lugares de expresións sociais.
A xente adoita arrodear os seus terreos con sebes e xardíns para obter privacidade. En Galicia abúsase dos muros para conseguir un espírito de privacidade aínda maior. Especies axeitadas para as sebes serían o alfaneiro (Ligustrum vulgare), o estripeiro, a faia, o teixo, o alcipreste de Leyland (Cupressus x leylandii ), a tsuga (Tsuga sieboldii), a tuia (Thuja occidentalis), os Berberis, o buxo, o acivro, a camelia, o loendro, as forsythias e o cantroxo. A idea dun xardín sen valos, malia ser vantaxoso para a vida salvaxe, carece de privacidade.
O movemento Slow Food tense visto nalgúns países como un xeito de engadir nas escolas infantís clases de horticultura e xardinaxe en pequenas hortas, como xa ocorre nalgunhas escolas de Fergus, Ontario no Canadá.
Os xardíns compartidos urbanos é outra actividade social interesante; os donos dos terreos dalgunhas cidades alugan as terras a usuarios que queiran plantar unha horta; trocándolles parte da colleita no canto de diñeiro. Ambos os dous obteñen hortalizas, herbas e froitas de calidade e autocontroladas, contribuíndo á vez a un bo uso do solo urbano.[18]
Nos Estados Unidos de América e na Gran Bretaña, a produción de plantación e coidado de plantas ornamentais arredos das zonas residenciais chámanlle lasdcaping (paisaxismo), mentres que no resto dos países, incluíndo Galicia, adoita chamarse simplemente xardinaxe.
Tamén está a gañar popularidade o concepto de "xardinaxe verde" ("green gardening"), que, o mesmo que ocorre na agricultura ecolóxica profesional, implica o cultivo de plantas usando tan só fertilizantes e pesticidas ecolóxicos ou orgánicos, de xeito que se respecta máis o medio ambiente á vez que a saúde humana.
Pragas e pestes no xardín
[editar | editar a fonte]Unha peste ou praga de xardín é xeralmente un insecto, planta ou animal que o xardineiro considera indesexábel na súa leira.
No caso das plantas denomínanse malas herbas ou herbas daniñas ou adventicias. Cómpre desfacerse delas co uso de herbicidas ou apañándoas manualmente, pola contra provocarán un dano nas plantas ornamentais, ou empeorarán o seu aspecto. No caso das hortas, diminúen as colleitas ou danan a calidade da froita.
Posto que os xardineiros e horticultores poden ter diferentes finalidades, os organismos considerados coma pragas poden ser considerados dun xeito moi diferente duns a outros. Por exemplo, a planta chamada cinco chagas (Tropaeolum speciosum), aínda que é bonita e ornamental considérase daniña se comeza a medrar onde non se quere, tornándose planta invasora. Outro exemplo en céspedes poden ser os brións, ás veces imposíbeis de erradicar. Nalgúns prados os liques como Peltigera lactucfolia ou P. membranacea, poden ser difíciles de controlar e se consideran pestes.
Ademais pulgóns, arañas, lesmas, caracois, escaravellos, formigas e mesmo algúns paxaros, toupas ou gatos, considéranse pragas do xardín.[19]
Hai diferentes xeitos de eliminar as pragas do xardín. A técnica depende da praga, o obxectivo final e mais da filosofía do xardineiro. Por exemplo, os caracois poderíanse eliminar con pesticidas químicos, orgánicos, apañándoos a man ou incluso co uso de plantas resistentes aos mesmos. Cómpre ter en conta que algúns bechos, como as xoaniñas ou algunhas aves son beneficiosas, e poden verse afectadas polo uso de pesticidas. Un exemplo é a toxicidade dos neonicotinoides, que poden ser fatais para as abellas do mel.[20]
Galicia
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Xardinaxe en Galicia e Xardíns de Galicia.
A xardinaxe en Galicia remóntase a época castrexa coa aparición das primeiras hortas. As casas romanas trouxeron a xardinaxe ornamental aos primeiros patios. Na idade media tan só subsistiu nos claustros dos mosteiros, rexurdindo con forza na Idade Moderna nos pazos cun estilo propio moi influenciado pola xardinaxe inglesa, onde a pedra ten unha presenza especial, e colle folgos no século XIX co deseño de alamedas co desenvolvemento das grandes cidades.
Excluíndo os pazos e casas grandes, a xardinaxe popular non colle forma en Galicia até ben entrado o século XX. Anterior a estas datas o xardín galego só acollía especies útiles e comestíbeis coma xa comentamos anteriormente.
Se ben nos espazos públicos, coma nos campos de feira xa existían carballeiras artificiais para dar sombra; moitas delas convertidas hoxe en parques.
O espallamento territorial característico de Galicia, unido á bonanza climática, facilitan que a meirande parte das casas teñan hoxe un xardín que inclúe especies tropicais, mediterráneas e oceánicas. Malia que adoitan carecer dun estilo definido ou un deseño paisaxístico estudado, conta con elementos especiais e diferenciais con outras zonas de Europa e da Península Ibérica. Podemos dicir que é unha mestura entre a xardinaxe mediterránea e a inglesa ou atlántica.
Moitas das veces incorpóranse elementos da antiga casa e é a propia eira a que pasa a xardín; as antigas parras en pérgolas de rubideiras, ou o alpendre en garaxe. Ademais elementos e ferramentas da antiga vida agrícola pasen a ser reempregados na xardinaxe moderna coma elementos decorativos: rodas do carro, xugos. O hórreo acostuma conservarse no novo xardín, ou polo menos os esteos e tornarratos coma pezas decorativas. Tamén é común atopar nos xardíns galegos pías de pedra, moas dos antigos muíños hidráulicos, e até cruceiros.
Exemplos de xardinaxe en Galicia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Xardíns de Galicia.
Galicia conta con moi bos exemplos de xardíns formais, principalmente nas cidades, vilas e castelos. Pero a máxima e máis pura representación de xardín galego dáse nos pazos. A seguir algúns dos maiores exemplos de xardinaxe en Galicia.
Situado en Vigo, corresponde á antiga quinta do Pazo Quiñones de León, que pertenceu entre 1678 e 1918 á familia Gago de Mendoza Oca Sarmiento e Montenegro, dende Antonio Feliz Tavarés Ozores e Soutomaior até Fernando Quiñones de León e Elduayen, marqués de Valadares e de Mos. Hoxe pertence ao concello de Vigo. Salienta a superficie arborada de todo o parque, atravesado polo río Lagares, con árbores de interese, e dominando o plátano (Platanus x hispanica) como especie principal. Nos anos 90 do século XX ampliouse con acerto paisaxístico unha zona con varias lagoas e fontes. A horta traseira do pazo transfórmase a finais do século XIX, segundo parece coa firma lusa Jacintho de Mattos do Porto, ofrece cinco hectáreas con categoría de xardín histórico e unha ruta botánica de alto valor estético. Está dividido en cinco sectores: acceso, roseiras da parte superior, xardín francés, xardín inglés e bosque.
Orientados ao sur, todo o contraste entre os diferentes conceptos de xardín. Ao pé das fiestras, o racionalista: simétrico, estable e proporcionado no que salienta a escultura vexetal da sebe de buxos. Na parte baixa, o romántico inglés: estilo subxectivo, camiños imprevistos, especies de crecemento libre e elementos sacados do orientalismo como pavillóns e pagodes a escala. Destaca o paseo con dobre fileira de camelias chamado Paseo de Antonio Odriozola en honra do estudoso deste xénero. Conduce cara ao viveiro e a cancha de tenis, que data da introdución deste deporte en Galicia cando na ría ancoraban naves inglesas. Asemade, atoparemos nesta zona estremeira do bosque unha liña dos eucaliptos plantados no ano 1872 e un orixinal pombal ergueito sobre un emerxente penedo, no cal cría unha colonia controlada de pombas zuras. Salientan moitos exemplares ornamentais, entre eles a camelia máis vella de Galicia, algúns Ficus, magnolias (Magnolia grandiflora), árbores das tulipas (Liriodendron tulipifera), faias, teixos, palmeiras, acacias etc.
Foi declarado Xardín Histórico e Ben de Interese Cultural en 1955.
O xardín fica nunha coutada duns 16 mil metros cadrados que conta cunhas 200 especies botánicas. En 2012 obtivo, durante o Congreso Internacional da Camelia celebrado na cidade chinesa de Chuxiong, o recoñecemento coma Xardín de Excelencia Internacional, unha distinción única na península, o sétimo en Europa en acadar tal recoñecemento, do que só hai 18 exemplos no mundo; ademais de en Galicia, no Xapón, en Australia, en Italia, na Suíza, en Suráfrica, na China e nos Estados Unidos de América. A Sociedade Internacional da Camelia (SCI) valorou o peso da camelia nos xardíns do castelo, con 330 cultivares, 25 especies e 29 híbridos de camelias. Ademais posúe unha colección de camelias históricas do século XIX –entre elas o exemplar máis vulminoso de camelia do Xapón de Galicia. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, preto de Pontevedra leva programas de investigación sobre a camelia.
Salientan ademais 12 exemplares de árbores incluídas no Catálogo de Árbores Monumentais de Galicia, como algúns exemplares de castiñeiros con 800 anos de antigüidade.[21]
O pazo, situado na parroquia de Santo Estevo de Oca, no concello da Estrada, constrúense entre os séculos XVII e o XVIII xunto a unha vella fortaleza medieval. Posúe os xardíns máis soados de todos os pazos galegos, con especies de árbores pouco frecuentes e, entre outros elementos, pombal, capela, pontellas e un encoro con parrulos e gansos. Algúns dos exemplares botánicos coma a Camellia reticulata (camelia reticulada) a Cryptomeria japonica (cedro do Xapón) ou as formacións de buxos e de tileiros figuran no catálogo de Árbores senlleiras de Galicia.
Áchase en Santa Cruz de Ribadulla, no concello de Vedra. O xardín do pazo teñen máis de 200 variedades de plantas, moitas delas árbores centenarias, estanques, bancos de pedra, así como o camiño das oliveiras en forma de cruz. O que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra Esteban Areses Vidal (1888-1984) dixo deste xardín en 1951:
Poucos, moi poucos parques e xardíns botánicos, públicos e particulares, sen exceptuar os de moitas capitais de primeira orde, poden ostentar tanta variedade, riqueza e fermosura, non brindar con tanta magnificencia de natureza e arte.
Alfonso Armada, o propietario actual, expresa, nun parágrafo revelador, o legado recibido, do que se converteu en celoso conservador:
Santa Cruz de Ribadulla é a miña propiedade. Alí está o pazo, que hoxe é xardín, cunha casa grande. Pasou de casal a torre, de torre a granxa, de granxa a xardín; como se formou o parque, como se reuniron os libros da biblioteca, de onde viñeron as plantas?... Esa é a historia do pazo.
Áchase en Bergondo (A Coruña). O xardín do pazo conta con exemplares botánicos de grande importancia, tres deles figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia: unérbedo, a pacana de Illinois Carya illinoensis, e os eucaliptos azuis. Ademais o grupo de Plátanos comúns figura no mesmo catálogo, na categoría de formacións senlleiras.
Xoia do patrimonio botánico de Galicia que conta cun arboredo de 54 hectáreas con máis de 1900 grandes exemplares de todo o mundo arrodea o romántico pazo. Ademais atopamos o herbario Merino. A primeira casa-granxa data do século XV, que foi restaurada até se converter na residencia estival do avogado e político galego Montero Ríos. Da vella casa só se conserva o pombal ameado de planta circular. O pazo actual é unha obra decimonónica do arquitecto Jenaro de la Fuente, cunha orixinal mestura de clasicismo modernista, con reloxo no canto de escudo, terraza superior, escalinata imperial, estatuas de inspiración clásica e grande fiestraxe acristalada que dotan os interiores de luz e lixeireza. O pazo de Lourizán, ademais dun lugar para o descanso, foi un centro de referencia política e social, onde se tomaron decisións de transcendencia un nacional. Dende os anos 40 pertence á Deputación de Pontevedra. En 1946 constitúese coma Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes; hoxe é un centro de investigacións forestais, mantendo conxunto o pazo e o predio, cunha flora de carácter monumental, conservando a estrutura do xardín herdeira da época de Montero Ríos.
Entre as especies, numerosas árbores autóctonas coma carballos, castiñeiros, bidueiros, videiras e outras foráneas coma cedros, araucarias, magnolias, camelias, alciprestes, ligustros ou palmeiras. A contorna vexetal fora realizada por especialistas franceses en xardinaxe, unha parte destinada ao cultivo da vide e outra a especies exóticas. A nómina de árbores monumentais amosa unha tendencia ao orientalismo. Así, por exemplo, no fermoso exemplar da árbore das pagodes na á dereita do edificio, ou no fento arborescente de Tasmania ou na elección no céspede ofiopogon ou herba Mondo.
A pedra e a auga xunto ás plantas outorgan ao predio esa fermosura dos xardíns dos pazos galegos. Entre o mobiliario os bancos e unha mesa de peza granítica, os celeiros, ou o pombal. Sen dúbida un dos elementos máis rechamangueiro do recinto é o grande invernadoiro de deseño modernista, único no país polas súas dimensións e fábrica de metal e vidro. Na parte traseira, xunta a estación meterorolóxica áchase un alpendre e un hórreo de oito pares de pés datado no ano 1798. Dende aquí parte un camiño cara ao bosque de variadas especies e enlaza cos vieiros avesedos do regato dos Trois que atravesa parte do predio. O circuíto por el conduce á parte máis agreste pero con recunchos de grande plasticidade visual alén do interese científico.
A elegancia do mármore branco transfórmase e dá forma ás estatuas, alzándose esveltas na entrada e ocultas entre a vexetación. Achegándose a calquera das fontes: a da Cuncha (século XVIII), a dos Tornos (século XVII) con lavadoiro, a dos Tres Canos, a do Patio, a da Gruta dos Espellos (século XIX), escóitase o manar da auga formando parte do ciclo da vida.[22]
- Souto da Retorta (eucaliptal de Chavín).Trátase dun arboredo situado en Chavín, (Viveiro), na beira do río Landro. No souto destaca unha formación duns 600 eucaliptos (Eucalyptus globulus), algúns deles centenarios e de gran tamaño. O Avó de Chavín é un eucalito de 126 anos, cunha altura de 71,4 metros e un perímetro de 7,6 metros, é o máis voluminoso do mundo, e a árbore máis alta de Europa. O ano 2000 foi incluído entre os Espazos naturais protexidos baixo a figura de Monumento natural [23].
- Xardín Botánico Ría do Burgo e Aula da Natureza Juan Lembeye, xardín botánico duns 50.000 m² de extensión, pertencente ao concello de Culleredo.
- Xardín Botánico da Pinguela, xardín botánico duns 20 000 m² de extensión, pertencente ao Instituto de Ensino Medio da Pinguela de Monforte de Lemos.
- Parque-Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis, xardín botánico situado de forma lineal nas marxes do río Umia, en Caldas de Reis. A súa historia remóntase ao ano 1863, cando estaban en todo o seu auxe os balnearios de augas termais o que impulsou o proxecto dunha alameda en Caldas, o mesmo que ocorreu noutros balnearios de Galicia onde atopamos especies interesantes coma en Mondariz. Na parte da carballeira dábase unha antiga feira. Neste enclave atópanse multitude de especies arbóreas, na súa gran maioría exóticas. Salienta a colección de camelias, sendo dignos de mención dous antigos exemplares de Camellia japonica “Mathotiana Alba” dun considerábel tamaño. O parque xardín e carballeira foi declarado Ben de Interese Cultural e posúe entre os seus exemplares catro árbores consideradas Monumentos Naturais.
- Xardín de San Carlos, situado na cidade vella da Coruña, foi construído coma castelo defensivo fóra das murallas no século XIV e quedaría unido á cidade no XVI.
- Xardín botánico da Universidade de Santiago de Compostela, ambicioso proxecto aínda en fase de execución nas aforas de Santiago de Compostela xunta o río Sarela. Acadará as 11 hectáreas e será chamado Xardín da deusa Sacia, estará dedicado principalmente á investigación do xénero Camellia, e á preservación da flora autóctona e ameazada do país.
- Xardín Botánico-Artístico de Padrón, Unha hectárea de superficie, declarado Ben de Interese Cultural e Xardín Histórico en 1946.[24]
- Carballeira de Santa Susana, é a alameda de Santiago de Compostela, parte do antigo bosque do Libredón que arrodeaba o achado da tumba do Apóstolo. Dende o Paseo da Ferradura hai unhas fermosas vistas da catedral. O xardín ocupa aproximadamente 80.000 m², na zona denominada Campo da Estrela áchase unha das partes máis humanizadas do xardín, con elementos que falan desde a súa creación como parque no século XIX, aínda que a historia do terreo remóntase ao XVI, até elementos das reordenacións principais a partir do 1918 e outros contemporáneos. Exemplificado nas estatuas, é o camiño que vai desde a monumental dedicada a Méndez Núñez con gran soporte, á representación a rentes do chan das Dúas en Punto. Estes xardíns acumulan interesantes referencias botánicas e conducen asemade ao paseo central con dúas fileiras de bancos e o palco da música. Contabilízanse unhas cincuenta especies diferentes que supoñen un total de mil trescentas unidades repartidas por todo o parque. De xeito individual salientamos as magnolias doadas pola Sociedade Económica de Amigos do País en 1878. A denominada Ferradura co paseo dos Leóns e o Campiño arrodea un outeiro miúdo sobre o que se ergue unha das dúas igrexas que se achan dentro do perímetro da alameda. É esta a igrexa e couto de santa Susana coa soada carballeira cuxa estampa enxebre se completaba coa feira do gando que aquí se celebraba até hai unhas décadas. Cara ao oeste aínda queda a zona axardinada do Paseo das Letras Galegas presidida pola monumental estatua homenaxe a Rosalía de Castro e o Paseo de Bóveda. Comunica co campus universitario mediante unha formidábel escalinata e un miradoiro. Así mesmo son rechamantes os edificios de fasquía modernista que tamén podemos atopar dentro do parque.
- Alameda e Xardíns de Vicente, alameda de Pontevedra.
- Parque Rosalía de Castro, en Lugo, conta cunha superficie de 23 hectáreas.
- Illa das Esculturas, en Pontevedra. O maior museo ao ar libre de Galicia, unha illa nas marxes do río Lérez, antigo eucaliptal, hoxe reconvertido en xardín escultórico.
- Alameda da Praza de Compostela, en Vigo, conta cunha extensión de 9.000 m², deseñado no século XIX nun recheo do antigo Areal para o ensanche da cidade. O piñeiro de Australia (Casuarina equisetifolia) que se atopa cara a zona final da alameda, preto do Areal, figura no Catálogo de Árbores senlleiras de Galicia pola súa monumentalidade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Douglas John McConnell (2003). The Forest Farms of Kandy: And Other Gardens of Complete Design. p. 1. ISBN 9780754609582.
- ↑ Douglas John McConnell (1992). The forest-garden farms of Kandy, Sri Lanka. p. 1. ISBN 9789251028988.
- ↑ 3,0 3,1 "A Brief History of Gardening". Consultado o 2010-06-04.
- ↑ 4,0 4,1 http://www.richsoil.com/hugelkultur/
- ↑ Hemenway, Toby (2009). Gaia's Garden: A Guide to Home-Scale Permaculture. Chelsea Green Publishing. pp. 84-85. ISBN 978-1-60358-029-8.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2012. Consultado o 26 de novembro de 2012.
- ↑ "What is a community garden?". American Community Garden Association. 2007. Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2007. Consultado o 26 de novembro de 2012.
- ↑ Hannah, A.K. & Oh, P. (2000) Rethinking Urban Poverty: A look at Community Gardens. Bulletin of Science, Technology and & Society. 20(3). 207-216.
- ↑ Ferris, J., Norman, C. & Sempik, J. (2001) People, Land and Sustainability: Community Gardens and the Social Dimension of Sustainable Development. Social Policy and Administration. 35(5). 559-568.
- ↑ Gardener
- ↑ "Decorating Your Shade Garden". Consultado o May 31, 2010.
- ↑ "Garden Arbors, Arches & Trellises". Consultado o May 31, 2010.
- ↑ "Garden Accessories Deals Online". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2013. Consultado o May 31, 2010.
- ↑ "Waterbury Solar Fountain". Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2013. Consultado o May 31, 2010.
- ↑ "Gardening Accessories Tools". Consultado o May 31, 2010.
- ↑ "A Brief History of Gardening". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2012. Consultado o 2010-08-25.
- ↑ "Flower Gardens Care and Supplies". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2013. Consultado o 2010-06-04.
- ↑ Meet the urban sharecroppers The Guardian, Sep 4, 2008
- ↑ "10 Common Garden Pests And How To Deal With Them". TH Services. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2012. Consultado o 27 de xaneiro de 2012.
- ↑ "A Common Pesticide Decreases Foraging Success and Survival in Honey Bees". Consultado o 29-3-2012.
- ↑ [1]
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2012. Consultado o 26 de novembro de 2012.
- ↑ Decreto 77/2000, de 25 de febreiro (DOG nº 72, de 12 de abril de 2000).
- ↑ [2]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Xardíns e parques en Galicia en Turgalicia
- National Gardening Association (EUA)
- Eco friendly Gardening
- J. L. Budd. "American Horticultural Manual Vol1". John Wiley & Sons. Consultado o 2008-05-11.
- J. L. Budd. "American Horticultural Manual Vol2". John Wiley & Sons. Consultado o 2008-05-11.
- "Arizona Master Gardener Manual". Cooperative Extension, College of Agriculture, University of Arizona. Consultado o 2007-08-06.
- Thomas Joseph Dwyer. "Guide To Hardy Fruits And Ornamentals". T. J. Dwyer & Son. Consultado o 2008-05-11.
- Robert Hogg. "The Fruit Manual". Cottage Gardener Office. Consultado o 2008-05-11.
- Margaret Willes, The Making of the English Gardener: Plants, books and inspiration 1560-1660 (New Haven (CT), Yale UP, 2011).
- Jeremy Naydler, Gardening as a Sacred Art (Londres, Floris Books, 2012).