Mercedes Formica
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Mercedes Formica-Corsi Hezode 9 de agosto de 1913 Cádiz, España |
Morte | 22 de abril de 2002 (88 anos) Málaga, España |
Educación | Universidade de Sevilla Universidade de Madrid |
Q89547790 | Conseguiu cambiar 66 artigos do Código Civil na posguerra para mellorar a situación xurídica da muller |
Actividade | |
Ocupación | xuíza, xornalista, novelista, escritora, cronista |
Pseudónimo literario | Mercedes Formica Elena Puerto |
Familia | |
Cónxuxe | Eduardo Llosent y Marañón (1937-60) José María González de Careaga y Urquijo (1962-1971) |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Dictionary of Women Worldwide |
Mercedes Formica-Corsi Hezode, nada en Cádiz o 9 de agosto de 1913 e finada en Málaga o 22 de abril de 2002, coñecida como Mercedes Formica, foi unha xurista, novelista e ensaísta española. Destacou especialmente pola súa defensa dos dereitos da muller en España.[1]
Feminista en plena ditadura franquista, impulsou a reforma do Código Civil e as súas denuncias lograron en 1958 a reforma de 66 artigos deste. Foi un primeiro paso para mellorar a situación xurídica da muller casada, ao que seguiu un longo proceso de reformas que culminaron nos anos 80.[2][3] O seu nome debería figurar na memoria de xuristas e no da historia das mulleres en España. Porén, os seus logros apenas tiveron recoñecemento público no posfranquismo por causa do seu «pasado falanxista», segundo ela mesma lamentou.[2][4] Tamén foi invisibilizada como autora, segundo diferentes estudos, por ser muller nun mundo literario dominado por homes.[5]
Puido realizar un labor a prol dos dereitos das mulleres precisamente pola súa relación co franquismo, o que non puideron facer personaxes eminentes do feminismo, como o xurista Plutarco Marsá Vancells, pola súa relación coa II República Española.
Admiradora de José Antonio Primo de Rivera, afiliouse á Falanxe Española. Porén, foise desvinculando dela ao percibir a desviación do réxime franquista do pensamento joseantoniano e o pouco que progresaban as súas reivindicacións feministas.[2][6] Simultaneou o xornalismo coa literatura a partir dos anos 40, ao principio como autora de novelas rosas que asinaba como Elena Puerto.
En 1944 fíxose cargo da dirección do semanario Medina, editado pola Sección Femenina, e colaborou con publicacións como ABC, Blanco y Negro, Gran Mundo, Teresa e La Ilustración Femenina.[7]
En 1950 publicou na Revista de estudios políticos unha recensión de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir. Nela reivindica a independencia económica das mulleres e critica o lugar secundario que sempre ocuparon no ámbito profesional.[2]
En 1975 recibiu o Premio Fastenrath da Real Academia Española pola súa obra La hija de Don Juan de Austria (Ana de Jesús en el proceso al pastelero de Madrigal).[8]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Mercedes Formica-Corsi Hezode naceu o 9 de agosto de 1913 en Cádiz nunha familia acomodada.[9] Filla de José Formica-Corsi e de Amalia Hezode y Vidiella, era a segunda de seis irmáns: María Luisa, Elena, Margarita, José e Marita. Debido a un traslado profesional do pai, enxeñeiro industrial, quen pasou a dirixir a Compañía de Gas e Electricidade en Sevilla, a familia estabeleceuse na capital andaluza cando Mercedes tiña once anos. Describiuno na súa novela autobiográfica La infancia.
A súa nai padecía graves problemas no seu matrimonio e sufriu unha separación en que o "dilixente bo pai de familia" ditou a súa lei. Porén, puxo todo o seu empeño en que as súas fillas estudasen e puidesen manterse.[2][10] Mercedes estudou o bacharelato, primeiro no colexio de Santa Victoria de Córdoba e máis tarde no Valle de Sevilla. A nai sufría a indefensión da muller educada "á antiga" e preocupouse por inculcarlles ás fillas o camiño cara a independencia persoal.[11]
En 1931 preparou nunha academia o acceso á universidade, e o ano seguinte matriculouse en Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Sevilla. Nas súas memorias recoñeceu ter «moita fortuna» cos catedráticos, pois «pertencían á nova fornada republicana e procedían da Institución Libre de Ensino». Porén, dos que cita só parece responder a ese perfil o catedrático de Historia do Dereito José Antonio Rubio Sacristán.[12] Sempre tivo moi claro que o seu ideal non era o da muller abnegada e dependente de marido. Así o lembra o catedrático de dereito constitucional Octavio Salazar nunha descrición de Formica publicada en 2020. Por contra, sempre pelexou por ter a súa propia voz. Tiña claro que «só casaría por amor» e o xeito máis fácil para conseguilo era a través da «independencia económica».
En 1933 os seus pais divorciáronse e a súa nai non consentiu o divorcio «amigábel». Así, viuse obrigada a sobrevivir en Madrid coas súas fillas, sen poder ver o seu fillo. A experiencia fixo que Mercedes tomase conciencia da situación das mulleres separadas en España.[4] Logrou seguir os seus estudos na Universidade de Madrid, mais a Guerra Civil interrompeu a súa carreira. Cando obtivo a licenciatura en 1948, empezou a exercer como avogada, e especializouse en temas relacionados cos dereitos das mulleres.[6]
Falanxe Española e José Antonio Primo de Rivera
[editar | editar a fonte]A primeira vez que soubo de José Antonio Primo de Rivera foi cando unha mañá de outubro de 1933 ouviu pola radio o discurso da Comedia. Chamáronlle a atención algúns parágrafos do discurso e quixo saber máis do orador, cuxa existencia descoñecía daquela.[13]
Afiliouse ao Sindicato Español Universitario (SEU) e pouco despois foi nomeada delegada do sindicato da Facultade de Dereito.[6] Desde entón compaxinou os seus estudos universitarios coa participación na Falanxe Española.
«Sobre o suposto antifeminismo de José Antonio e a tese, tan difundida, de querer a muller na casa pouco menos que coa "pata crebada", debo dicir que non é certo. Forma parte do proceso de "interpretación" ao que foi sometido o seu pensamento. Como bo español, sentía receo cara a muller pedante, agresiva, desaforada, chea de odio cara o varón. Dende o primeiro momento contou coas universitarias e nomeounas para cargos de responsabilidade. Na miña opinión, non veu a sufraxista encolerizada, senón unha moza preocupada polos problemas de España, que amaba a súa cultura e intentaba abrirse camiño, cunha carreira, no mundo do traballo».[14]
En 1936 o propio José Antonio nomeouna delegada nacional do SEU feminino e, por tanto, membro da Xunta Política de Falanxe Española.[4]
A guerra civil sorprendeuna en Málaga, onde se instalara uns meses antes coa familia. Alí viviu dende a proximidade a experiencia do terror revolucionario até que conseguiu escapar e chegar a Sevilla, na zona sublevada.[15][16] Nas súas memorias describe detalladamente estes feitos, que tamén lle serviron para o contexto da súa novela Monte de Sancha. Desde entón colaborou estreitamente coa Sección Feminina. En Málaga asistiu á xefa local, Carmen Werner Bolín.[17]
O 20 de decembro de 1937 casou con Eduardo Llosent y Marañón, editor da revista Mediodía (órgano da Xeración do 27 na cidade), na capela de Nuestra Señora de la Antigua da Catedral de Sevilla.[18] Alí residiu o matrimonio até o final da guerra, cando Eugeni d'Ors, director xeral de Belas Artes, nomeou a Llosent director do Museo Nacional de Arte Moderna.
Pola súa casa de Madrid pasaron escritores, pintores e dramaturgos da posguerra e era frecuentada polos sectores menos integristas do réxime. Pola súa banda, Mercedes e Eduardo asistían a faladoiros aos que acudían Sánchez Mazas, Eugenio Montes, César González-Ruano, Edgar Neville, Sebastián Miranda, Pilar Regoyos, Natividad Zaro, Mary Navascués, Conchita Montes, Luis Felipe Vivanco, Luis Rosales ou Leopoldo Panero.[4]
A principios de 1944 Pilar Primo de Rivera propúxolle asumir a dirección de Medina, o semanario da Sección Feminina, onde colaboraron persoas procedentes de campos políticos non afíns a Falanxe.[19]
En 1945 publicou na revista Escorial a novela Bodoque, en que a trama principal consiste nun caso de separación.
En 1947 viaxou co seu marido á Arxentina, onde se expuxo unha mostra de artes plásticas, literatura, música e teatro español.[4] Tres meses despois, regresaron a España. En 1948 Formica examinouse das materias que lle faltaban para completar a súa titulación universitaria, interrompida pola guerra.
Terminada a carreira de Dereito, pensou en ingresar no Corpo Diplomático ou preparar oposicións para Avogada de Estado ou Notarías. Porén, un dos requisitos para opositar era ser home. Produciulle indignación lembrar que «José Antonio, cuxo nome tanto se aireaba, nunca foi contrario ás universitarias».[20] Pediu entón a alta no Colexio de Avogados e en 1950 converteuse nunha das tres mulleres que exercían a avogacía en Madrid, co número 14.101,[21] tarefa que compaxinou coa produción literaria.[22]
Aceptou a dirección da revista Feria, en que colaboraron, entre outros, Leopoldo Panero e Luís Rosales. Porén, a revista, privada de medios económicos, acabou por desaparecer.
En 1948 no Instituto de Estudos Políticos, destinado a ser o think tank do réxime franquista, e entón dirixido por Francisco Javier Conde, traballou nunha proposta de reforma legal para permitir o acceso da muller a postos de responsabilidade.[23]
A muller e as profesións liberais
[editar | editar a fonte]Durante a súa vida Formica pelexou contra a exclusión das mulleres das oposicións para o acceso á Xudicatura, á Avogacía do estado ou ás Notarías. O primeiro capítulo do seu último volume de memorias titúlase «En busca de trabajo. La exigencia de cumplimiento imposible: ser hombre».[2]
En 1950 publicou na Revista de estudios políticos un traballo sobre O segundo sexo de Simone de Beauvoir. Nel reivindicaba a independencia económica das mulleres e criticaba o lugar secundario que sempre ocuparon no ámbito profesional.[2]
A comezos dos anos 50, Pilar Primo de Rivera encargoulle un relatorio sobre «La mujer en las profesiones liberales» para o I Congreso Feminino Hispanoamericano Filipino, convocado en Madrid en maio de 1951. Para preparalo buscou colaboradoras que obtiveran o título universitario na súa maioría antes da guerra: María de la Mora e Sofía Morales (xornalistas), Carmen Llorca, Josefina Aráez e Pilar Villar (Filosofía e Letras), Carmen Segura (enxeñeira industrial), Matilde Ucelay, quen pertencía ao grupo dos vencidos, e María Ontañón (arquitectas), Mercedes Maza (médica) e Carmen Werner (licenciada en pedagoxía). No texto reivindicaron a plena incorporación das mulleres ao mundo laboral, mais a organización retiraron o relatorio tachándoo de «feminista». Durante a elaboración do relatorio, Formica amais escribiu unha nova novela: Monte de Sancha, finalista do Premio Ciudad de Barcelona.[4]
«El domicilio conyugal»
[editar | editar a fonte]En 1952 empeza a asinar artigos no diario ABC. O 7 de novembro de 1953 o director, Luis Calvo, permitiulle publicar un artigo que fora retido pola censura, «El domicilio conyugal». O escrito facía alusión ás doce coiteladas que sufriu Antonia Pernia Obrador a mans do seu esposo, suceso recollido na prensa escrita como «Mujer apuñalada por su marido».[24] Non era a primeira discusión do matrimonio, mais ese día o marido foi máis lonxe. Ela tentara separarse, porén, o avogado advertíraa de que perdería a casa, os fillos e os bens.
O artigo desatou unha intensa polémica sobre a situación das mulleres separadas e a lexislación matrimonial vixente, que non daba opción ás mulleres. A separación significaba perderen fillos, fogar e bens. O diario ABC mesmo abriu unha enquisa entre xuristas sobre a necesidade de modificar a lexislación nestes aspectos.[21]
De acordo cos artigos 1.880 e seguintes da Lei Procesal entón vixente, a vivenda familiar considerábase «casa do marido». A esposa que pedía a separación (culpábel ou inocente) debía abandonala para ser «depositada» nun domicilio alleo. Dito domicilio podía ser o dos pais (se os tiña), ou un convento, mais sempre baixo a tutela dun «depositario».
O 7 de decembro de 1953 a revista Time dedicoulle unha páxina. O artigo termina coa frase que seica lle escoitaron a un madrileño: «Coido que empeza un gran rebumbio. Grazas a Deus a miña muller non le os xornais».
Robert Capa, á fronte da axencia Magnum, enviou a fotógrafa austríaca Inge Morath, a primeira muller que se incorporou á axencia, a inmortalizar a Mercedes Formica para unha reportaxe, «World of women». Tamén retratou a outras tres mulleres destacadas doutros países: Frederica de Grecia, a doutora singapuriana Han Suyin e a científica estadounidense Eugenie Clark.[25]
O 20 de decembro o semanario anarcosindicalista CNT dedica unha extensa nota que terminaba así:
Interesante a cuestión exposta por Mercedes Formica, moito máis polo que suxire que polo que expresan as opinións terciadas [...] Esperamos, con todo, que non fose dita a última palabra. Á Igrexa como Institución tocaralle dicila cando logre reporse da sorpresa.
Na procura dunha reforma legal, Formica pronunciou conferencias e escribiu artigos. Foi recibida por Franco e mesmo José Castán Tobeñas, o presidente do Tribunal Supremo, fíxose eco das súas reclamacións na apertura do ano xudicial de 1954.
O ABC beneficiouse do éxito da avogada. Días despois abriu unha enquisa sobre a reforma da lexislación denunciada. Deu tamén cabida nas súas columnas a expertos xuristas, mentres que á redacción chegaban a diario cartas en apoio ás reivindicacións de Formica. Ao mesmo tempo publicou un editorial en que destacou o eco que tivo o artigo e a formulación do problema da capacidade legal da muller española. Engadiu que a situación concreta que denunciaba a súa colaboradora era «unha de tantas manifestacións dunha característica do noso Dereito Civil que foi obxecto de estudo no primeiro Congreso Nacional de Xustiza e Dereito».[4]
O 10 de febreiro de 1954, no Círculo Medina da Sección Femenina, pronunciou a conferencia «La situación jurídica de la mujer española» con grande éxito. Co mesmo título deu outra en Barcelona. Alí, en La Vanguardia Española fixéronlle unha entrevista co seguinte encabezamento: «Mercedes Formica, avogada en exercicio, do Colexio de Madrid, escritora, novelista, autora de Bodoque, Monte de Sancha, La ciudad perdida, El miedo (inédita esta última), defensora dos dereitos da muller, disertará hoxe en Conferencia Club, sobre este tema».[4]
En 1954 publicou a novela A instancia de parte, en que mostra a súa preocupación como muller e avogada pola dupla moral con que se medían os casos de adulterio entre homes e mulleres. Presenta o tema desde a complexidade de seis diferentes puntos de vista:
- O esposo adúltero (Julián)
- O marido enganado e que non denuncia á esposa (Chano)
- A esposa falsamente acusada de adulterio (Aurelia)
- A esposa adúltera que non foi denunciada polo seu esposo (Esperanza)
- A que si foi denunciada e, xa que logo, cumpre condena (Fuensanta)
- A manceba ou amante do esposo adultero (Bárbara).[21]
Por consecuencia da campaña creada pola avogada, en xullo de 1956 o Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Madrid emitiu unha sentenza na que o maxistrado resolveu que a esposa seguise a vivir no domicilio conxugal, polo que o marido debería abandonalo. A sentenza animou a moitas mulleres a se dirixiren á prensa para expoñeren a súa precaria situación tras unha sentenza contraria a elas.[4]
A Reforma do Código Civil de 1958
[editar | editar a fonte]Cinco anos despois da publicación de «El domicilio conyugal» logrouse unha tímida modificación do Código Civil. A reforma de 1958 substituíu «casa do marido» por «vivenda común do matrimonio», para os efectos de determinar, en caso de separación, cal dos cónxuxes ficaría co uso da vivenda. Desde entón, os xuíces puideron decretar que a muller puidese gozar da vivenda conxugal tras a separación. Tamén eliminou a figura degradante do «depósito da muller», isto é, o dereito ou obriga do marido de «depositala» na casa dos pais ou nun convento. Ademais, permitiu que as mulleres viúvas puidesen manter a patria potestade sobre os fillos se volveren casar.
Mediante dita reforma limitouse o poder case absoluto que tiña o marido para administrar e vender os bens do matrimonio. A Exposición de Motivos da Lei estabelece que o sexo non podía orixinar desigualdades...
...mais si certas diferenzas orgánicas derivadas dos cometidos que nela competen os seus compoñentes, para o mellor logro dos fins morais e sociais que, conforme o Dereito natural, está chamada a cumprir. Contémplase, xa que logo, a posición peculiar da muller casada na sociedade conxugal en que, por exixencias da unidade matrimonial, existe unha potestade de dirección que a natureza, a Relixión e a Historia atribúen ao marido, dentro dun réxime en que se recolle fielmente o sentido da tradición católica que inspirou sempre e debe inspirar no sucesivo as relacións entre os cónxuxes.[26]
Formica reclamou a eliminación doutros preceptos legais que atentaban contra a dignidade da muller, como o tratamento discriminatorio do adulterio entre o home e a muller no Código Penal.
A activa participación de Formica no impulso desta reforma fixo que fose bautizada irónicamente como «a reformica», en alusión ao seu apelido e ao limitado alcance da mesma. Con todo, foi un primeiro paso moi importante na defensa dos dereitos das mulleres, como a propia xurista escribiu en ABC.
A loita contra o sistema de autoridade marital, a licenza marital e a obediencia da muller ao marido foi liderada por María Telo. A xurista cacereña logrou que se aprobase a Lei 14/1975, de 2 de maio, que modificou certos artigos do Código Civil e do Código de Comercio sobre a situación xurídica da muller casada e os dereitos e deberes dos cónxuxes.
Mercedes Fórmica logrou atraer a atención de moitos dos nosos mellores profesionais do Dereito cara a cuestión da capacidade xurídica da muller. Pero logrou aínda máis e foi o espertar con ese mesmo tema a atención dos homes e as mulleres en xeral, é dicir, do que se chama atención pública. Con todo, non tivo nin o recoñecemento do público xeral nin o do movemento feminista en particular.[27]
Sobre a guerra civil e o franquismo
[editar | editar a fonte]Fascinada desde a mocidade co discurso de José Antonio Primo de Rivera, nas súas memorias censura as formulacións do Caudillo e asegura que preferiría a disolución de Falanxe ao «albondigón», nome que ela utilizaba para referirse á unión de tradicionalistas e falanxistas decretada por Francisco Franco:
«Aquela amálgama monstruosa, aquel xigantesco «albondigón», estrangulou a ideoloxía, e todo ficou nunha especie de cristianismo obrigado, coma o imposto en Roma polo Decreto de Constantino. A traxedia do pensamento joseantoniano foi deterse en plena evolución. Se Dionisio [Ridruejo] alzou a voz, a José Antonio pecháronlle a boca os que dispuxeron a súa morte».[28]
Nos relatos sobre a Guerra Civil española, parte importante das súas memorias, Formica rebelouse contra a barbarie que supuxo o conflito e denunciou os cambios de chaqueta dos que foi testemuña. Tamén lembrou a súa relación con importantes poetas da Xeración do 27 e clamou contra o fusilamento do seu admirado Federico García Lorca:
Dous días despois, 18 de agosto, asasinaron en Granada a Federico García Lorca. Durante moito tempo resistinme a crelo».[29]
Ao termo do primeiro volume das súas memorias, en 1982, escribiu:
O gran problema da xeración do 36 [referíndose á súa] é un problema de esquecemento; que alguén explique a un e a outro bando que esquecer non é sinónimo de traizón».[30]
Aínda que a ditadura franquista non respondese de xeito preciso aos ideais polos que se adheriu ao falanxismo na súa mocidade, a súa valoración mantén elementos positivos. Valorou de xeito positivo, entre outros, a actuación da Sección Feminina (un colectivo «exemplar» que algún día «será estudado con xustiza»), as campañas para a redución da mortalidade infantil, a actividade de Rexións Devastadas e posteriormente o Instituto Nacional da Vivenda, o seguro de enfermidade para o obreiro, as escolas de capacitación profesional ou a creación das universidades laborais.[31]
Describiu a década dos 40 como «o período das grandes realizacións, malia sufrir as consecuencias de dúas contendas, a española e a mundial, coa miseria e escaseza que arrastraron. Pero tamén cun malgaste de boa fe, xenerosidade e esperanza».[32] Pola contra, os anos 50 «trouxeron a febre da construción, o turismo, os novos ricos, a multiplicación dos trepadores». Con respecto á vivenda, «fallou o sistema das reparticións. Con frecuencia prevaleceron os "enchufes" e recomendacións».[33]
Formica chegou a entrevistarse con Franco, a quen expuxo a situación dos dereitos da muller. Saíu do encontro «coa sensación de que fora comprendida» porque o Caudillo tamén asistira, do mesmo xeito que ela na súa casa, aos problemas que viviu a súa nai, conforme explica nas súas memorias.[3]
Biografías e memorias
[editar | editar a fonte]En 1960 un tribunal eclesiástico declarou nulo o seu primeiro matrimonio.[10] En 1962 casou en segundas nupcias co industrial e político José María González de Careaga y Urquijo, quen morreu en 1971.
Nos últimos anos do franquismo cultivou a biografía e escribiu a de María Ana de Austria e María de Mendoza, filla e amante de Xoán de Austria. A biografía La hija de Don Juan de Austria (Ana de Jesús en el proceso al pastelero de Madrigal), publicada en Revista de Occidente con prólogo de Julio Caro Baroja, valeulle en 1975 o Premio Fastenrath da Real Academia Española. O historiador relata as numerosas ocasións en que atopaba a Formica lendo no Arquivo Histórico Nacional. Louva a súa figura e avoga por un maior protagonismo da muller no eido da historia.
Na introdución da obra, Formica aclara brevemente as andanzas de dona Ana de Austria e o trato inxusto que recibiu durante séculos polos historiadores, que a tachaban de ignorante e mesmo de arrogante. A obra foi recibida pola crítica internacional como unha achega definitiva ao estudo do século XVI español. Foi obxecto de polémica en 1985 entre Formica e Antonio Gala, a quen acusou de plaxio nun guión deste para o programa de televisión Paisaje con figuras.[34]
Nos anos 80 escribiu as súas memorias:
- Os tres volumes de memorias titulados Visto y Vivido (1931-1937) (1982)
- Escucho el silencio (1984)
- A novela autobiográfica La infancia (1987)
- A novela Collar de ámbar (1989), que recreou o influxo da cultura hebrea en España
Finou en abril de 2002, doente de Alzheimer.[35]
Opinións sobre a xurista e escritora
[editar | editar a fonte]En 2013, co gallo da reedición das súas memorias, Luis Antonio de Villena escribiu:
«É unha escritora notábel (historiadora ou novelista) que quedou, como tantos, sen a súa España. Ela pertence tamén a esa soñada e querida "terceira España" —a de Juan Ramón ou Cernuda— que non terminamos de ver chegar. Si, Mercedes Formica non era para nada (abondaba a súa liberdade ao oíla falar para comprobalo) unha señora do Réxime. Pero —hai que dicilo— tampouco abandonou o paraugas da dereita para cruzar a rúa, polo menos á metade. Era simpática, aberta, culta, libre, criticaba a Igrexa e a Franco, pero quedou sen cruzar. Merece o rescate. Dicía: "O soño non puido ser". Era verdade».[36]
Pola súa banda, Rosa Regàs salientou a contradición entre as reivindicacións feministas de Formica e o seu apoio a un réxime que as convertía en inalcanzábeis:
«Se se contempla a espesa lexislación contraria á liberdade da muller que o franquismo elaborou e mantivo coa axuda da igrexa católica, da burguesía e dos poderes fácticos que apoiaran o golpe de estado, hai que recoñecer que non foi moito o que conseguiu Mercedes Formica, pero houbo moi poucas mulleres que o intentaron como o fixo ela, unhas porque non podían outras porque non crían niso. Pero a min gústame ter o convencemento de que debeu axudar algo o feito de que a súa nai non a tratase como as ben pensantes mulleres da época trataban as súas fillas, e que ter unha carreira universitaria e unha forma de gañar a vida animou a súa autonomía de pensamento e acción e a súa coraxe para enfrontar, aínda que só fose formalmente, a ideoloxía do réxime que ela mesma defendeu».[37]
Recoñecementos póstumos
[editar | editar a fonte]Polémica pola retirada do seu busto en Cádiz
[editar | editar a fonte]O 2 de decembro de 2014 inaugurouse un busto seu na praza do Palillero no centro de Cádiz, a súa cidade natal, en recoñecemento á súa loita polos dereitos da muller.[38] Porén, o 6 de outubro de 2015 o goberno local mandou retiralo e trasladalo ao interior da Fundación de la Mujer. Situouno na biblioteca que leva, até agora, o nome da avogada.[39]
A decisión tomada polo consistorio, daquela liderado polo partido Podemos, foi interpretada por algúns medios como un intento de borrar as pegadas da historia da dereita na rúa, debido ao pasado falanxista de Formica. En febreiro de 2016 un grupo de intelectuais de Málaga iniciou unha campaña para recuperar o busto e recolocalo nun lugar de honra nesa cidade. Formica viviu alí os seus últimos anos e escribiu algúns dos seus libros.[40]
Recuperación do seu nome nas rúas de Madrid
[editar | editar a fonte]En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, o concello de Madrid aprobou en 2017 unha nova edición do directorio de rúas oficial, con 52 delas renomeadas. A rúa de Eduardo Aunós pasou a ser a rúa de Mercedes Formica.[41]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- Vuelve a mí. Madrid, Afrodisio Aguado, 1944 [como Elena Puerto].
- Bodoque, Madrid, Escorial, 1945.
- Mi mujer eres tú. Madrid, 1946 [como Elena Puerto].
- Monte de Sancha, Barcelona, Luis de Caralt, 1950. Edición revisada e corrixida pola autora. Málaga, El Aguacero Libros, 1999, con Prólogo de Francisco Chica. Edición facsímil da de 1950: Renacimiento, 2015, con prólogo de Miguel Soler Gallo.
- La ciudad perdida. Barcelona, Luis de Caralt, 1951.
- El secreto. Madrid, Tecnos, 1953.
- A instancia de parte. Madrid, Cid, 1954, Premio Cid da Cadena SER. Reedición de María Elena Bravo, Madrid, Castalia / Instituto de la Mujer, (Biblioteca de escritoras, 22), 1991.
- Falsas y verdaderas formas del feminismo: conferencia... homenaje a Beatriz Galindo. Madrid, (Instituto Beatriz Galindo), 1975.
- La hija de Don Juan de Austria. Ana de Jesús en el proceso al pastelero de Madrigal. Madrid, Revista de Occidente, 1973. Prólogo de Julio Caro Baroja.
- La infanta Catalina Micaela en la corte alegre de Turín. Madrid, Fundación Universitaria Española, 1976.
- María de Mendoza. Madrid, Caro Raggio, 1979.
- Visto y vivido, 1931-1937. Barcelona, Planeta, 1982 (Pequeña historia de ayer) [Autobiografía].
- Escucho el silencio. Barcelona, Planeta, 1984 (Pequeña historia de ayer II) [Autobiografía].
- La infancia. Jerez, Cátedra Adolfo de Castro/Fundación Municipal de Cultura, 1987.
- Collar de ámbar. Madrid, Caro Raggio, 1989.
- Espejo roto, y espejuelos. Madrid, Huerga & Fierro, 1998 [Autobiografía].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ É habitual atopar o seu apelido acentuado (Fórmica) nas súas obras e artigos. Porén, ela mesma afirmou nunha entrevista que non leva acento. Fonte: Alborg, C. (1993) Cinco figuras en torno a la novela de posguerra: Galvarriato, Soriano, Formica, Boixados y Aldecoa. Madrid: Libertarias
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Salazar Benítez, Octavio (17 de xullo de 2020). "Mercedes Formica: la jurista silenciada". Público (en castelán). Consultado o 17 de xullo de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 G. Montilla, Cristóbal (6 de novembro de 2013). "Guapa, falangista y feminista". El Mundo (en castelán) (Málaga: Unidad Editorial). Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 García de Tuñón Aza, José María (2 de marzo de 2021). "Mercedes Formica. Una voz en el silencio.". La Razón de la Proa. Revista digital de pensamiento joseantoniano (en castelán). Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ Soler Gallo, Miguel (xaneiro de 2011). "Hurgando en el 'desván de los malditos': unas notas sobre Mercedes Formica". Perífrasis. Revista de Literatura, Teoría y Crítica (en castelán) 2 (3): 40–55. ISSN 2145-9045. Arquivado dende o orixinal o 8 de abril de 2016.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Ruiz-Copete, Juan de Dios (1 de xaneiro de 2001). Narradores andaluces de posguerra: historia de una década (1939-1949) (en castelán). Universidad de Sevilla. ISBN 9788447206506.
- ↑ "Muere Mercedes Fórmica, pionera en la lucha por los derechos de la mujer". ABC (en castelán) (Madrid: Vocento). 24 de abril de 2002. Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ "Muere Mercedes Fórmica, pionera en la lucha por los derechos de la mujer". ABC (en castelán) (Madrid: Vocento). 24 de abril de 2002. Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ Até hai pouco tempo, a data de nacemento de Mercedes Formica non se sabía con exactitude e adoitaba indicarse o ano 1916 (sen día nin mes). O investigador Miguel Soler Gallo estudou amplamente a súa vida e obra. Foi o primeiro en indicar a data correcta do seu nacemento tras atopala na súa partida de bautismo, e así o indicou nas referencias bibliográficas sinaladas.
- ↑ 10,0 10,1 Soler Gallo, Miguel (30 de abril de 2012). "Diez años sin Mercedes Formica". Diario de Cádiz (en castelán) (Grupo Joly). Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ Formica Corsi, Mercedes (1 de marzo de 1983) [1982]. Visto y vivido (1931-1937) (en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Planeta. ISBN 9788432036415.
- ↑ Formica Corsi, Mercedes (1 de marzo de 1983) [1982]. Visto y vivido (1931-1937) (en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Planeta. ISBN 9788432036415.
- ↑ Formica Corsi, Mercedes (1 de marzo de 1983) [1982]. Visto y vivido (1931-1937) (en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Planeta. ISBN 9788432036415.
- ↑ Formica: Visto y vivido (1982), pág. 158.
- ↑ García de Cortázar, Fernando (27 de decembro de 2015). "Mercedes Fórmica, palabra de mujer". ABC (en castelán). p. 58. Consultado o 22 de agosto de 2022.
- ↑ Formica: Visto y vivido (1982), págs. 205-249.
- ↑ Ferrán & Glenn 2002, p. 84.
- ↑ "Capítulo de bodas. La de la señorita de Fórmica y el señor Llosent". ABC (en castelán) (Sevilla). 21 de decembro de 1937. p. 16. Consultado o 22 de agosto de 2022.
- ↑ Formica, Mercedes (1 de marzo de 1984). Escucho el silencio. Documento (en castelán). Barcelona: Planeta. pp. 130–132. ISBN 9788432043239.
- ↑ Formica, Mercedes (1 de xuño de 1998). Espejo roto y espejuelos (en castelán) (1ª ed.). Huerga y Fierro. p. 11. ISBN 9788483740187.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Pradas, José Manuel (17 de marzo de 2020). "Las doce puñaladas a Antonia Pernia – Mercedes Formica-Corsi Hezode". Lawyerpress NEWS (en castelán). Consultado o 17 de xullo de 2020.
- ↑ Cabrera Pérez, Luis Alberto (1 de decembro de 2005). Mujer, trabajo y sociedad (1839-1983) (en castelán). Fundación F. Largo Caballero. ISBN 9788486716271.
- ↑ Fernández Barbadillo, Pedro (12 de decembro de 2014). "Mercedes Formica, una adelantada olvidada". Libertad Digital (en castelán). Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ Formica, Mercedes (7 de novembro de 1953). "El domicilio conyugal". ABC (en castelán) (Madrid: Vocento). p. 9. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2014. Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ Flórez, Aurora (6 de novembro de 2013). "Mercedes Fórmica, la falangista que lideró el cambio por los derechos de la mujer". ABC (en castelán) (Sevilla: Vocento). Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ BOE Ley 24 de abril de 1958[1]
- ↑ Garrigues Díaz, Antonio (19 de decembro de 1953). "La capacidad jurídica de la mujer. Resumen de la encuesta de ABC". ABC (en castelán) (Vocento). p. 33. Consultado o 25 de agosto de 2022.
- ↑ Formica: Visto y vivido (1982), pág. 247
- ↑ Formica Corsi, Mercedes (1 de marzo de 1983) [1982]. Visto y vivido (1931-1937) (en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Planeta. ISBN 9788432036415.
- ↑ Formica Corsi, Mercedes (1 de marzo de 1983) [1982]. Visto y vivido (1931-1937) (en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Planeta. ISBN 9788432036415.
- ↑ Formica Corsi, Mercedes (1 de marzo de 1983) [1982]. Visto y vivido (1931-1937) (en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Planeta. ISBN 9788432036415.
- ↑ Formica: Escucho el silencio (1984), pág. 91.
- ↑ Formica: Escucho el silencio (1984), pág. 94.
- ↑ "Muere Mercedes Formica, pionera en la lucha por los derechos de la mujer | Cultura | Cultura - Abc.es". Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ "Mercedes Fórmica, jurista y escritora feminista". El País (en castelán) (Prisa). 25 de abril de 2002. Consultado o 28 de agosto de 2022.
- ↑ "Mercedes Formica, dama oscura. - Página personal de Luis Antonio de Villena". luisantoniodevillena.es. Consultado o 25 de marzo de 2016.
- ↑ Rosa Regás, «Mercedes Formica o la ideológica contradicción», El Mundo, 3 de setembro de 2013.
- ↑ Cañas, Jesús A. (23 de xullo de 2016). "Mercedes Formica, reconocida en Madrid y escondida en Cádiz". El País (en castelán) (Cádiz: Prisa). Consultado o 28 de agosto de 2022.
- ↑ "El Ayuntamiento retira de la plaza del Palillero el busto de Mercedes Formica". Diario de Cádiz (en castelán) (Cádiz: Grupo Joly). 6 de outubro de 2015. Consultado o 28 de agosto de 2022.
- ↑ "Un grupo de intelectuales malagueños pedirá a Cádiz el busto de Mercedes Formica" (en castelán). Sevilla. EFE. 11 de febreiro de 2016. Consultado o 29 de agosto de 2022.
- ↑ "Madrid ya cuenta con un callejero oficial que cumple con la ley de Memoria Histórica". elDiario.es (en castelán) (Madrid). 31 de maio de 2017. Consultado o 22 de maio de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía e fontes
[editar | editar a fonte]- Ferrán, Ofelia; Glenn, Kathleen M. (2002). Women's Narrative and Film in Twentieth-century Spain (en inglés). Routledge. ISBN 0-415-93633-0.
- García de Cortázar, Fernando (27 de decembro de 2015). "Mercedes Fórmica, palabra de mujer". ABC (en castelán). Consultado o 29 de agosto de 2022.
- Ruíz Franco, Rosario (1997). Mercedes Fórmica (1916-). Biblioteca de Mujeres (en castelán). Madrid: Ediciones del Orto. ISBN 9788479231262.
- Soler Gallo, Miguel (2015). «Un tiempo de tempestad», prólogo de Monte de Sancha. Narrativa (en castelán) (1ª ed.). Sevilla: Espuela de Plata. ISBN 9788416034574.
- Soler Gallo, Miguel (2014). Fernández Ulloa, Teresa, ed. «Una trayectoria disidente en la Sección Femenina de Falange: Mercedes Formica y la reforma del Código Civil de 1958». Changes, Conflicts and Ideologies in Contemporary Hispanic Culture (en castelán) (Newcastle upon Tyne, UK: Cambridge Scholars Publishing). pp. 219-247. ISBN 9781443856546.
- Soler Gallo, Miguel (verán de 2013). "Tributo al centenario del nacimiento de Mercedes Formica (1913-2002): 'La mano de la niña'". Letras Femeninas (en castelán). XXXIX (1): 141–158. ISSN 0277-4356.
- Soler Gallo, Miguel (10 de agosto de 2013). "Mercedes Formica: La posteridad no ignorará tu nombre". Diario de Cádiz (en castelán). Consultado o 29 de agosto de 2022.
- Soler Gallo, Miguel (30 de abril de 2012). "Diez años sin Mercedes Formica". Diario de Cádiz (en castelán). Consultado o 29 de agosto de 2022.
- Soler Gallo, Miguel (2012). "«Mercedes Formica-Corsi Hezode (1913-2002): narradora andaluza de la Generación del 36»". En Gómez Yebra, Antonio A. Estudios sobre el Patrimonio Literario Andaluz (en castelán). Málaga: AEDILE. pp. 185–213. ISBN 9788493783723.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mercedes Fórmica, «una voz en el silencio» José María García de Tuñón Aza. 2013
- Hurgando en el 'desván de los malditos': unas notas sobre Mercedes Formica Miguel Soler Gallo
- Mercedes Formica o el vaivén de las circunstancias Miguel Soler Gallo. 30 de abril de 2017