Morcant Bulc
Aparencia
Morcant Bulc foi un príncipe britano, probabelmente un rei, do norte de Britania, durante o período que vai entre o final do Imperio Romano e o establecemento dun estado inglés a principio da Idade Media.
Morcant aparece nunha liñaxe de Homes do Norte nas dinastías en galés antigo. Semella que foi precedido polo seu pai, Cuncar, e sucedido polo seu fillo, Coledauc. Non se sabe máis nada del. Porén, os historiadores teñen conxecturado que o seu reino estaría situado en Gododdin (Lothian), Alt Clut (Strathclyde) ou Bryneich (Northumberland) a finais do século VI.
O nome de Morcant é unha variante de Morgan. É posíbel, xa que logo, que poida ser identificado con outros Morgans que se atopan na Vida de San Kentigern e os escritos de Nennio:
- O rei Morken, semella que de Alt Clut, o opoñente de San Kentigern, durante os seus primeiros tempos como misioneiro, quen expulsou o santo do seu reino.
- O rei Morcant que case en solitario destruíu toda a esperanza que tiñan os britanos do Vello Norte de resistiren os invasores anglos durante o século VI. Formaba parte dunha grande alianza britana, xunto co rei Urien de Rheged, o rei Riderch Hael de Alt Clut e o rei Gwallawc Marchawc Trin de Elmet. Ao principio tiveran moito éxito ao repeleren os anglos do territorio de Bryneich, forzándoos a abandonaren Din Guardi – posibelmente a capital - sobre o ano 590 e cercáronos en Ynys Metcaut (a actual Lindisfarne). Porén, Morcant ficou moi envexoso dos éxitos de Urien, e, se cadra, inquietouse polas perspectivas dun Rheged moi poderoso despois da derrota dos anglos. A traizón, tería asasinado a Urien por medio dun home chamado Llofan Llaf Difo e fixo caer a alianza dos britanos do norte. Os anglos fuxiron do cerco e retomaron a maioría das terras que tiñan antes de que comezase a guerra para expulsalos.
Notas
[editar | editar a fonte]- David Ford Nash, "Early British Kingdoms" EBK
- Stephen J Murray, "Northumbria"
- The History Files: Post-Roman Celtic Kingdoms: Bernaccia