[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Syncom

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación artística dun Syncom propulsándose ata a órbita xeoestacionaria.

Syncom foi unha serie de satélites de comunicacións Estados Unidos deseñados para ser os primeiros satélites de comunicación en órbita xeoestacionaria.[1][2][3]

Características

[editar | editar a fonte]

Os tres primeiros satélites Syncom foron pioneiros no uso da órbita xeoestacionaria como órbita desde a que facer retransmisión sobre un punto fixo da Terra. Os tres satélites tiñan forma cilíndrica, con 71 cm de diámetro, 39 cm de altura e unha masa de 68 kg, propelente sólido incluído. Na súa base contaban cunha tobeira de 64 cm de longo alimentada por un motor de propelente sólido capaz de proporcionar aos satélites unha delta-v de 1431 m/s. Os laterais do cilindro do satélite estaban cubertos por células solares capaces de proporcionar ata 29 W de potencia e alimentar baterías recargables de níquel-cadmio para os momentos nos que os satélites pasaban pola sombra da Terra. Os Syncom estabilizábanse mediante xiro e usaban un sistema de comunicación activo redundante baseado na traslación de frecuencia capaz de xestionar unha chamada telefónica bidireccional ou 16 canais unidireccionais de teletipo. O sistema funcionaba sobre dous transpondedores de 2 W de potencia.[1][2][3]

Syncom 1 foi lanzado o 14 de febreiro de 1963 mediante un foguete Delta B a unha órbita elíptica que debía converterse nunha órbita circular xeoestacionaria usando o motor de propelente sólido. Vinte segundos tras ordenar ao satélite usar o seu motor a comunicación co satélite perdeuse, sen conseguir contactar con el máis tarde. A investigación posterior indicou que o eixo de xiro do satélite non estaba correctamente aliñado.[1][2][3]

Syncom 2 foi lanzado o 26 de xuño de 1963, tamén mediante un Delta B, e acendeu o seu motor de propelente sólido 6 horas despois de ser posto en órbita. Desta vez o eixo de xiro e o motor funcionaron adecuadamente e o satélite sitouse nunha órbita case xeoestacionaria que foi afinada posteriormente, convertendo a Syncom 2 no primeiro satélite nunha órbita xeosíncrona pero non xeoestacionaria debido á súa inclinación orbital de 33 graos, demostrando de todos xeitos a viabilidade do seu uso para comunicacións. Syncom 2 quedou situado sobre o océano Atlántico e o Brasil, a 55 graos de lonxitude oeste, oscilando en latitude ao estar nunha órbita xeosíncrona e comezando as súas operacións o 16 de agosto.[1][2][3]

Syncom 3 foi o primeiro satélite de comunicacións nunha órbita autenticamente xeoestacionaria. Foi lanzado usando un foguete Delta D e quedou situado nunha lonxitude de 180 graos, sobre o océano Pacífico. O satélite proporcionou cobertura dos Xogos Olímpicos de 1964 en Toquio.[1][2][3]

Despois dos tres satélites orixinais Syncom, a Armada dos Estados Unidos, en setembro de 1978, concedeu un contrato a Hughes Communication Services, Inc. para construír unha serie de satélites denominados Syncom 4, Syncom IV ou Leasat. Construíronse cinco satélites, denominados como Syncom-4 1 a Syncom-4 5, Syncom-IV 1 a Syncom-IV 5 ou, alternativamente, Leasat 1 a 5. Tiñan unha masa de 3400 kg no lanzamento (1388 baileiros de propelente), usaban 13 transpondedores en UHF e tiñan forma de cilindro de 4,26 m de diámetro e 6,17 m de alto coas antenas UHF despregadas. Estabilizábanse mediante xiro e usaban células solares que proporcionaban 1238 W de potencia. Os cinco satélites Syncom 4 foron lanzados entre 1984 e 1990 a bordo de transbordadores espaciais. Syncom-4 3 foi o primeiro satélite en ser recuperado e reparado por un transbordador espacial.[1][2][3]

Historial de lanzamentos

[editar | editar a fonte]
Misión[1][2][3] Data de lanzamento[1][2][3] Foguete lanzador[1][2][3] Notas[1][2][3]
Syncom 1 14 de febreiro de 1963 Delta B Éxito
Syncom 2 26 de xullo de 1963 Delta B Éxito
Syncom 3 19 de agosto de 1964 Delta D Éxito
Syncom-4 1 8 de novembro de 1984 Transbordador espacial Discovery Éxito
Syncom-4 2 30 de agosto de 1984 Transbordador espacial Discovery Éxito
Syncom-4 3 12 de abril de 1985 Transbordador espacial Discovery Éxito
Syncom-4 4 27 de agosto de 1985 Transbordador espacial Discovery Éxito
Syncom-4 5 9 de xaneiro de 1990 Transbordador espacial Columbia Éxito
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Mark Wade (2022). "Syncom" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2022. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Gunter Dirk Krebs (2022). Gunter's Space Page, ed. "Syncom 1, 2, 3" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2022. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Gunter Dirk Krebs (2022). Gunter's Space Page, ed. "Leasat 1, 2, 3, 4, 5 (Syncom-4 1, 2, 3, 4, 5)" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]