[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Donato Gama da Silva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaDonato Gama da Silva

(2014) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento30 de decembro de 1962 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Río de Xaneiro, Brasil Editar o valor en Wikidata
Altura178 cm Editar o valor en Wikidata
Peso83 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1980 Editar o valor en Wikidata -
Partido políticoPartido Liberal Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaBrasil Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDefensa Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1982–1984 America Football Club 36(1)
1984–1988 Club de Regatas Vasco da Gama 49(0)
1988–1993   Atlético de Madrid 163(11)
1993–2003   Deportivo da Coruña 303(38)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1994–1996   España 12(3)
Participou en
xuño de 1996Eurocopa de Fútbol Inglaterra 1996 Editar o valor en Wikidata

UEFA: 5689 Editar o valor en Wikidata

Donato Gama da Silva, nado en Río de Xaneiro o 30 de decembro de 1962, é un exfutbolista hispano-brasileiro, que xogaba nas posicións de centrocampista e defensa central. Xogador histórico do Deportivo da Coruña, disputou 393 partidos coa súa camiseta, sendo o quinto futbolista con máis encontros na historia do club, a pesar de que ingresou nel xa con 30 anos. É, xunto a Fran e Mauro Silva, un dos tres únicos xogadores que estiveron presentes na conquista dos seis títulos oficiais da historia do club (unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España).

Iniciou a súa carreira no seu Brasil natal, nas filas do America do Río de Xaneiro, antes de pasar ao Vasco da Gama, co que gañou dúas veces o Campionato Carioca. En 1988 fichou polo Atlético de Madrid, co que xogou 196 partidos durante os seguintes cinco anos, gañando dúas Copas do Rei consecutivas. En 1993 foi traspasado ao Deportivo da Coruña, no que xogou durante os seguintes 10 anos, ata a súa retirada en 2003. Os 40 anos e 138 días que tiña cando anotou o seu último gol, convérteno no futbolista de máis idade en marcar un gol na Primeira División.

Nacionalizado español, foi internacional en 12 ocasións coa selección española, coa que participou na Eurocopa de 1996.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu no Río de Xaneiro, fillo de Donato Martíns da Silva, un electricista que tamén xogara ao fútbol.[1][2] Aos 14 anos comezou a traballar vendendo paraugas e dende os 15 traballou como cerralleiro, profesión que exerceu ata que se converteu en futbolista.[3]

En 1980, aos 17 anos e despois de xogar nun equipo modesto con compañeiros de máis idade, tivo a oportunidade de realizar unha proba co America FC do Río de Xaneiro, que o acabou fichando. Do equipo xuvenil pasou rapidamente ao primeiro equipo, permanecendo nel ata 1984.[3]

Vasco da Gama

[editar | editar a fonte]

Fichou entón polo Vasco da Gama, onde empezou como lateral dereito. Trala morte do defensa central uruguaio Daniel González, pasou a ocupar a súa posición.[3] En agosto de 1984 pisou por primeira vez o Estadio de Riazor, que se convertería na súa casa unha década despois. Foi no 39ª Trofeo Teresa Herrera, no que o seu equipo acabou segundo, aínda que Donato quedou no banco nos dous partidos.[4]

Ese ano conquistou o seu primeiro título co club carioca, a Taça Rio, ademais de quedar en segundo lugar no Campionato Brasileiro, o que lle deu a oportunidade de xogar en 1985 a Copa Libertadores, por primeira e única vez na súa carreira. Continuou no Vasco da Gama ata 1988, disputando máis de 200 partidos e gañando varios títulos, entre os que destacan dous campionatos cariocas en 1987 e 1988. No equipo carioca formou unha célebre defensa xunto a Paulo Roberto, Fernando e Mazinho.[5][6][3]

Tras gañar o seu segundo campionato carioca, en 1988 viaxou de novo a España para disputar co seu equipo en Cádiz o Trofeo Ramón de Carranza. Alí enfrontouse na final ao Atlético de Madrid, ao que venceu por 2-1.[7] O club madrileño tiña intención de facerse cos servizos do seu compañeiro Paulo Roberto, pero trala disputa do torneo acabou fichando a Donato por uns 80 millóns de pesetas, converténdose así nunha das primeiras fichaxes de Jesús Gil.[8][9]

Atlético de Madrid

[editar | editar a fonte]

Debutou co Atlético de Madrid na Primeira División na xornada inaugural da tempada 1988/89, nunha derrota por 1-0 contra o Logroñés en Las Gaunas. Xogou de centrocampista, formando liña media con Orejuela, Futre e Parra.[10] Marcou o seu primeiro gol na cuarta xornada, nun encontro ante o Oviedo no Vicente Calderón, no que superou o gardameta Zubeldia cun disparo dende fóra da área. Titular indiscutible no centro do campo atlético, saíu dende o inicio en todos os partidos do equipo esa tempada agás un, e anotou 6 goles.

Mantívose no once inicial na maioría dos partidos das seguintes catro tempadas, e gañou dúas Copas do Rei consecutivas nas tempadas 1990/91 e 1991/92. Na segunda delas, con Luis Aragonés no banco, foi titular na final, na que o equipo atlético derrotou o Real Madrid no Santiago Bernabéu por 2-0.[11]

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]

En 1993 foi fichado polo Deportivo da Coruña xunto co seu compañeiro Alfredo Santaelena. A súa fichaxe suscitou críticas por parte da afección deportivista e da prensa, debido a que se lle estaba ofrecendo un contrato por catro anos a un futbolista de xa 30 anos de idade.[12] Con todo, Donato converteuse nun dos piares do equipo durante os seguintes 10 anos, sendo partícipe da época de maior gloria da historia do club.

Debutou coa camiseta do Deportivo nun derbi contra o Celta de Vigo en Riazor, da man do adestrador Arsenio. Foi titular en case tódolos partidos da tempada, formando no medio do campo xunto a Mauro Silva e Fran, e actuando en ocasións como mediocentro defensivo, outras como interior e outras como líbero.[13] Marcou 11 goles e converteuse no tirador de penaltis do equipo, anotando 5 goles esa tempada dende os once metros e 20 ao longo da súa estadía na Coruña. O Deportivo mantívose líder da liga durante a maior parte da tempada, ata que foi superado polo Barcelona na última xornada, na que Đukić fallou un decisivo penalti contra o gardameta vasco González nos últimos instantes, que lle tería dado o título ao club galego.[14] Donato tamén estivo presente nos primeiros partidos europeos da historia do club, na Copa da UEFA, competición na que caeron en oitavos de final contra o Eintracht Frankfurt.

Na seguinte tempada (1994/95), Mauro Silva sufriu unha grave lesión de xeonllo que o mantivo lonxe dos terreos de xogo durante meses, polo que Donato xogou toda a campaña como mediocampista defensivo. Foi titular en 48 dos 51 partidos oficiais que o club disputou esa campaña e marcou 12 goles, a cifra máis alta da súa carreira. Repetiu subcampionato de liga e foi titular na final da Copa do Rei que o seu equipo gañou ante o Valencia no estadio Santiago Bernabéu (2-1), participando así da conquista do primeiro título na historia do Deportivo.[15] A súa gran tempada fixo que fose xunto a Bebeto un dos 50 futbolistas nomeados ao Balón de Ouro, galardón que finalmente gañou o liberiano George Weah.[16]

Coa volta de Mauro Silva, Donato volveu formar un dobre pivote xunto a el no centro do campo, actuando tamén como defensa central cando as baixas do equipo o facían necesario. Na tempada 1995/96 proclamouse campión da Supercopa de España e acadou as semifinais da Recopa de Europa e continuou como titular nos seguintes anos, pasando a xogar habitualmente no centro da defensa trala chegada ao banco de Javier Irureta. Comezou como suplente a tempada 1999/00, pero aproveitando unha sanción a Gabriel Schürrer volveu ao once titular, no que continuou durante o resto da campaña xogando como defensa, e incluso tivo que actuar como porteiro na parte final do derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos, trala expulsión de Jacques Songo'o.[17] Na derradeira xornada contra o Espanyol en Riazor, Donato logrou o gol que abriu o camiño do triunfo que deu ao equipo galego os últimos puntos necesarios para proclamarse campión de liga por primeira e única vez na súa historia.[18]

Na tempada 2000/01 gañou a súa segunda Supercopa, acabou de novo subcampión de liga e debutou xunto co Deportivo na Liga de Campións, competición na que disputou 13 partidos, todos como titular. A pesar dos seus 38 anos, disputou un total de 45 partidos durante a campaña, 43 deles saíndo dende o inicio, e volveuse colocar como gardameta nun encontro de liga ante o Oviedo no Carlos Tartiere, despois de que Molina recibise un cartón vermello.[17] Na seguinte tempada participou na conquista da segunda Copa do Rei na historia do club e a súa cuarta persoal. Titular nos cuartos de final e nas semifinais, unha lesión impediulle disputar a final contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu, que pasou á historia co nome de Centenariazo.[19]

Despediuse do Deportivo da Coruña ao remate da tempada 2002/03, na que sumou a súa terceira Supercopa de España. Disputou o seu último partido na derradeira xornada de liga, o 21 de xuño de 2003, contra o Espanyol, sendo ovacionado polo estadio de Riazor.[20] Contaba 40 anos e 173 días, sendo naquel momento o segundo futbolista de máis idade en disputar un partido da Primeira División, só superado polos 48 anos que tiña o inglés Harry Lowe cando disputou un partido co Donostia en 1935. Nos seguintes anos foi superado por varios futbolistas máis.[21] Un mes antes da súa despedida marcou ante o Athletic o seu derradeiro gol, con 40 anos e 138 días, converténdose no futbolista máis veterano en anotar na máxima categoría do fútbol español, marca que continúa vixente en 2022.[22]

Disputou un total de 393 partidos co Deportivo da Coruña, sendo o quinto futbolista con máis encontros na historia do club, só por detrás dos seus compañeiros Fran, Manuel Pablo, Mauro Silva e Valerón.[23] É un dos únicos tres futbolistas que estivo presente na conquista dos seis títulos oficiais da historia do club, xunto a Fran e Mauro Silva.

Despois de saír do Deportivo estivo adestrando uns meses co Atlético Arteixo, decidido a continuar a súa carreira nalgún outro club. Con todo, rexeitou ofertas de clubs españois e doutros continentes e finalmente un problema no seu xeonllo convenceuno para abandonar definitivamente o fútbol profesional.[24]

Selección española

[editar | editar a fonte]

En 1989 foi convocado pola selección brasileira para tres partidos amigables, pero o presidente do Atlético de Madrid, Jesús Gil, impediulle acudir, pois quería que xogase eses días co club na liga e na Copa do Rei.[25] En 1990 obtivo a nacionalidade española, polo que se lle abriu a oportunidade de xogar coa selección española. Con todo, o seleccionador naquel momento era Javier Clemente, co que tivera problemas cando coincidiran no Atlético, polo que o xogador non contaba con ser convocado.[25] Finalmente, en novembro de 1994, a punto de cumprir 32 anos, recibiu a chamada do seleccionador.[26] O 16 dese mes debutou como internacional contra Dinamarca no Sánchez Pizjuán de Sevilla e marcou o segundo gol do seu equipo, que venceu por 3-0.[27]

Marcou un gol máis en cada un dos seguintes dous partidos e en 1996 entrou na lista de seleccionados para a disputada da Eurocopa en Inglaterra. Participou só no primeiro partido, o empate 1-1 ante Bulgaria, no que xogou os últimos minutos como substituto de José Luis Caminero.[28] Foi o seu 12º e último encontro coa selección, pois non volveu ser convocado.

Trala retirada

[editar | editar a fonte]

Despois de colgar as botas continuou vivindo en Galicia,[29] e en 2009 acompañou a Mazinho como segundo adestrador deste no Aris Salónica.[30] En novembro de 2015 iniciou unha breve experiencia como adestrador, dirixindo o Viveiro no grupo Norte da Preferente Galega,[31] ata que foi despedido só dous meses despois.[32]

Estilo de xogo

[editar | editar a fonte]

Podía xogar como defensa central ou mediocentro defensivo por diante da defensa, posicións onde sacou o máximo partido ás súas calidades. Era forte, agresivo e loitador, ademais de técnico e con visión de xogo. Sabía dirixir o equipo desde o centro do campo e posuía un durísimo disparo que lle proporcionou un gran número de goles. Co Deportivo logrou algúns dos goles máis fermosos do equipo, destacando o realizado ao Athletic de Bilbao grazas a un disparo desde 52 metros. A todas estas virtudes debe engadirse a súa gran capacidade de destrución baseada na súa forza física.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

No ámbito relixioso, Donato é membro activo da Igrexa Universal do Reino de Deus.[33] Casou con Cassia, coa que tivo dúas fillas: Vanessa e Tassia.[2]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Vasco da Gama
Atlético de Madrid
Deportivo
  1. Portabales, Pablo (20 de febreiro de 2018). "El cumpleaños de Donato, el padre del Abuelo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "Donato: «Todavía sigo ayudando a mis padres, si dejara de jugar lo pasarían mal»". ABC (en castelán). 21 de decembro de 2002. Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Donato: "Lendoiro e Irureta no se portaron bien conmigo después de diez años en el Deportivo"" (en castelán). 14 de marzo de 2014. Consultado o 4 de febreiro de 2021. 
  4. "Llegaron la Roma y Vasco de Gama". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de agosto de 1984. p. 36. 
  5. Diniz, Guilherme. "Esquadrão Imortal – Vasco 1987-1989" (en portugués). Consultado o 9 de agosto de 2022. 
  6. "As 7 maiores eras do futebol do Vasco" (en portugués). 6 de agosto de 2022. Consultado o 9 de agosto de 2022. 
  7. "1988 El Trofeo Carranza se marchó a Brasil" (en castelán). 29 de agosto de 2013. Consultado o 9 de agosto de 2022. 
  8. "El brasileño Donato, tercer extranjero del Atlético". El País (en castelán). 30 de agosto de 1988. Consultado o 9 de agosto de 2022. 
  9. González, José Damián (31 de agosto de 1988). "Gil presenta a Donato ante el Werder Bremen". El País (en castelán). Consultado o 4 de febreiro de 2021. 
  10. "Dos candidatos al descenso, Oviedo y Logroñés, pusieron en evidencia a la Real y al Atlético". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de setembro de 1988. p. 40. 
  11. "El "espíritu del 92" conquistó la octava" (en castelán). 16 de maio de 2013. Consultado o 9 de agosto de 2022. 
  12. "Los fichajes del Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 20 de xullo de 1993. p. 48. 
  13. "Los once de Arsenio" (en castelán). 26 de maio de 2022. Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  14. "El histórico y fatídico penalti de Djukic cumple 25 años". Marca (en castelán). 14 de maio de 2019. Consultado o 9 de agosto de 2022. 
  15. "Copa do Rei 1994/95". linguasport.com (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  16. Grandío, Pablo (27 de novembro de 2021). "Cuando Bebeto, Donato, Makaay y Valerón fueron candidatos al Balón de Oro" (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2022. 
  17. 17,0 17,1 Trigo, María (1 de marzo de 2016). "El Deportivo, especialista en porteros de urgencia" (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  18. "Así recuerda Donato dos momentos clave de la Liga y la primera Copa del Deportivo" (en castelán). 19 de abril de 2020. Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  19. Martínez, Ó. (21 de marzo de 2003). "Donato: "En el fútbol, los nombres solos no juegan"". As (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2022. 
  20. Andrade, Alfonso (21 de xuño de 2003). "Makaay, en el trono de Bebeto". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  21. "Ranking Más veterano Primera División". BDFutbol (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  22. "Ranking Más veterano en marcar Primera División". BDFutbol (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  23. "Listado de xogadores do Deportivo ca Coruña". BDFutbol (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  24. Centeno, Alexandre (24 de novembro de 2003). "Donato deja el fútbol profesional". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  25. 25,0 25,1 "Donato a Piqué: "No debe hablar de los no españoles que defendimos España"". As (en castelán). 4 de outubro de 2017. Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  26. "Clemente dice que Donato no tiene asegurada la titularidad". El País (en castelán). 11 de novembro de 1994. Consultado o 11 de nov. de 1994. 
  27. "Donato: “Ningún recuerdo es tan grato como el de la afición de España coreando mi nombre”" (en castelán). 27 de marzo de 2014. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2021. Consultado o 11 de agosto de 2022. 
  28. Segurola, Santiago (9 de xuño de 1996). "España decepciona en su presentación". El País (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2022. 
  29. "Donato: «Este verano tengo la casa llena de gente»". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de agosto de 2008. Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  30. "Nuevo triunfo del Aris Salónica de Donato y Mazinho, que ya está en puestos de UEFA". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de febreiro de 2009. Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  31. Yordi, Juan (4 de novembro de 2015). "Donato ficha por el Viveiro como entrenador". Marca (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  32. Meitín Buján, Ignacio (6 de xaneiro de 2016). "Donato ya es historia en el Viveiro". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2022. 
  33. "Donato, un atleta de Dios" (en castelán). 13 de xuño de 2015. Consultado o 10 de agosto de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]