Tirizó
Tirizó | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
DiseasesDB | 12583 |
MedlinePlus | 001009 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Tirizó[1] ou orizó refírese a un gran furuncho que sae na beira das pálpebras. Tamén se coñece como toromelo, arzón ou torzollo. Orixínase por unha inflamación dalgunha glándula de Zeiss ou de Moll na base das pestanas. Tamén se lle dá este nome á inflamación das glándulas de Meibomio na pálpebra, aínda que neste caso o termo que se adoita empregar é o de tirizó interno ou calacio.[2] Non é unha afección grave, mais pode chegar a ser bastante dolorosa. A causa deste trastorno é unha infección bacteriana producida comunmente polo Staphylococcus aureus. Os tirizós son particularmente comúns nos nenos.[3]
Cadro clínico
[editar | editar a fonte]Un tirizó externo é unha inflamación arroibada e mol ao tacto no bordo da pálpebra que tende a drenar espontaneamente en pouco tempo.[3] No lugar da lesión pálpase un nódulo duro e moi doloroso. Os tirizós internos adoitan localizarse máis afastados da beira da pálpebra e tardan máis en sandaren se os comparamos cos tirizós externos, porque absceso non pode drenar de xeito tan doado. Os síntomas poden asemellarse aos doutros trastornos polo que cómpre consultar un médico.
Etioloxía
[editar | editar a fonte]O tirizó débese a unha proliferación de xermes que forman un pequeno absceso nas glándulas sebáceas antes mencionadas.
Tratamento
[editar | editar a fonte]Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Non se debe intentar apertar, fretar nin extirpar os tirizós ou calquera outro tipo de protuberancia da pálpebra, senón deixalos que drenen por si sos.[3] O tratamento consiste simplemente nas medidas hixiénicas que axuden ao mantemento da limpeza da zona, para previr infeccións. Tamén pode ser de axuda para ceibar o atoamento da glándula, a aplicación de compresas quentes. A administración de gotas con antibióticos pode ser eficaz se se produciu unha conxuntivite secundaria por contaminación directa nos casos de orizós recorrentes ou persistentes.[4] Xa que o ollo fornece un ingreso directo no sistema linfático e sanguíneo é particularmente recomendábel consultar un médico antes de aplicar unha menciña, xa que aplicala sen unha previa recomendación clínica pode ser perigosa para o ollo e incluso para a vista. Os tratamentos de elección foron cambiando de acordo cos resultados das pescudas máis recentes. O cloranfenicol, por exemplo, foi eliminado como sistema de antibiótico polos posíbeis danos que pode producir no ollo. Os tirizós nalgúns casos poden deixar coma secuela unha bóla de graxa dura, que cómpre extirpar cirurxicamente ou ben realizar a súa drenaxe mediante unha fendiña co bisturí.[4] Cómpre non premer para conseguir o seu baleirado, pois con esta manobra podería espallarse a infección.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome galego no dicionario da RAG e preferido en Vocabulario de Medicina (galego-español-inglés-portugués), entrada 4923, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, 2008.
- ↑ Vocabulario de Medicina (galego-español-inglés-portugués), entrada 707 e Diccionario Enciclopédico Ilustrado de Medicina Dorland, 1996, McGraw-Hill - Interamericana de España. Vol. 1. ISBN 84-7615-983-8.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Orzuelos". Yale Medical Group (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2013. Consultado o 07 de febreiro de 2019.
- ↑ 4,0 4,1 Abultamiento del párpado. Arquivado 13 de agosto de 2011 en Wayback Machine. Revisado en abril de 2012 pola American Academy of Ophthalmology. Consultado o 20-04-2012