[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Elffin ap Gwyddno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía galesa, Elffin ap Gwyddno (en galés, tamén pode escribirse Elphin) era fillo de Gwyddno Garanhir, 'Señor de Ceredigion'. A aparición máis antiga do nome está nalgúns dos poemas mitolóxicos atribuídos a Taliesin no Libro de Taliesin. A data da súa composición é insegura pero probabelmente é anterior á conquista normanda. Composicións medievais posteriores refírense a Elffin e Taliesin con maior detalle. O nome de Elffin/Elphin podería ser cognado de dúas palabras irlandesas "Aill Fion" que significan "Cantil Brillante" ou "Rocha Brillante".

Hanes Taliesin

[editar | editar a fonte]

A lenda da asociación de Elffin con Taliesin aparece en forma nun texto tardío medieval en prosa, Ystorya Taliesin, a redacción máis vella da historia coñécese como Hanes Taliesin. Nesta historia Elffin tiña moi mala sorte. Gwyddno enviouno a unhas pesqueiras de salmón. No canto de atrapar un salmón, Elffin atopu un rapaciño e chamouno Taliesin ("cella radiante"). No camiño, Taliesin, malia ser aínda un bebé, falaba cunha preciosa linguaxe poética. Algúns anos máis tarde, Maelgwn Gwynedd, rei de Gwynedd, pediu que Elffin o loase a el e a súa corte. Elffin rexeitouno, dicindo que Taliesin era un mellor bardo e a súa esposa unha muller máis virtuosa que calquera que o rei tiver na corte. Taliesin soubo o que sucedera, porque era vidente, e contoullo á muller de Elffin. Rhun, o fillo de Maelgwn foi á casa de Elffin para seducir a súa muller e probar que as afirmacións de Elffin non eran verdade. Rhun embebedouna. Cando ela perdeu o coñecemento, Rhun tentou tirarlle o seu anel de vodas para demostrar a súa infidelidade; como non lle deu quitado o anel, cortoulle o dedo. Cando o rei Maelgwn intentou amosarlle o dedo a Elffin, este sinalou que a súa muller cortaba as unllas máis acotío que o posuidor do dedo, tiña criados para amasar a masa e que nunca tiña nada debaixo das unllas, e o seu anel estaba cumprido no seu dedo e ese estaba apertado. Maelgwn solicitou que Taliesin fose á súa corte para probar que a outra afirmación era errada. Taliesin deulles vinte minutos a el e aos bardos do rei para compoñeren senllos poemas. Os bardos reais non deron feito. Cando chegou a quenda de Taliesin, fixo que un vendaval sacudise o castelo. Asustado, Maelgwn mandou ir a por Elffin. A seguinte canción de Taliesin fixo que as cadeas coas que estaba suxeito Elffin se separasen.

Daquela Maelgwn retounos aos dous a unha carreira de cabalos. Taliesin chegou ao día seguinte cun cabalo vello e feble. Cando todos os cabalos do rei o adiantaron xusto no comezo da carreira, Taliesin tocou a súa anca cunha ramiña de acivro. Cando todos pasaron, botou o seu sombreiro ao chan. Cando voloveron os cabalos do rei, xusto antes da liña de meta, detivéronse onda as ramas de acivro que Taliesin puxera alí e comezaron a danzaren. O vello cabalo de Taliesin foi ao paso e tardando bastante máis, gañou a carreira.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Patrick K. Ford (ed.), Ystorya Taliesin (University of Wales Press, Cardiff, 1992). ISBN 0-7083-1092-3