Matholwch
Na mitoloxía celta, Matholwch é o rei de Iwerddon (Irlanda). É coñecido sobre todo por ser un dos protagonistas da segunda rama do Mabinogi : «O Mabinogi de Branwen». Casa con Branwen, filla de Llyr, para selar a paz co País de Gales, pero a historia ha rematar cunha guerra.
A voda con Branwen
[editar | editar a fonte]Matholwch desembarca na illa de Bretaña cunha frota de trece naves. Chega á corte de Bran o Bendito[1], o xigante fillo de Llyr, para lle pedir a man da súa irmá Branwen, e así concluír un tratado de paz. Tras algunhas deliberacións, o consello decide aceptar a demanda e todos van a Aberffraw para celebrar a voda[2]. Esa mesma noite, Matholwch e Branwen dormen xuntos.
Evnissyen, o medio irmán da rapaza, furioso porque non o consultaran, corta os labios, as orellas, as pálpebras e a cola dos cabalos dos irlandeses, na esperanza de romper o acordo. Ante a afronta, Matholwch parte de novo a Irlanda, pero reparan a ofensa mediante a entrega de novos cabalos, unha barra de prata e unha placa de ouro e un caldeiro máxico, que ten o poder de resucitar os guerreiros mortos en combate. Matholwch leva a súa nova esposa ao seu reino, onde a reciben ben; pasan o ano na gloria e a celebridade e Branwen dá a luz un fillo: Gwern.
O ano seguinte, circulan rumores a propósito da afronta sufrida por Matholwch e, como vinganza, esixen que Branwen sexa expulsada do leito real e condenada a cociñar no patio, onde cada día o cociñeiro vén a lle dar unha labazada. Ademais prohíbense todas as relacións entre Irlanda e o País de Gales. Isto ha durar tres anos, durante os cales cría un estorniño. Manda o paxaro cunha mensaxe ao seu irmán Bran.
A invasión de Irlanda
[editar | editar a fonte]Desde que este coñece a desgraza da súa irmá, Bran o Bendito decide invadir Irlanda, deixando só sete guerreiros para defender o seu reino. Ao que desembarca, Matholwch propón abdicar e darlle o poder real ao seu fillo Gwern, sobriño de Bran. Constrúen unha gran casa para acoller os belixerantes, pero os irlandeses deciden tender unha trampa aos galeses: de cada lado das cen columnas colgan sacos que contiñan senllos guerreiros. Evnissyen adiviña a estrataxema e mata os douscentos guerreiros irlandeses. A reunión celébrase finalmente. Mentres todos estaban a mimar o rei-neno, Evnissyen cólleo e bótao ao lume, facendo que a guerra estalase entre os dous campos.
Evnissyen destrúe o caldeiro máxico e morren todos os irlandeses. Na parte galesa, só sobreviven sete; Bran, ferido por unha lanza envelenada, piden que lle corten a cabeza e que o enterren en Londres no outeiro Y Gwynvryn, cara a Francia. Branwen morre ao ver a carnizaría e entérrano en Glan Alaw.
Sentido do mito
[editar | editar a fonte]Segundo Philippe Jouët[3], a historia de Matholwch representa tres infraccións a cada unha das clases indoeuropeas[4] :
- A violación do tratado de paz (natureza xurídica) é unha falta contra a primeira función.
- A emboscada tendida por Matholwch para masacrar os «bretón » é unha falta contra a ética da función guerreira.
- A desgraza de Branwen fai referencia á función de produción.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A Bran le Bendito tamén lle chaman Bran Vendigeit.
- ↑ Aberffraw : o esteiro do Ffraw, residencia real. Ver Les Quatre branches du Mabinogi nota 10 de Pierre-Yves Lambert, páxina 358.
- ↑ Philippe Jouët, Aux sources de la mythologie celtique, p. 113 e seguintes.
- ↑ Ver o artigo trifuncionalidade indoeuropea. Segundo Georges Dumézil, os mitos e as sociedades organízanse segundo tres funcións primordiais: a función sacerdotal, a función guerreira e a función produtiva.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anónimo, Les Quatre Branches du Mabinogi, traduit du gallois, présenté et annoté par Pierre-Yves Lambert, Éditions Gallimard, collection L'aube des peuples, París, 1993. ISBN 2-07-073201-0.