[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Sucesos de maio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os sucesos de maio foron unha serie de enfrontamentos acontecidos principalmente entre o 3 e o 8 de maio de 1937 en diversas localidades de Cataluña, con epicentro en Barcelona, entre os sectores propicios ó mantemento da Revolución (boa parte da CNT, a Federación Anarquista Ibérica, o POUM e outros grupos menores como a Agrupación de los Amigos de Durruti ou a trotskista Sección Bolchevique-Leninista de España) e os proclives a un regreso á legalidade da República (principalmente as autoridades e os partidos PSUC, extensión do Partido Comunista en Cataluña, Esquerra Republicana de Catalunya e Estat Català). Un terceiro sector estaba composto pola parte máis "posibilista" da CNT, partidaria do cesamento inmediato das hostilidades entre os sectores anteriores.

O autor inglés George Orwell describiu os feitos, nos que se viu involucrado, no libro Homage to Catalonia. Tamén os suecos Ture Nerman e August Spångberg estiveron presentes en Barcelona, e deron conta das súas experiencias nas súas autobiografías.

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]

Preliminares

[editar | editar a fonte]

O clima de tensión ía en aumento desde que o 18 de febreiro fora detido e condenado a morte en Almería Francisco Maroto del Ojo, dirixente libertario, tras criticar ó gobernador de Almería, o socialista Monzón (a súa condena a morte foi posteriormente anulada, pero non foi liberado ata marzo de 1938, e morreu a mans dos falanxistas en Alacant en 1939). Por outra parte o 17 de abril unha forza de carabineiros en Puigcerdà obrigou ás patrullas obreiras da CNT a que lles entregasen o control das aduanas; simultaneamente a Garda Civil e de Asalto enviada a Figueres e outras cidades por toda a provincia de Xirona para acabar co control exercido ata entón polas organizacións obreiras, principalmente a CNT, disolveron o Consello da Cerdaña.

Como preludio inmediato, na tarde do 2 de maio de 1937 tiveron lugar tiroteos en Barcelona entre membros de Estat Català e a FAI, resultando morto un membro desta última.

Tres de maio

[editar | editar a fonte]

Un corpo de 200 policías mandados polo conselleiro de Orde Pública da Generalitat de Cataluña, Rodríguez Salas, intentou tomar pola forza o control do edificio da central de Telefónica de Barcelona. A central estaba controlada desde o comezo da guerra pola CNT. Salas obtivo esta orde do responsable de asuntos interiores do goberno autonómico, Artemio Ayguadé.

As compañías de gardas de asalto irromperon no edificio cara ao mediodía. Os anarquistas puideron resistir os ataques e manter o control dos pisos superiores da Central.

A partir desta escaramuza iniciáronse combates en diferentes puntos da cidade. Construíronse varios centos de barricadas, e as unidades de policía ocuparon azoteas e torres de igrexas. Malia que foron arrestados numerosos membros da CNT e do POUM, as emisoras de radio da CNT e a FAI chamaron ós seus membros ó cesamento das hostilidades.

As baterías costeiras, baixo o mando da CNT, apuntaban cara ao edificio da Generalitat.

Catro de maio

[editar | editar a fonte]

Proseguía a construción de barricadas nas rúas. O Pazo de Xustiza foi ocupado pola policía, ó igual que algúns centros da CNT. Ás once da mañá, os delegados dos sindicatos da CNT reuníronse e acordaron facer todo o posible para restablecer a tranquilidade. Elixiuse un comité especial para negociar co goberno unha solución para o conflito. Sobre as cinco da tarde foron abatidos pola policía varios anarquistas cerca da Vía Durruti (hoxe Vía Laietana). O POUM apoiou publicamente a resistencia. Nos tiroteos que tiveron lugar ó longo deste día faleceu o coñecido libertario Domingo Ascaso, familiar de Francisco e de Joaquín Ascaso Budría.

A Sección Bolchevique-Leninista de España, grupo oficial da IV Internacional, distribuíu nas barricadas de Barcelona panfletos titulados "Viva a ofensiva revolucionaria", que incluían o seguinte texto:

"Viva a Ofensiva revolucionaria - Nada de compromisos - Desarme da GNR e Garda de Asalto reaccionarias - O momento é decisivo - A próxima vez será demasiado tarde - Folga xeral en tódalas industrias que non traballen para a guerra, ata a dimisión do goberno reaccionario - Só o Poder Proletario pode asegurar a vitoria militar - Armamento da clase obreira – Viva a unidade de acción CNT-FAI-POUM – Viva a Fronte Revolucionaria de Proletariado – Nos talleres, fábricas, barricadas etc.: Comités de defensa Revolucionaria." [1]

Cinco de maio

[editar | editar a fonte]

O presidente autonómico Lluís Companys chegou a unha fráxil tregua cos diferentes grupos, dimitindo o anterior goberno autonómico e formándose novamente outro, se ben o inmediato asasinato dun dos seus membros, Sesé, é indicador da situación.

Ás nove e media da mañá, a Garda de Asalto atacou a oficina central do sindicato médico, na Praza de Santa Ana, no centro da cidade, e a sede central da Federación Local da FIJL.

Un grupo anarquista chamado Agrupación de los Amigos de Durruti publicou varios panfletos, esixindo a liberación de Maroto e chamando á poboación á resistencia. Nun deles declaraba que "Foi constituída unha Xunta Revolucionaria en Barcelona. Tódolos responsables do golpe de estado, que manobran baixo protección do gobierno, serán executados. O POUM será membro da Xunta Revolucionaria porque eles apoiaron ós traballadores"[2]. Tanto a CNT como a FIJL rexeitaron participar na iniciativa da agrupación.

Sobre as cinco da tarde os escritores anarquistas italianos Camillo Berneri e Francesco Barbieri foron detidos por un grupo de doce gardas, seis deles da policía municipal e o resto membros do PSUC. Ambos foron asasinados durante o arresto. Cara a noite chegou á cidade Federica Montseny, ministra de Sanidade e membro da CNT, co propósito de mediar entre as partes.

Pola súa parte, en Tarragona a Garda de Asalto procedeu igualmente a intentar desaloxar os edificios de comunicacións ocupados pola CNT. O mesmo aconteceu noutras localidades, como Tortosa e Vic.

Seis de maio

[editar | editar a fonte]

Durante a madrugada a CNT apelou unha vez máis ós traballadores á volta ó traballo. Unha forza de aproximadamente 5.000 membros, a maioría deles Gardas de Asalto, e dous buques de guerra foron mandadas cara a Barcelona desde Valencia e Madrid, ante o que a maior parte dos traballadores en folga abandonan a resistencia, e a Central de Telefónica foi entregada ó goberno.

En Tarragona milicianos de Estat Català, ERC e PSUC atacaron a sede local da FIJL local, conseguindo tomala ó asalto tras un duro enfrontamento armado.

Sete de maio

[editar | editar a fonte]

Ás oito e vinte da mañá chegou a expedición dos Gardas de Asalto a Barcelona, ocupando distintos puntos neurálxicos da cidade. Producíronse os últimos enfrontamentos, dando unha cifra total de entre 500 e 1.000 mortos e arredor de 1.500 feridos ó longo das Xornadas.

Os Gardas de Asalto nas cidades de Barcelona e Tarragona e moitas outras localidades, procederon a desarmar e deter a numerosos membros da CNT, FAI, FIJL e POUM.

Oito de maio

[editar | editar a fonte]

As rúas volveron á normalidade, con algúns incidentes illados, e empezáronse a desmontar as barricadas.

Os sucesos de maio tiveron tamén un campo de actuación secundario en moitas vilas, principalmente das provincias de Barcelona e Tarragona. Tralos sucesos, caeu o Goberno da Victoria de Largo Caballero, cos seus dous ministros membros da CNT, Federica Montseny e Joan García Oliver, que se desprazaran a Barcelona durante os incidentes tratando de pacificar a situación.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • La guerra civil mes a mes, Tomo 13. Los sucesos de Barcelona (Mayo 1937), varios autores, Grupo Unidad Editorial S.A., 2005 ISBN 84-96507-59-9 (obra completa) ISBN 84-96507-72-6 (Tomo 13).
  1. Viva la Ofensiva revolucionaria - Nada de compromisos - Desarme de la GNR y Guardia de Asalto reaccionarias - El momento es decisivo - La próxima vez será demasiado tarde - Huelga general en todas las industrias que no trabajen para la guerra, hasta la dimisión del gobierno reaccionario - Sólo el Poder Proletario puede asegurar la victoria militar - Armamento de la clase obrera – Viva la unidad de acción CNT-FAI-POUM – Viva el Frente Revolucionario de Proletariado – En los talleres, fábricas, barricadas etc.: Comités de defensa Revolucionaria.
  2. Ha sido constituida una Junta Revolucionaria en Barcelona. Todos los responsables del golpe de estado, que maniobran bajo protección del gobierno, serán ejecutados. El POUM será miembro de la Junta Revolucionaria porque ellos apoyaron a los trabajadores.