[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Radio 3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Radio 3
LocalizaciónPozuelo de Alarcón, España
Área de radiodifusiónEspaña
Andorra
Eslogan"Eres lo que escuchas"
FrecuenciaVer lista
Primeira emisión1 de xullo de 1979
FormatoNoticias, Música, Cultura
Lingua(s)Castelán
ClaseRadio pública
PropietarioRTVE
Estacións irmásRadio Nacional de España
Radio Clásica
Ràdio 4
Radio 5
Radio Exterior de España
Na rede
http://www.rtve.es/radio/radio3/
editar datos en Wikidata ]

Radio 3 é unha emisora de radio española de ámbito nacional pertencente á cadea pública Radio Nacional de España (RNE). Os contidos da cadea céntranse fundamentalmente na actualidade dos xéneros de pop e rock afastados do mainstream e das listas de éxitos, tales como o indie, o rock alternativo, a música electrónica ou o hip hop. Tamén conta con programas temáticos doutras músicas que non teñen cabida nas radios comerciais, como a música folk española, o flamenco, as músicas do mundo, o jazz, o country, o blues, a música brasileira, o heavy metal, ou a new age.

Ademais de música, Radio 3 tamén conta con seriais de radioteatro e recolle as novidades de diferentes expresións culturais: literatura, cine, teatro e artes plásticas, apoiando as propostas máis innovadoras e inquedas de cada disciplina.

A emisora naceu en 1953 baixo os auspicios de RNE. Inicialmente tivo unha cobertura exclusiva para Madrid a través da Onda Media. A finais dos anos sesenta, grazas a unha programación educativa e cultural, a súa cobertura estendeuse a toda España a través da FM como El Tercer Programa.

Radio 3 naceu o 1 de xullo de 1979 como unha sección nocturna de El Tercer Programa. Tiña unha duración de cinco horas semanais, a partir das dez da noite. Nesta primeira etapa, dirixida por Alfonso Gallego, xa estaban presentes moitos dos sinais de identidade que se mantiveron vixentes durante a historia da emisora.

Década 1980

[editar | editar a fonte]

En 1981 creouse unha emisora propia de ámbito nacional ampliando os contidos do período anterior. Durante os seus primeiros meses de vida, a nova emisora estivo dirixida polo xornalista e escritor Fernando García Delgado, quen creou a primeira programación de Radio 3, cuxo espírito foi o modelo seguido desde entón, aínda que reformado cos anos.

Esta programación consistía nunha axenda cultural á primeira hora da mañá, que incluía eventos dos que non informaban outras emisoras, para pasar a unha programación participativa durante o resto da mañá. Ao mediodía emitíase o programa musical Diálogos, ao que seguían coloquios e faladoiros con participación dos oíntes, algo pouco frecuente na radio daquela. Durante o serán programouse unha revista cultural de corte máis clásico, seguida do Diario Hablado Cultural, que aplicaba a estrutura dos informativos á actualidade da cultura. No bloque nocturno emitíanse programas musicais conducidos por especialistas recoñecidos, dedicados a diferentes xéneros musicais da época. A literatura tamén estaba presente en Radio 3 mediante pequenos espazos de opinión repartidos durante todo o día.

En 1982, xa con Eduardo García Matilla como director, naceu Diario Pop, un dos programas máis emblemáticos da emisora. Conducido por Jesús Ordovás, era un informativo diario sobre música pop que utilizaba correspondentes e unidades móbiles desprazados aos lugares de interese. A súa emisión terminou a finais de 2007.

Durante esta época, en plena Transición española e co conservador Carlos Robles Piquer como director de RTVE, Radio 3 fixo unha radio militante e comprometida, moi próxima á esquerda política. Tras a primeira vitoria do PSOE nas eleccións, a cadea incorporou boletíns informativos cada hora e pasou a emitir durante as vinte e catro horas do día, pasando a tratar nos programas nocturnos temas terroríficos ou de misterio.

A emisora foi de grande importancia neste período na cultura española, apoiando as novas propostas -especialmente as musicais- que xurdían en todo o país e desempeñando un papel clave na popularización da Movida madrileña. Artistas como Kaka de Luxe, Alaska y los Pegamoides, Almodóvar e MacNamara, Radio Futura, Kiko Veneno, Siniestro Total, Golpes Bajos ou Loquillo y los Trogloditas soaron por primeira vez en Radio 3 antes que en calquera outra emisora.

Década 1990

[editar | editar a fonte]

En 1990 RTVE aprobou a reconversión de Radio 3 nunha emisora eminentemente musical, idea exposta polo entón director da emisora, Pedro H. Muñoz. Ademais de manter os contidos culturais e outros temas como a ecoloxía, drogas, a Universidade ou o mundo laboral, deuse unha maior cota ás músicas non anglosaxoas e buscouse a especialización musical dos programas. A diferenza das emisoras comerciais, comezaron a evitarse os elementos que estivesen en contacto coas multinacionais discográficas para evitar o sometemento de Radio 3 a estas, así como para ofrecer un produto diferenciado do resto de radiofórmulas musicais de Frecuencia Modulada (FM). Con todas estas medidas, perseguíase atraer unha nova audiencia xuvenil, ademais da dos oíntes máis veteranos.

Nesta época produciuse a fusión de Radio Cadena Española con Radio Nacional de España, pasando moitos dos seus profesionais a formar parte de Radio 3. Entre eles destacaron Julio Ruiz, que continuou co seu programa Disco Grande, xa iniciado en R.C.E., Paco Pérez Bryan, quen conduciu o programa De catro a tres, dedicado ao rock alternativo, Antonio Fenández, con Área Reservada, dedicado á fusión e ao jazz e Carlos Garrido, á fronte da dirección de Programas.

Outro profesional que se incorporou nesta etapa foi Diego A. Manrique, un dos xornalistas musicais con máis longa traxectoria e máis respectados de España. O seu programa El Ambigú foi unha mostra da súa extensa e ecléctica cultura musical.

As reformas continuaron coa creación dun programa musical xenérico chamado Música x 3 que se emitía de 9 a 20, e no que se programaba música elixida semanalmente por unha mesa formada por doce profesionais da emisora. Música x 3 desapareceu en 1996, dando paso de novo a contidos culturais e a programas musicais especializados.

Actualidade

[editar | editar a fonte]

A selección musical da mencionada comisión tivo o seu final en 1998 coa chegada á dirección de Paco Pérez Bryan, que pretendeu dar maior liberdade aos profesionais da cadea, sentando as bases que seguiu a emisora até a actualidade. Durante este período asumiuse a programación anterior, facendo fincapé na calidade musical, creando para iso novos espazos que recollían as novas tendencias xurdidas na música. Algúns destes programas foron Siglo21 dedicado á música electrónica, El Rimadero, programa de hip hop, Fluído rosa, que conxuga a actualidade musical coa creación plástica, ou Bulevar baseado no indie e mais no rock alternativo. Tamén se creou o programa Los conciertos de Radio 3, retransmitido tanto por radio como por La 2 de TVE, no que grupos nacionais e internacionais actúan en directo. Por el pasaron primeiras figuras da música como Lou Reed, Smashing Pumpkins ou Manic Street Preachers. Tamén comezou a apoiar e retransmitir en directo os principais festivais xurdidos en España, como o Primavera Sound, o Sonar ou o Summercase.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]