[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Trompeta baixa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trompeta baixa
Trompeta baixo
Información
ClasificaciónInstrumento de vento-metal
Instrumentos relacionadosTrompeta, trompeta pocket, trompeta piccolo, fliscorno, corneta, trombón, trompa alto

A trompeta baixa ou trompeta baixo é un tipo de trompeta que está afinada en dó ou en si bemol, aínda que tamén pode estar afinada en mi bemol (neste caso adoitase denominala trompeta barítona). É un instrumento transpositor. Foi construída por primeira vez na Alemaña durante a década de 1820. Soa unha oitava máis grave que a trompeta normal e o seu tubo é de maior lonxitude, sendo similar á dun trombón, diferindo deste nas válvulas e no son, na trompeta baixa é moito máis metálico e duro.

Aínda que foi utilizada por Richard Wagner, o seu uso non está moi estendido e emprégase en ocasións excepcionais.[1]

A primeira mención da trompeta baixa é no Allgemeine Musikalische Zeitung de 1821, no que se describen a Chromatische Tenor-trompetenbaß de Heinrich Stölzel e a Chromatische Trompetenbaß de Griesling e Schlott. Outras variantes producíronse a través da década de 1820 e empregáronse en bandas militares. As versións con campá ancha afinadas en Si ♭ aínda se usan a día de hoxe en Austria e Baviera co nome de Baßtrompete e versións con campá estreita e afinadas en Si ♭ utilízanse en Italia baixo o nome de tromba bassa. Non realizan a función melódica, utilízanse unicamente para encher as harmonías.

Trompeta baixa de Wagner

[editar | editar a fonte]
Duncan Wilson tocando unha trompeta baixa de válvulas rotativas coa Orquestra Sinfónica da BBC.

A primeira intención de Richard Wagner na súa tetraloxía O anel do nibelungo era usar unha trompeta baixa afinada en mi bemol, baseada nos instrumentos que usara durante os seus contactos con bandas militares. Non obstante, se ben a apertura da ópera O ouro do Rhin podería indicar o uso dun instrumento deste tipo, a parte máis rapidamente elévase ao la bemol, que sería o décimo noveno parcial na lonxitude do instrumento. Wagner comprendía moi ben o funcionamento dos instrumentos de vento-metal e viu que isto era impracticable.

En 1884, Oskar Franz afirmou en Zeitschrift für Instrumentenbau que o instrumento en cuestión foi realmente afinado unha oitava máis alta, o instrumento actual construído por Moritz de Berlín baixo as instrucións persoais de Wagner para o teatro de Múnic (de acordo a Zeitschrift für Instrumentenbau, 1908) foi afinado en dó con xiros a si bemol e a la e soaba unha oitava máis baixa que o escrito. Os rexistros de Moritz non foron conservados, aínda que unha trompeta baixa de gran campá coas proporcións dunha de banda militar afinada en dó e con xiros a si bemol e la apareceu no seu catálogo posterior a 1900, mentres que Gebrüder Alexander de Maguncia puxo á venda unha trompeta baixa con orificio estreito en mi bemol ou dó.

O modelo empregado normalmente actualmente está afinado en dó e posúe catro válvulas rotativas. Acostuma ser interpretado por un trombonista, debido ao tamaño da boquilla. En cambio, as trompetas baixas afinadas en mi bemol acostuman ser tocadas por trompetistas, xa que a boquilla ten un tamaño similar á usada para unha trompeta afinada en si bemol.

Wagner escribiu aventuradamente para a súa nova incorporación na sección de metais. A trompeta baixa aparece con frecuencia en O anel do nibelungo, realizando solos en cada rexistro, así como interpretando en oitavas, unísonos ou harmonías con trompetas, trombóns e tubas Wagner. O seu timbre é moi distintivo e facilmente identificable e Wagner utilizou este novo e singular ton amplamente.

Outros compositores tamén utilizaron a trompeta baixa na orquestra, entre eles Richard Strauss (no poema sinfónico Macbeth e a ópera Elektra), Arnold Schoenberg (na cantata Gurrelieder), Igor Stravinskii (no ballet A consagración da primavera - cuarta trompeta dobrando a unha trompeta baixa en mi bemol, Leoš Janáček (na Sinfonietta - dúas trompetas baixas en si bemol. Non obstante, ao igual que coa tuba Wagner e o trombón contrabaixo, outras adicións de Wagner á orquestra na ópera O anel do nibelungo, a trompeta baixa non se tornou nun membro común da orquestra de metais e raramente se pode encontrar.

Notación

[editar | editar a fonte]

As partituras para trompeta baixa adoitan estar escritas en clave de sol. A trompeta baixa en dó soa unha oitava máis baixa que por escrito, a trompeta baixa en mi bemol soa unha sexta maior por debaixo do escrito e a afinada en si bemol soa unha novena por debaixo do escrito. As transposicións de Wagner inclúen a trompeta baixa en mi, mi bemol, re, dó e si bemol, aínda que os intérpretes adoitan ter partes transpostas en dó para tocar a trompeta baixa afinada en dó.

Intérpretes

[editar | editar a fonte]

Cy Touff é un dos poucos músicos de jazz que tocou a trompeta baixa e mentres que a trompeta baixa normalmente é tocada por un trombonista, o trompetista británico Philip Jones tocou a trompeta baixa mentres estivo empregado na Royal Opera House de Londres.

O trombonista e músico de salsa Willie Colón realizou improvisacións cunha trompeta baixa. Leonhard Paul de Mnozil Brass (un grupo de metais austríaco composto por tres trompetas, tres trombóns e unha tuba) toca a trompeta baixa regularmente co conxunto, incorporando o seu uso en moitos estilos diferentes.

  1. "hlm.com - Fichas: la trompeta". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2011. Consultado o 10 de xaneiro de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]