[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Lei orgánica para a mellora da calidade educativa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «LOMCE»)

A Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE)), chamada popularmente a ley Wert, é unha lei do ordenamento xurídico español con carácter de lei orgánica que modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOE), e seis artigos e unha disposición adicional da Lei Orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do Dereito á Educación (LODE).

Desde a presentación do proxecto de lei, o 17 de maio de 2013, por parte do ministro de Educación, Cultura e Deporte do goberno popular de Mariano Rajoy, José Ignacio Wert, ata a súa aprobación definitiva polas Cortes Xerais o 28 de novembro, foi unha lei contestada e controvertida por parte de varios sectores sociais e políticos. A lei levantou unha forte polémica debido ao seu carácter altamente conservador, que produciu un distanciamento entre a comunidade educativa e o Ministerio de Educación pola falta de consenso. A mostra desta falta de consenso pódese sintentizar na ausencia de procedementos para obter información e opinión das diferentes entidades implicadas e a falta do consenso político e social amplo e necesario nestas circunstancias.[1]

Durante a súa tramitación nas Cortes, a lei non foi apoiada por ningún outro grupo parlamentario máis que o Partido Popular.[2]

Cambios que introduciu a LOMCE no sistema educativo español

[editar | editar a fonte]

Constitúen a educación básica, a Educación Primaria, a Educación Secundaria Obrigatoria e os ciclos de Formación Profesional Básica, introducindo estes últimos dentro da educación básica, ensinanza que ata este momento non se clasificaba como tal.

Diferenzas na etapa de Educación Primaria

[editar | editar a fonte]

Segundo o artigo 1.9, que modifica o artigo 18 da LOE, os tres ciclos de Primaria que constaban de dous cursos cada un pasan a ser 6 cursos (sen estar divididos en ciclos). Desaparece a materia de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural e a materia de Educación para a Cidadanía. Ademais, Educación Artística pasa a ser optativa e introdúcese a opción entre Relixión ou Valores Sociais e Cívicos.

  • Os alumnos deben cursar as seguintes áreas do bloque de materias troncais:
  1. Ciencias da Natureza.
  2. Ciencias Sociais.
  3. Lingua castelá e Literatura.
  4. Matemáticas.
  5. Primeira Lingua Estranxeira.
  • Os alumnos deben cursar as seguintes áreas do bloque de materias específicas en cada un dos cursos:
  1. Educación Física.
  2. Relixión, ou Valores Sociais e Cívicos, a elección dos pais, nais ou titores legais.
  • Polo menos unha das seguintes áreas do bloque de materias específicas:
  1. Educación Artística.
  2. Segunda Lengua Estranxeira.
  3. Relixión ou Valores Sociais e Cívicos.
  • Os alumnos deben cursar a área de Lingua Cooficial e Literatura no bloque de disciplinas de libre configuración autonómica naquelas Comunidades Autónomas que posúan esa lingua cooficial. Ademais, os alumnos poderán cursar algunha área máis no bloque de materias de libre configuración autonómica.
  • Realizarase unha proba no terceiro curso de Educación Primaria proposta pola Administración Educativa que servirá para certificar o nivel de dominio dos alumnos nas destrezas, capacidades e habilidades consideradas fundamentais.
  • No último curso de Educación Primaria, sexto, realizarase unha proba externa proposta polas Administracións Educativas e de carácter global para todo o sistema, onde se comprobará o grao de adquisición da competencia matemática, competencias básicas en ciencia e tecnoloxía así como o logro dos obxectivos da etapa.
  • Os obxectivos son comúns para tódalas áreas.

Diferenzas na etapa de Educación Secundaria

[editar | editar a fonte]

Nesta etapa aparece o primeiro cambio no que se refire á estrutura da etapa e na organización dos cursos. A Secundaria articularase en dous ciclos, desta forma primeiro, segundo e terceiro formarán o primeiro ciclo e cuarto curso será o segundo ciclo, este último con carácter propedéutico.

A organización de cuarto será diferente a como veu sendo ata agora. Organizarase en torno a dúas opcións:

a) Ensinanzas académicas para a iniciación o Bacharelato.

b) Ensinanzas aplicadas para a iniciación á Formación Profesional. 

Tal e como indica [3] en ambas opcións, o alumnado cursará, Xeografía e Historia, Lingua Castelá, Matemáticas e Primeira Lingua Estranxeira. Ademais, para o itinerario de ensinanzas académicas, o alumnado cursará dous das seguintes materias: Latín, Economía, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química. Na opción de ensinanzas aplicadas, cursará dúas materias da oferta do centro educativo en materias troncais: Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e Tecnoloxía. Ademais tódolos alumnos deben cursar as materias de Educación Física e Relixión, ou Valores Éticos. 

Outra das novidades que inclúe a LOMCE son un conxunto de alternativas metodolóxicas na ensinanza e avaliación da lingua estranxeira para o alumnado con discapacidade, concretamente para aquel que presenta algún tipo de dificultade na súa expresión oral.

No artigo 27 aparece unha nova medida de atención á diversidade. Trátase dos “Programas de mellora do aprendizaxe e o rendemento no primeiro ciclo”. Neles utilizarase unha metodoloxía específica a través da organización de contidos, actividades prácticas, etc. Incluíndo materias diferentes cuxa finalidade é que os alumnos poidan cursar cuarto curso pola vía ordinaria, para poder obter así o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Os alumnos que cursarán ditos programas serán aqueles que repetirán polo menos un curso en calquera etapa, e que unha vez cursado o primeiro curso de educación secundaria obrigatoria non estean en condicións de pasar ó segundo curso, ou que unha vez cursado segundo non estean en condicións de pasar a terceiro. O equipo docente poderá propoñer ós pais e titores legais a incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe en segundo e terceiro.

Facendo referencia á avaliación e promoción de curso non aparecen cambios, xa que se manteñen os criterios actuais. Para poder pasar de curso non se pode suspender simultaneamente dúas destas materias. Así mesmo, os alumnos que promocionen sen ter superadas tódalas materias deberán seguir programas de reforzo e superar as avaliacións que correspondan. Ademais, o alumno poderá repetir o mesmo curso unha ou dúas veces como máximo dentro da etapa.

Para facilitar que os alumnos e alumnas consigan os obxectivos e adquiran as competencias, as Administracións educativas establecerán un conxunto de medidas de reforzo, facendo fincapé nas necesidades específicas de apoio educativo.

Outra diferenza respecto da LOE é que o consello orientador faise ó rematar cada curso, non ó final de cada etapa de secundaria. Desta forma entregarase aos pais ou titores legais de cada alumno ou alumna un consello orientador, que incluirá un informe sobre o grao de logro dos obxectivos e competencias, acompañado dunha serie de consellos conforme as súas necesidades para a mellora da aprendizaxe.

Diferenzas na etapa de Bacharelato

[editar | editar a fonte]

Tal e como expón a lei [4] tódalas modalidades de Bacharelato seguen sen cambios, de maneira que se pode escoller: Ciencias sociais, Humanidades, Ciencias e Artes. O currículo tamén se organizará en materias troncais, específicas e materias de libre configuración autonómica. Teranse en conta as mesmas alternativas metodolóxicas na ensinanza da lingua estranxeira para o alumnado con calquera discapacidade.

Sempre que aprobaran tódalas materias, ó rematar a etapa realizarase unha avaliación con carácter individual. Dita proba deseñarase dende o Ministerio de Educación e por profesorado externo. Despois desta etapa a forma de entrada na universidade será diferente, xa que serán as universidades as que deseñen o procedemento para poder admitir o alumnado.

Organización do centro escolar

[editar | editar a fonte]

Os centros escolares seguirán separándose en públicos e privados, e estes últimos poderán ser concertados ou non concertados. Ditas institucións públicas e privado-concertadas estarán ao servizo da administración pública.

A estrutura orgánica dun centro escolar é a seguinte:

  • Órganos de goberno.
  • Órganos de representación.
  • Órganos de coordinación docente.

Os órganos de goberno están formados polos colexiados (claustro de profesores e consello escolar) e os órganos unipersoais (director/a, xefe/a de estudos e secretario/a). Os de representación son as asociacións de pais e nais de alumnos e a dos propios alumnos. E a coordinación docente inclúe a titores, comisión de coordinación pedagóxica (C.C.P.), equipo docente, etc.

Tódolos centros de Educación Infantil e Primaria deben contar cun órgano de coordinación docente que inclúa unha titoría, un equipo de nivel, un equipo docente, unha comisión de coordinación pedagóxica e un equipo de orientación e apoio.

Avaliación

[editar | editar a fonte]

As avaliacións externas de final de etapa constitúen unha das principais novidades da LOMCE con respecto ó marco anterior e unha das medidas para mellorar a calidade do sistema educativo.[5]

Estas probas terán un carácter formativo e de diagnóstico. Por unha parte servirán para garantir que o alumnado alcance os niveis de aprendizaxe axeitados para o normal desenvolvemento da vida persoal e profesional e, ademais, debe orientar ós alumnos nas súas decisións escolares de acordo cos coñecementos e competencias que posúan. Por outro lado, as probas normalizan os estándares da titulación, indicando cales son os niveis de esixencia requiridos e introducindo elementos de certeza, obxectividade e comparabilidade de resultados. Ademais, proporcionan ós pais e nais, ós centros e ás Administracións Educativas unha valiosa información. O obxectivo desta avaliación é a mellora da aprendizaxe do alumnado, das medidas de xestión dos centros e das políticas das Administracións.

As probas serán homologables ás que se realizan internacionalmente, en especial as da OCDE. Centraranse no nivel de adquisición das competencias e seguirán as pautas internacionais (deberán ser coidadosas para poder medir os resultados do proceso de aprendizaxe sen minguar a desexada autonomía dos centros e deberán excluír a posibilidade de calquera adestramento para a súa superación).

As Administracións educativas publicarán os resultados obtidos polos centros de acordo co indicado nos artigos 140 e seguintes desta Lei Orgánica e nos termos que o Goberno estableza reglamentariamente.

As Administracións educativas poderán establecer plans específicos de mellora naqueles centros públicos que non alcancen os niveis axeitados.

O éxito desta proposta consistirá en conseguir que ningún alumno encontre nelas unha barreira infranqueable. Cada proba debe ofrecer opcións, de maneira que ninguén que queira seguir aprendendo quede fóra do sistema.

  1. Sánchez, Concepción Martín (2013-01-01). "¿Es la LoMCE la reforma que se necesita?". Educatio Siglo XXI (en castelán) 31 (1): 393–394. ISSN 1989-466X. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2016. Consultado o 05 de outubro de 2016. 
  2. El Congreso aprueba la Lomce con los únicos votos a favor del PP - ABC (en castelán)
  3. "Atención a la diversidad en la Lomce" (PDF). 
  4. "Atención a la diversidad en la Lomce" (PDF). 
  5. "Evaluación - Ministerio de Educación, Cultura y Deporte". www.mecd.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2016. Consultado o 2016-10-08. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]