Pasteurella
Pasteurella é un xénero de bacterias gramnegativas, anaerobias facultativas.[1][2] As especies de Pasteurella non son móbiles e son pleomórficas. A maioría das especies son catalase positivas e oxidase positivas.[3] A especie máis salientable é P. multocida.
O hábitat destes microorganismos pode ser o medio ambiente en xeral, pero máis frecuentemente forman parte da microbiota da rexión nasofarínxea de distintas especies de animais domésticos e aves.
Os medios de cultivo para este xénero son o ágar sangue e ágar chocolate. No BHI mostra unha característica especial, xa que forma colonias de cor cincenta, mucoides e cun cheiro característico.
Historia
[editar | editar a fonte]A primeira bacteria de Pasteurella foi descrita en 1879 por Henry Toussaint e Louis Pasteur. Os seus traballos permitiron a descuberta do axente causante da enfermidade chamada cólera das aves (Pasteurella multocida ou septica), e a obtención dunha vacina con xermes atenuados. O xénero e o nome Pasteurella foron propostos en 1887 polo bacteriólogo C. Trevisan en honor a Pasteur. O xénero chegou a incluír varias especies que despois foron reclasificadas, como Pasteurella pestis, que despois foi renomeada como Yersinia pestis, axente causante da peste bubónica, ou a antiga Pasteurella haemolytica, que despois se chamou Mannheimia haemolytica.
Patoxénese
[editar | editar a fonte]Moitas especies de Pasteurella son patóxenos zoonóticos, e os humanos poden adquirir unha infección por mordeduras de mascotas domésticas, que orixinan pasteurelose.[4] P. multocida é o axente causante de pasteurelose humana máis frecuente.[5] Síntomas comúns da pasteurelose nos humanos son inchazón, celulite, e drenaxe sanguinolento no lugar da ferida. As infeccións poden progresar ás articulacións próximas, onde poden causar inchazón e artrite.
As Pasteurella son xeralmente susceptibles ao cloranfenicol, penicilinas, tetraciclina, e aos macrólidos.
Pasteurella está presente nas bocas de moitos gatos e cans e frecuentemente nos coellos. Isto é totalmente normal nestes animais, aos que a bacteria non lles causa trastornos e teñen boa saúde. A frecuente presenza da bacteria nas súas bocas é a causa de que cando un animal morde a unha persoa se adopten accións médicas proactivas e defensivas (algunhas veces son necesarios tratamentos antibacterianos).[6]
Pasteurella multocida pode orixinar nas aves unha septicemia fulminante chamada cólera das aves.
En coellos
[editar | editar a fonte]P. multocida causa morbidez e mortaldade nos coellos, e a síndrome predominante é unha enfermidade das vías respiratorias superiores. P. multocida pode ser endémica nas colonias de coellos e a miúdo transmítese polas secrecións nasais. P. multocida pode sobrevivir varios días na auga en áreas húmidas.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pasteurella". List of Prokaryotic Names with Standing in Nomenclature. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2006. Consultado o 2006-04-06.
- ↑ Kuhnert P; Christensen H (editors). (2008). Pasteurellaceae: Biology, Genomics and Molecular Aspects. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-34-9 .
- ↑ Health Protection Agency (2007). Identification of Pasteurella species and morphologically similar bacteria (.pdf) Arquivado 22 de setembro de 2009 en Wayback Machine.. National Standard Method BSOP ID 13 Issue 2.1.
- ↑ Mark A Marinella, MD. "Community-Acquired Pneumonia Due to Pasteurella multocida" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 03 de xaneiro de 2013.
- ↑ Collins FM (1996). Pasteurella, Yersinia, and Francisella. In: Baron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed. ed.). Univ of Texas Medical Branch. (via NCBI Bookshelf) ISBN 0-9631172-1-1.
- ↑ "Pets and Pasteurella Infections". healthy children.org. June 27, 2012. Consultado o July 18, 2012.
- ↑ Barbara Deeb, DVM, MS Assistant Professor Dept. of Comparative Medicine University of Washington. "Pasteurella multocida Infection in Rabbits". Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2015. Consultado o 03 de xaneiro de 2013.