[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Túnidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 21 de setembro de 2023 ás 18:32 por Miguelferig (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Os túnidos son un grupo de peixes teleósteos, da orde perciformes, familia escómbridos, coñecidos comunmente como atúns ou bonitos.

Tódalas especies son mariñas, peláxicas, normalmente de grandes tamaños e de carne rica en graxa (peixes azuis). Boa parte delas son de elevado interese comercial: segundo a FAO, capturáronse máis de 6 millóns de toneladas no ano 2002.

As Nacións Unidas (ONU), consciente da importancia comercial e nutricional das diferentes especies de túnidos, proclamou en 2016 o día 2 de maio como o Día Mundial do Atún. De feito, os túnidos representan o 20% do valor da pesca marítima e máis do oito por cento de tódolos produtos do mar comercializados en todo o mundo. Pero estas cifras converten o atún nunha das especies máis ameazadas e estímase que o 33% das poboacións das principais especies están explotadas a niveis biolóxicamente insostibles [1].

A denominación de túnidos non é taxonómica senón pesqueira. Por esta razón, moitas outras especies, mesmo de interese comercial, pertencen tamén á mesma familia Scombridae, pero non son considerados túnidos. É o caso, por exemplo, da melva (Auxis rochei) ou da xarda (Scomber scombrus).

Morfoloxía e anatomía

[editar | editar a fonte]
Diagrama esquemático dos túnidos

Presentan un corpo alongado e fusiforme, con dúas aletas dorsais máis ou menos separadas pero perfectamente diferenciables, que poden axustarse nun suco que posúen no dorso. Trala segunda aleta dorsal, e tamén trala aleta ventral, presentan unha serie de numerosas pínnulas (ou lepidotriquias). A aleta caudal é bifurcada e presenta a ámbolos lados do pedúnculo dúas quillas ou carenas, de queratina.

A cor do lombo adoita ser azul escura e o ventre prateado. Poden presentar bandas mouras, normalmente descendendo do lombo.

A pel semella non ter escamas por seren estas diminutas. Así conseguen reduci-la fricción coa auga e mellora-la capacidade de movemento.

Os túnidos caracterízanse por non teren vexiga natatoria ou tela moi pequena, o que lles obriga a estar sempre en movemento.

Diferenciación de especies

[editar | editar a fonte]

Boa parte dos atúns son morfoloxicamente moi parecidos, polo que a diferencianción das especies non sempre é doada. As dificultades aumentan no caso de presentarse conxelados (polos cambios que sofre a coloración da pel e aletas e pola posible rotura e perda destas) e no caso de existir exemplares xuvenís, que non sempre mostran ben definidos os trazos característicos. Para recoñece-la especie cómpre atender principalmente á presenza de marcas de cor nas diferentes zonas do corpo, en canto á forma e distribución das manchas, así como ó tamaño relativo da aleta pectoral (se non alcanza a altura da segunda dorsal, se chega ata a súa altura ou se a supera. En estado fresco cómpre fixarse na cor das aletas (dorsais, caudal e pínnulas). Pode tamén recorrerse a observa-la superficie inferior do fígado (se presenta ou non estrías) e ó reconto dos pequenos dentes que presente o primeiro arco branquial. O tamaño do exemplar ten unha importancia relativa polo que dixemos da posible presenza de exemplares xuvenís.

Na web de Atuntuna pode atoparse unha Guía de referencia para o recoñecemento dos atúns.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Os atúns son especies propias de rexións tropicais e subtropicais de tódolos océanos. Son grandes nadadores e poden realizar longas migracións ó longo do océano (un atún pode nadar ata 170 km diarios). Adoitan moverse en grandes bancos ou cardumes formados por exemplares dunha mesma idade. Son predadores activos e comen en augas superficiais.

Presentan un especial sistema vascular, especializado no intercambio de calor co medio mariño, de feito que a temperatura corporal supera á da auga onde nadan. Esta particularidade califícaos como endotérmicos [2] e dálle-la posibilidade de que o seu sangue poida transportar osíxeno nunha concentración máis alta que outras especies de peixe. De aí a cor vermella ou rosada da carne dos atúns, a diferenza da cor branca na maioría das especies de peixes que viven no océano. No caso do atún vermello, permítelle vivir en augas máis frías e sobrevivir nun contorno máis amplo que outros tipos de atún.

Desde o punto de vista da súa reprodución, son dioicos pero non mostran dimorfismo sexual. As femias depositan grandes cantidades de ovos planctónicos que se desenvolven en larvas peláxicas.

Aproveitamento pesqueiro

[editar | editar a fonte]

Algunhas variedades, como o atún vermello e o atún de aleta amarela son obxecto de diferentes proxectos pesqueiros ao longo e ancho do globo, así mesmo as tempadas de pesca, as zonas e as cotas de captura son reguladas por diferentes organizacións e gobernos.

Un importante problema medioambiental que presenta a pesca do atún é a posibilidade de capturar con eles outras especies protexidas, como é o caso dalgúns golfiños. A capacidade dos atúns para detecta-los bancos de peixe dos que se alimentan é aproveitada polas mandas de golfiños, que acoden onda eles a comer dos mesmos bancos. Á súa vez, os pescadores poden detecta-la presenza das mandas de golfiños, que nadan na superficie e así saben que é probable que estean sobre un banco de atúns. Deste xeito, cando o barco lanza as redes rodea con elas tanto os propios atúns como os golfiños, provocando a captura e morte destes últimos. Para evitar este efecto negativo sobre os golfiños, catalogados como especies protexidas, establecéronse medidas correctoras nas redes que permitan a súa saída do cerco e a presenza de observadores independentes a bordo do barco. Simultaneamente, o atún capturado de acordo con estas reservas etiquétase co símbolo Dolphin safe (ou Dolphin free), que certifica que foi capturado mediante técnicas que respectan a biodiversidade.

Os atúns na alimentación

[editar | editar a fonte]
Composición nutritiva
Enerxía 200 cal. / 100 g
Proteínas 23,0%
Graxa 12,0%
Ácidos graxos saturados 2,77%
Ácidos graxos monoinsaturados 2,39%
Ácidos graxos poliinsaturados 3,07%
Ferro 1,3 mg / 100 g
Magnesio 28 mg / 100 g
Potasio 40 mg / 100 g
Fósforo 200 mg / 100 g
Zinc 1,1 mg / 100 g
Iodo 10 mg / 100 g
Riboflavina (B2) 0,2 mg / 10 g
Niacina (B3) 17,8 mg / 10 g
Ácido fólico (B9) 15 μg / 10 g
Cianocobalamina (B12) 5 μg / 10 g
Vitamina A 60 μg / 10 g
Vitamina D 25 μg / 10 g

As diferentes especies de atúns son moi apreciadas para o consumo humano tanto en fresco como conxelado ou, principalmente, en conserva. Caracterízanse pola súa riqueza en graxa, de ó redor do 12%, e proteínas de alto valor biolóxico (sobre un 23%). Tamén son ricos en vitaminas, sobre todo nas do grupo B, entre as que destaca a vitamina B12 [3]. Como peixes graxos que son, támén son ricos en vitaminas liposolubles, especialmente as vitaminas A e D.

Á hora de preparalo en fresco deben facerse sempre preparacións curtas para evitar que a carne seque de máis. Pode prepararse tanto en toros á prancha, á grella, ó forno, asado etc., como esmiuzado en anacos máis ou menos grandes, en estufados ou como ingrediente doutros pratos, como albóndegas, empanadas, recheos etc.

O carpaccio de atún é unha forma de consumo relativamente nova pero cada día máis en auxe. En Andalucía é moi apreciado o atún desecado (mojama), elaborado a base de lombos de atún salgados e secados ó aire.

Efectos sobre a saúde

[editar | editar a fonte]

Cómpre advertir que a carne dos atúns é rica en purinas, que dan lugar a ácido úrico, polo que resulta desaconsellada para as persoas que sofren de gota ou hiperuricemia.

O atún non adoita estar involucrado en gromos de intoxicacións alimentarias pero pode ser causa de problemas sanitarios a causa da posible presenza de histamina ou de metais pesados, especialmente mercurio.

Canto ó mercurio, a causa da súa presenza nos atúns é o feito de que son especies carnívoras que están no cumio da cadea trófica e, pola súa lonxevidade, poden acumular cantidades elevadas deste metal.

  1. "Día Mundial del Atún. 2 de mayo" (en castelán). Consultado o 2022-11-22. 
  2. Brock et al. 1993, Science 260,210-214.
  3. O contido en vitamina B12 nos atúns supera o de carnes, ovos e queixo, alimentos considerados tradicionalmente como fonte natural desta vitamina.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • LÓPEZ MUÑOZ, Daniel (coord.) (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
  • MUUS, B.J. e DAHLSTRÖM, P. (1981): Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Ediciones Omega S.A., Barcelona.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]