[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Xosé María Díaz Castro

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaXosé María Díaz Castro

por Raúl Río Díaz, nos Vilares.
Biografía
Nacemento19 de febreiro de 1914 Editar o valor en Wikidata
Guitiriz, España Editar o valor en Wikidata
Morte2 de outubro de 1990 Editar o valor en Wikidata (76 anos)
Lugo, España Editar o valor en Wikidata
Formación profesionalUniversidade de Salamanca
EducaciónUniversidade de Salamanca Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióntradutor, escritor, poeta Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía
Familia
CónxuxeMaría Teresa Zubizarreta Bengoechea Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura

BNE: XX867967 Bitraga: 1419 BUSC: diaz-castro-xose-maria-1914-1990

Xosé María Díaz Castro, nado no lugar do Vilariño (Os Vilares,[1] Guitiriz) o 19 de febreiro de 1914 e finado en Lugo o 2 de outubro de 1990, foi un poeta e tradutor galego. O 4 de novembro de 1973 foi nomeado correspondente da RAG e o instituto de Guitiriz IES Poeta Díaz Castro leva o seu nome.

A Real Academia Galega decidiu adicarlle, coincidindo co centenario do autor, o Día das Letras Galegas do ano 2014. Os outros escritores propostos foron Ricardo Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde, Fiz Vergara Vilariño e Ramón de Valenzuela.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo de Isidro Díaz Calvo, escribente do concello de Trasparga,[1] e María Manuela Castro López, terceiro de catro irmáns (Antonio, María e Serafín), Xosé María naceu no seo dunha familia labrega. En 1929 ingresou no Seminario de Mondoñedo, onde coñeceu a Aquilino Iglesia Alvariño.

Foi chamado a filas pola súa quinta, destinado ao corpo de sanidade militar na Coruña como padioleiro e practicante. Na guerra civil, tras unha semana na fronte de Asturias, pasou destinado á clínica militar do Hospital de Pontevedra.

Casa natal no Vilariño dos Cregos.
Casa natal no Vilariño dos Cregos.

No ano 1939 volveu ó seminario, porén o abandona de contado. Iglesia Alvaríño contou coa súa colaboración como profesor no Colexio León XIII, de Vilagarcía de Arousa, do que o de Abadín era o director.

Abandonados os estudos eclesiásticos fixo o bacharelato, acadando o título en 1945, e logo licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca,[3] especializándose en linguas modernas.[4] En 1948 trasladouse a Madrid, onde traballou como tradutor para organismos oficiais e privados, entre eles primeiramente o Ministerio de Gobernación, en asuntos de seguridade e intelixencia. Despois exerceu a docencia como profesor de linguas clásicas e modernas. Traballou no Consello Superior de Investigacións Científicas,[5] onde acadou o posto de xefe do Servizo de Información e Documentación do Instituto do Frío. No Instituto de Cultura Hispánica estivo ata 1966, encargado de servizos de tradución de francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas.

Pepe do Vilariño chegou a establecer contacto con Ramón Piñeiro e Carballo Calero e en Madrid con Dionisio Ridruejo, pero non era o seu lado forte, precisamente, as relacións cos demais.
Seminario de Mondoñedo, onde estudou sete anos.

O 10 de agosto de 1954 casou con María Teresa Zubizarreta Bengoechea, natural de Urretxu (Guipúscoa), con quen tivo tres fillos, José Mari, Maite e Íñigo, todos eles nados, tamén, en Urretxu.

Díaz Castro publicou os seus primeiros versos ós dezasete anos na revista Lluvia de rosas de Tarragona, pero foi a súa entrada no seminario, e o contacto con Aquilino Iglesia Alvariño, o que exerceu un estímulo decisivo na súa promoción como escritor e para comezar a escribir en galego [7], publicando en El Progreso Villalbés o 6 de agosto de 1931 os seus primeiros versos en galego [8], Lembranzas e sospiros. Logo saíron Baix'o o calor (14/10/31), Lá vou, amor (22/01/32), As formigas (28/06/32), Era un contiño de fadas (8/8/32), e posteriormente escribiu dous cadernos de poesía, tamén en galego, Follas verdes en 1934 e Follas ô aire, que inclúe versos de 1932 a 1935, que finalmente quedaron inéditos. Tamén publicou poemas en Vallibria, Mundo de Ahora e Perla del Calvario.[9]

Logo da guerra civil continuou compoñendo. O 16 de agosto de 1946 foi premiado nos Xogos Florais de Betanzos polo poema El Cántico de la Ciudad en castelán, e por Nascida d'un soño (tres sonetos) en galego.[10] Volveron saír poemas seus en galego en publicacións como La Noche, Cartel, Sonata Gallega, Alba ou Ínsula.

En calisquera caso, a poesía de Díaz Castro é unha das máis representativas do noso tempo, que sendo fondamente galega polo esprito que a informa, resulta universal pola altura e a verdade que encerra.
F. del Riego[4]

Francisco Fernández del Riego inclúeo na súa Escolma da poesía Galega, IV, Os Contemporáneos, publicada por Galaxia en Vigo en 1955, representado por sete poemas. En revistas e xornais diversos viron a luz outros poemas e artigos del en castelán e en galego, coñecéndose arredor de 200 [11] poemas escritos en galego polo autor.

Artigos principais: Nimbos e Penélope (poema).
Cando Díaz Castro fala da Pastoriza en "Penélope", faino do santuario de Santo Alberte ou da Pastoriza, en S. Breixo de Parga, chamado así por celebrarse nel unha romaría o primeiro domingo de agosto, en honor á Divina Pastora.[12]

Con todo, Díaz Castro está considerado autor dunha soa obra,[13] o poemario Nimbos,[14] editado en Vigo por Galaxia o 9 de xullo de 1961,[15] que tivo moita influencia nos poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galicia e polos problemas básicos do ser humano, a vida, a morte e o tempo. Díaz Castro adoita ser encadrado dentro da Xeración do 36 a carón de poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño. Na obra, que inclúe revisados os poemas que escolmara Fernández del Riego, móstrase unha reflexión sobre o destino humano a través da preocupación existencial e relixiosa e da comuñón coa natureza. Nun dos seus poemas máis coñecidos, "Penélope", reflexiona sobre unha Galicia que permanece durmida, mais sen refugar á esperanza para a súa terra.

A voz poética de Díaz Castro apóiase nunha linguaxe rica e exacta, da que xorde a xusteza da imaxe e o fondo poder evocador que se desprende dos seus versos. Os temas, que aparecen sempre envoltos na roupaxe elegante dun clasicismo exemplar, son os da grande poesía universal: a dor do home, o amor, a paisaxe, os sentimentos relixiosos, a liberdade... Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar na literatura galega a poesía total.[16]

Outras obras

[editar | editar a fonte]

Dominaba máis dunha ducia de linguas, e aínda que traduciu ao galego do alemán os Poemas de María de Rainer Maria Rilke[4] fundamentalmente Díaz Castro traduciu ao castelán, lingua na que publicou obras de, entre outros, o sueco Verner von Heidenstam (Premio Nobel de Literatura en 1916), os dinamarqueses Henrik Pontoppidan e Johannes Vilhelm Jensen (premios Nobel de Literatura en 1917 e 1944 respectivamente), o austrohúngaro Rilke, o irlandés William Butler Yeats (Nobel de Literatura en 1923), os estadounidenses T. S. Eliot e Walt Whitman, os ingleses G. K. Chesterton e Frederick Forsyth, o alemán Friedrich Schiller ou os franceses Arthur Rimbaud, Paul Valéry, Alphonse de Lamartine e Paul Claudel.[21] Traduciu, tamén, ao inglés a Federico García Lorca e a Rafael Alberti.[3]

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]

O 4 de novembro de 1973 foi nomeado correspondente da RAG[22] e o instituto de Guitiriz IES Poeta Díaz Castro leva o seu nome.

A Real Academia Galega decidiu adicarlle, coincidindo co centenario do autor,[23] o Día das Letras Galegas do ano 2014. Os outros escritores propostos foron Ricardo Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde, Fiz Vergara Vilariño e Ramón de Valenzuela.[24]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Daquela Os Vilares pertencía ao concello de Trasparga, creado en 1840 e desaparecido o 29 de novembro de 1945.
  2. Actualidade: Novas: Día das Letras Galegas a Díaz Castro Arquivado 23 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. páxina da Real Academia Galega, 21/06/2013.
  3. 3,0 3,1 Artigo Díaz Castro, Xosé María (Parga, Guitiriz 19-2-1914 - Lugo 2-10-1990) da Enciclopedia Galega Universal.
  4. 4,0 4,1 4,2 Fernández del Riego (1971) [1951]. Galaxia, ed. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo. pp. 214–216. 
  5. Castro Tomé, Germán, "Díaz Castro alcanza el olimpo de las Letras Galegas al cumplirse su centenario", Mundiario, 6/02/2014 (en castelán).
  6. Conferencia de Manuel María na Aula de Cultura de Caixa Galicia en abril de 1995.
  7. Vázquez López, X. F. “A muller na poesía galega de Xosé María Díaz Castro”. Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Ed. de Helena González e M. Xesús Lama. Sada: Ediciós do Castro / AIEG / Filoloxía Galega (Universidade de Barcelona), 2007. ISBN 978-84-8485-266-7
  8. Requeixo, Armando; "Xosé María Díaz Castro poeta de preguerra". Madrygal. Revista de Estudios Gallegos (Universidad Complutense), nº 4, 2001, páx. 99-109 (en Dialnet).
  9. Perla del Calvario foi o voceiro dos Padres Pasionistas de Mondoñedo (Armando Requeixo, "Xosé María Díaz Castro poeta de preguerra". Madrygal nº 4, p. 106).
  10. González Tosar, Luís; Díaz Castro: luz e sombra radiantes La Voz de Galicia.
  11. Armando Requeixo (2014) "Limiar" in Díaz Castro, Xosé María Cartafol de Traducións e outros poemas. Consello da Cultura Galega, p. 28
  12. Requeixo, Armando: "Orixes da escrita: Penélope" Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. 19/2/2016.
  13. "O autor de Penélope" Consello da Cultura Galega.
  14. Vista previa da edición do ano 2006 de Nimbos ISBN 978-84-8288-965-8, en Google Books.
  15. A Festa da Palabra homenaxeou a XM Díaz Castro Arquivado 02 de decembro de 2013 en Wayback Machine. Televisión de Galicia.
  16. Díaz Castro, Xosé María, Nimbos, 1982, Editorial Nacional, Madrid, 72 páx., ISBN 978-84-276-0612-8, en galego e castelán, con presentación de Carballo Calero.
  17. "Ficha do libro na páxina da Editorial Denes". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2014. Consultado o 17 de maio de 2014. 
  18. Cartafol de traducións e outros poemas en PDF (22,5 MB) 222 páx.
  19. "Publicamos a Poesía Galega Completa de Xosé María Díaz Castro" Arquivado 26 de abril de 2014 en Wayback Machine. Galaxia, 25/4/2014.
  20. Sombras radiantes y otros poemas Arquivado 26 de abril de 2014 en Wayback Machine. na páxina da Editorial Eneida.
  21. Requeixo, Armando; Unha aproximación a Nimbos de Xosé María Díaz Castro, Eduga, nº 12, maio de 1996, páx. 101-120 (en Dialnet).
  22. "Listaxe de membros correspondentes da Real Academia Galega, letra D.". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2013. Consultado o 26 de xuño de 2013. 
  23. "Díaz Castro, autor de mil linguas" El Progreso, 7/01/2014.
  24. Díaz Castro, o poeta dun só libro que removeu as conciencias galegas Praza Pública.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]