[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Lophodytes cucullatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lophodytes cucullatus

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Merginae
Xénero: Lophodytes
Reichenbach, 1853
Especie: L. cucullatus
Nome binomial
Lophodytes cucullatus
(Linnaeus, 1758)
Área de distribución de L. cucullatus
Área de distribución de L. cucullatus

Área de distribución de L. cucullatus
Sinonimia
Véxase o texto
Parella
Macho captuando un cangrexo
Femia

Lophodytes cucullatus é unha especie de ave da orde das anseriformes, familia dos anátidos e subfamilia dos merxinos, a única incluída no xénero Lophodytes.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero foi descito en 1853 polo naturalista alemán, destacado botánico e zoólogo, especializado en ornitoloxía, Ludwig Reichenbach.[2][3]

A especie fora descrita en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome Mergus cucullatus.[4]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome científico Lophodytes deriva dos termos do grego antigo λόθος lophos, "crista", e δύτες dútes, "mergullador".[5]

E o epíteto específico, cucullatus, é un termo do latín vulgar, derivado do latín clásico cucullus, "capucha".[6]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo seu nome actualmente váliso, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[7]

  • Mergellus cucullatus (Linnaeus, 1758)
  • Mergus cucullatus Aerc Tac, 2003
  • Mergus cucullatus Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Mergus cucullatus subsp. cucullatus Stotz et al., 1996

Características

[editar | editar a fonte]

Lophodytes cucullatus é unha especie con acusado dimorfismo sexual. A femia adulta ten un corpo pardo-agrisado, cunha estreita mancha branca sobre a parte inferior do peito e do ventre. Ten unha crista marrón avermellada que se estende desde a parte posterior da cabeza.

Durante a época de non reprodutiva, o macho parece semellante á femia, agás que os seus ollos son amarelos e os da femia son marróns. Na plumaxe da época reprodutora as zonas dorsais e a cabeza, o pescozo e o peito do macho maduro son principalmente negros con marcas brancas; hai grandes manchas brancas a cada lado da crista, e son particularmente visíbeis cando levanta a crista durante o cortexo. Os seus flancos inferiores son de cor marrón avermellada ou castaña, e o peito e o revés son máis ou menos brancos, estendéndose en franxas brancas pola cabeza e o peito.

En ambos os sexos hai estreitas franxas brancas ao longo das plumas das ás rémixes; cando a ave está en repouso teñen a aparencia de franxas brancas lonxitudinais ao longo da parte baixa das costas, se son visíbeis.[8]

As aves no primeiro inverno diferéncianse das femias adultas polo aspecto que teñen o pescozo e as partes superiores de cor marrón agrisada; as partes superiores das femias adultas son moito máis escuras, case negras. Ademais, as aves novas teñen bordos brancos máis estreitos nas súas plumas rémixes que os adultos. As femias de todas as idades teñen ollos escuros, mentres que nos machos os ollos palidecen durante o seu primeiro inverno.[9]

  • Lonxitude: 40-49 cm
  • Peso: 453-879 g
  • Envergadura alar: 60-66 cm.[10]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Lophodytes cucullatus é migrante de curta distancia e inverna nos Estados Unidos en rexións onde as temperaturas invernais permiten condicións sen xeo en estanques, lagos e ríos. Ten dous grandes intervalos durante todo o ano. Un está no leste dos Estados Unidos desde a fronteira sur entre o Canadá e os Estados Unidos ao longo da costa atlántica até a costa do golfo de México, na rexión do delta do Mississippi. Un rango máis pequeno durante todo o ano esténdese desde o estado de Washington e o sur da Columbia Británica até o norte de Idaho. Tamén se reproducen até certo punto en rexións desde Missouri até o sur do Canadá e desde Nova Escocia até o leste de Dacota do Norte e Saskatchewan, migrando cando é necesario para evitar as condicións invernais.[10]

De 1966 a 2015 experimentou un aumento da poboación anual de máis do 1,5 % en toda a súa área de reprodución.[11]

Preferibelmente vive en pequenas masas de auga como lagoas e pequenas rías onde hai unha ampla vexetación acuática emerxente, pero tamén habita en zonas húmidas máis grandes e ríos. Prefiren auga doce, pero tamén se atopan en masas de auga salobre.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais, considerando que esta especie ten unha área de distribución extraordinariamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tamaño da área de distribución, que a tendencia de poboación parece estar en aumento e, polo tanto, a especie non se achega aos limiares de vulnerábeñ segundo o criterio de tendencia de poboación, que o tamaño da poboación é moi grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerable segundo o criterio do tamaño da poboación, cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2016): Lophodytes cucullatus na Lista vermella da UICN. Versión 2022-1. Consultada o 14 de novembro de 2022.
  2. Lophodytes Reichenbach, 1853 no GBIF. Consultado o 14 de novembro de 2022.
  3. Lophodytes Reichenbach, 1853 na BioLib. Consultada o 14 de novembro de 2022.
  4. Linnaeus, Carl (1758): Systema Naturae per Regna Tria Naturae, Secundum Classes, Ordines, Genera, Species, cum Characteribus, Differentiis, Synonymis, Locis Vol. I (10ª edición revisada). Holmiae: (Laurentii Salvii). p. 129.
  5. Lophodytes en Johnsgard, Paul. "Waterfowl of North America: Name Derivations". Digital Commons. University of Nebraska - Lincoln.
  6. cucullate no Merriam-Webster Dictionary.
  7. Lophodytes cucullatus (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultado o 14 de novembro de 2022.
  8. "Hooded Merganser Fact Sheet, Lincoln Park Zoo" Arquivado 20 de decembro de 2015 en Wayback Machine. en lpzoo.org. Consultado o 14 de novembro de 2022.
  9. Vinicombe, Keith (2002): "Time for a rethink". Birdwatch 119: 16-17.
  10. 10,0 10,1 Hooded Merganser (Lophodytes cucullatus). En allaboutbirds.org.
  11. "BBS Trend Maps - Hooded Merganser Lophodytes cucullatus" Arquivado 30 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. USGS. US Department of the Interior.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Delany, S. & Scott, D. (2006): Waterbird population estimates. Wageningen, The Netherlands: Wetlands International. ISBN 978-9-0588-2000-6.
  • Hoyo, Josep del; Andrew Elliot e Jordi Sargatal (eds.) (1992): Handbook of the birds of the world. Volume 1, Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5.
  • Kear, Janet (21005): Ducks, Geese and Swans. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-854645-9.
  • Murphy-Klassen, H. M., Underwood, T. J., Sealy, S. G. & Czyrny, A. A. (2005): "Long-term trends in spring arrival dates of migrant birds at Delta Marsh, Manitoba, in relation to climate change". The Auk 122: 1130-1148.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]