[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Miñoca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lombriga»)

As miñocas son animais anélidos (Annelida) da clase Oligochaeta,[1] distribuídas polos solos húmidos de todo o mundo, algunhas de apenas centímetros e outras de case dous metros. O seu corpo está formado por aneis (segmentos corporais).

Tamén se lles chama miñocas a outros anélidos similares pero de hábitat mariño da clase dos poliquetos, como Arenicola marina.[1]

As miñocas "de terra" viven soterradas: son animais subterráneos, escavan galerías e canles, buscando abrigo e restos vexetais, que constitúe o seu principal alimento, inxerido con grandes cantidades de terra. Aliméntanse de detritos de varias orixes, que compoñen o humus.

As miñocas teñen o corpo cilíndrico, alongado, coa boca e o ano en extremidades opostas; e unha rexión máis grosa, o clitelo, mais próxima á rexión anterior.[2]

Pasando o dedo na súa rexión ventral, de atrás cara a cabeza, séntese a pel do animal áspera, debido á presenza de fileiras de microscópicas sedas ou quetas de quitina. As miñocas fixan as puntas das sedas no solo, facilitando o seu movemento, cando contrae a forte musculatura da parede do corpo.

A epiderme das miñocas está cuberta por unha fina cutícula e produce bastante moco, o que as torna viscosas, diminuíndo o roce co solo e facilitando o seu movemento. O moco tamén protexe a pel cando entra en contacto con substancias tóxicas ou nocivas e garante a humidade indispensable para os intercambios dos gases respiratorios en toda a superficie do corpo. Esta é a chamada respiración cutánea.

Órganos internos

[editar | editar a fonte]

As miñocas teñen un aparato dixestivo completo, que se inicia na boca e termina no ano. Na súa porción anterior hai unha gran cámara, o papo, seguida dunha moella, que tritura o alimento. Segue un longo intestino, ata o ano, no último segmento.

O sistema circulatorio é pechado, cunha gran rede de vasos moi finos, os capilares, baixo a pel, para o intercambio de gases co ambiente. O sangue das miñocas é vermello, por causa da hemoglobina, o mesmo pigmento encontrado nos glóbulos vermellos dos vertebrados.

En cada segmento do corpo hai unha cámara interna, chea dun líquido acuoso. De aí son retiradas substancias de excreción, a través de órganos especiais que se abren na pel, por poros microscópicos.

O sistema nervioso está representado por ganglios cerebroides dorsais na parte anterior do corpo que se unen á cadea nerviosa ventral mediante dous conectivos circunesofáxicos. A cadea nerviosa ventral está formada tamén por ganglios. Os ganglios están formados por grupos de células nerviosas que funcionan como centros de coordinación das diversas funcións no corpo do animal.

Segmento dunha miñoca posterior ó clitelo incluíndo tódalas súas estruturas.

A reprodución das miñocas

[editar | editar a fonte]

As miñocas son hermafroditas, pois cada individuo ten testículos e ovarios. Así e todo, o animal non se reproduce só, depende sempre da unión con outro para o intercambio de espermatozoides, o que se denomina fecundación cruzada. Na cópula, os dous animais únense polo clitelo, que produce bastante moco. Feito o intercambio de espermatozoides, os dous vermes sepáranse. En seguida, cada un dos vermes produce un casulo cheo de ovos, depositándoo no solo. Despois dalgúns días, pequenos vermes saen dos casulos.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para miñoca.
  2. Cleveland P. Hickman Jr., Larry S. Roberts, Frances M Hickman (1984, 7th ed.). Integrated Principles of Zoology. Times Mirror/Mosby College Publishing. p. 344. ISBN 0-8016-2173-9. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]