[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Distrito de Toledo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Distrito de Toledo (en inglés, Toledo District) é un dos seis distritos nos que se divide o territorio de Belize. Toledo é o máis meridional de todos os distritos. Limita polo norte cos distritos de Cayo e Stann Creek; polo poñente, co departamento guatemalteco de Petén; polo oriente, co mar Caribe; e polo sur, co departamento guatemalteco de Izabal.

A capital de Toledo é Punta Gorda, unha pequena poboación localizada na costa do mar Caribe. O distrito de Toledo ten unha superficie de 4.649 km² e unha poboación de aproximadamente 28.000 habitantes.

A segunda maior cidade do distrito é Silver Creek.

Un edificio de Lubaantún.

Toledo foi o escenario no que se desenvolveron varias cidades maias importantes no Período Clásico de Mesoamérica. Entre elas hai que citar a Nim Li Punit, Lubaantún e Uxbenká. Ao concluír o período clásico da cultura maia, varias das cidades desa civilización foron abandonadas no medio de desordes, como parecen demostrar as estelas inconclusas atopadas na zona arqueolóxica de Nim Li Punit. Cando foron abandonadas, as poboacións maias foron cubertas pola espesa selva do sur de Belize, e non se soubo moito máis delas até despois do século XX, cando se desenvolveron proxectos arqueolóxicos co propósito de coñecer o pasado precolombiano da rexión. Durante os séculos posteriores e antes da chegada dos españois, o territorio foi ocupado polo grupo maiense manche ch'ol.

Punta Gorda, capital do distrito de Toledo.

Os españois ocuparon a rexión durante os séculos XVI e XVII, combatendo contra os indíxenas, que presentaran grande resistencia. A partir do século XVIII, os británicos colonizaron Belize, ao que despois se coñeceu co nome de Honduras Británica. Até a chegada dos garífunas —grupo mestizo produto da mestura de indíxenas caribes con escravos africanos, deportados das Antillas Menores baixo o control do Reino Unido—, Toledo permaneceu practicamente despoboado, posto que os ingleses expulsaran os indios ch'ol cara a Petén.

No século XX a inmigración de indíxenas guatemaltecos a Toledo —pertencentes as etnias kekchí e mopán— foi un factor que contribuíu a que, actualmente, unha significativa parte da poboación toledana sexa de orixe maia.