Amoco Cadiz
O Amoco Cadiz foi un superpetroleiro do tipo VLCC (Very Large Crude Carrier) que encallou nas costas da Bretaña o 16 de marzo de 1978, causando unha gravísima marea negra, un dos maiores desastres ambientais da historia, precedente da que causaría o Erika 21 anos máis tarde.
Descrición
[editar | editar a fonte]O buque foi construído en 1974 nos estaleiros de Puerto Real, en Cádiz. Pertencía á compañía norteamericana Amoco Transport, filial da Standard Oil, aínda que navegaba baixo bandeira de Liberia.
Medía 334,02 metros de eslora, 51,06 m de manga e 19,80 m de calado. A súa potencia era de 30.400 cv (22,700 kW) e transportaba unha carga de 227.000 toneladas de petróleo cru desde o Golfo Pérsico cara a Rotterdam.
Accidente
[editar | editar a fonte]Na mañá do 16 de marzo de 1978, o petroleiro atópase baixo os efectos dunha forte tormenta mentres navega fronte ás costas da Bretaña. Ás 9.45 horas, estando a 7,5 millas ó norte da illa de Ouessant, sofre unha avaría e perde a manobrabilidade, polo que pide auxilio. Como consecuencia, deriva en dirección á costa. Tras unhas negociacións co remolcador Alemán Pacific, que o CEDRE cualifica como difíciles [1], non se lle dá amarre ata as 13.30 horas, pero o amarre rompe e deben intentalo ata catro veces para recuperalo. Con todo, non se consegue evitar que o casco rompa á metade tres horas máis tarde nin que encalle nas rochas de Portsall ás 22 horas. Xa na madrugada do 17 son evacuados 42 tripulantes e máis tarde, ás 5 horas, os dous restantes.
A totalidade da carga vértese sobre a costa durante as dúas semanas seguintes, provocando unha marea negra que afecta un total de 360 km, entre Brest e Saint Brieuc.
Impacto medioambiental
[editar | editar a fonte]A marea negra afectou costas de diversos tipos provocando a morte masiva de moluscos e diferentes especies bentónicas. As áreas de cultivo de ostras establecidas nesa zona costeira resultarton directamente afectadas, e houbo que destruír un total de 9.000 toneladas deste molusco (por estar contaminado ou para protexer a confianza dos consumidores). Calcúlase nunhas 20.000 as aves petroleadas recollidas. As perdas nos sectores pesqueiro e turístico tamén foron cuantiosas.
Ata ese momento, a catástrofe foi a maior marea negra da historia do mundo e representou o comezo dunha nova época na loita contra a contaminación mariña. No caso de Francia, o accidente promoveu a creación ese mesmo ano do CEDRE (Centro de Documentación, de Investigación e de Experimentación sobre a Contaminación Accidental das Augas [1]).
O accidente serviu para aprender e desenvolver métodos de loita contra a contaminación mariña por hidrocarburos. Puxo de manifesto o diferente comportamento dos hidrocarburos segundo o tipo de costa que sofre a vertedura, sexa rochosa, praias ou esteiros, e posibles erros cometidos nas tarefas de limpeza que, por veces, causaban máis dano ca beneficio. Foi, de feito, unha das verteduras de petróleo máis estudadas no seu momento.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O armador, Bugsier, contactara con outro remolcador, o Simson, máis potente (16.000 cabalos, fronte ós 10.000 do Pacific).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Amoco Cadiz |
- Informe do ITOPFArquivado 16 de xullo de 2012 en Wayback Machine. (The International Tanker Owners Pollution Federation) (en inglés)
- Vídeo sobre o Amoco Cadiz varado (en francés)
- L'Amoco Cadiz: la plus grande marée noire, informe pedagóxico sobre a marea negra do Amoco Cadiz (Póster dispoñible en formato PDF) (en francés)