[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

OU-536

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
OU-536
Mapa
Estrada OU-536
Estrada OU-536 ao seu paso por Castro Caldelas
Identificador
TipoloxíaEstrada da Rede Primaria Básica
RedeRede de estradas de Galicia
Titular da vía
Xunta de Galicia

Dimensións
Lonxitude70,22 km
Formato1 carril por sentido
Localización
InicioOurense (leste)
Fin OU-636  A Pobra de Trives

A OU-536[1][2] (na provincia de Ourense), é unha estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia que une as localidades de Ourense e A Pobra de Trives; atravesa os concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Maceda, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Ten unha lonxitude de 70,22 quilómetros e iníciase no leste de Ourense e finaliza nun cruzamento coa OU-636 na Pobra de Trives.

Percorrido e características

[editar | editar a fonte]

O seu inicio está no campus universitario de Ourense e o cabo nas piscinas municipais da Pobra de Trives.

A Xunta de Galicia iniciou unha redenominación das súas estradas en 2003 seguindo a política de racionalización da nomenclatura dos viarios iniciada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Esta nomenclatura nas estradas nacionais non fora alterada desde 1941, e nas autovías e autoestradas desde 1967.

A OU-536 foi trazada na década de 1850 (Real Orde de 12 de decembro de 1852 que ordena a súa construción), para o que se realizaron numerosas pontes e pasos superiores de arco en cantaría (moi comúns na época), e aproveitando antigas pontes romanas da Vía Nova, como a ponte do Bibei (A Pobra de Trives) e a ponte da Cigarrosa (Petín). Nun principio, a infraestrutura chamábase "estrada de Segunda Orde Ponferrada-Ourense" (como de primeira orde aparece en diversos planos da Xefatura Provincial de Estradas de Ourense, sendo admitida nesta última categoría), e posteriormente, a partir de 1941, foi N-120 (Logroño-Vigo, treito Ponferrada-Ourense). Era o acceso centro a Galicia oficialmente ata a década de 1970 (pois o Plan de Accesos a Galicia de 1970 decidira a construción dun novo acceso central que non contemplaba o trazado entre A Rúa e Ourense pola Pobra de Trives), e vía de comunicación principal entre A Rúa e Ourense ata o ano 1987, cando mudou a nomenclatura, deixando de se-la N-120.

En 1987 foi integrada na Rede de Estradas Autonómicas de Galicia, coa nova denominación de C-536, e pasou a ser a ruta da actual OU-536 unha ruta secundaria e deficitaria con respecto á nova N-120, que discorre a partir de entón polas localidades do sur lugués de Monforte de Lemos e Quiroga.

Obras de acondicionamento

[editar | editar a fonte]

En 1965 e en 1966 foron estabilizados algúns terrapléns e desprazada a traza do viario debido a afundimento de muros antigos nos concellos de Castro Caldelas e A Pobra de Trives (p.q.m. 82, zona coñecida como 'curva do espello' sentido Trives); así como ampliada a calzada en numerosos puntos (significativa é a actuación no treito Trives-Larouco). Tamén se procedeu ao pintado de marcas viarias. A OU-536 (N-120) non foi contemplada polo Plan REDIA de 1967, e non se produciu un acondicionamento do trazado en alzado e en planta ata mediada a década dos oitenta, no treito que discorre desde Castro Caldelas ata Esgos como N-120 aínda (daquela estábase construíndo a actual N-120 entre Toral de los Vados e O Barco, e o treito entre A Rúa e Monforte de Lemos estaba operativo como C-533).

No ano 1994 a OU-536 ampliábase a 3 carrís (con inclusión de carril bici, posteriormente suprimido) e acondicionábase xeometricamente ata unha velocidade de proxecto de 80 km/h no treito que discorre desde Ourense ata A Derrasa. En 1996 finalizaban as obras de acondicionamento xeométrico do treito Castro Caldelas-Alto de Cerdeira (realizadas por OTECA S.A.); e en 1997 finalizaban as obras do acondicionamento xeométrico do treito Alto de Cerdeira-A Pobra de Trives, executadas por Arias Hermanos S.A.

É unha estrada que ultimamente tivo melloras de seguridade viaria e sinalización vertical ata a vila de Xunqueira de Espadanedo desde Ourense. O seu trazado é aínda moi sinuoso en numerosos treitos, como o que discorre desde Xunqueira de Espadanedo ata As Casetas do Rodicio (Maceda).

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "CATÁLOGO DE ESTRADAS DA REDE AUTONÓMICA DE ESTRADAS DE GALICIA (RAEGA) -XUÑO 2021-" (PDF). Consultado o xuño de 2021. 
  2. "Listado RAEGA" (PDF). Consultado o xuño de 2023.