Rosa (flor)
Roseiras (xénero Rosa) | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Roseira en Bastavalés (Brión), Galiza | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Especies e subtáxones | |||||||||||||||||||
|
A rosa é a flor da roseira, arbustos do xénero Rosa e da familia das Rosaceae con máis de 100 especies. Moitas delas son nativas de Asia e un número menor procede de Europa, América do Norte e África noroccidental. Todas elas forman un grupo de arbustos erectos e plantas trepadeiras ou rastreiras, con ramas que frecuentemente están protexidas por espiñas.
Xa na antigüidade grega foi considerada a raíña das flores. A súa beleza e o seu arrecendo fan que na actualidade sexa a flor máis cultivada do mundo e que se empregue tanto na xardinaría ornamental como na floristaría e na industria da perfumaría.
Características
[editar | editar a fonte]As roseiras son arbustos erectos, plantas trepadeiras ou rastreiras, xeralmente espiñentas, que alcanzan entre 2 e 5 metros de altura e poucas veces chegan aos 20 m rubindo sobre outras plantas. A distribución xeográfica xeral de moitas especies é incerta ou incompleta.
- Talo: arbusto de talos semileñosos, case sempre erectos (ás veces rastreiros), algúns de textura rugosa e escamosa, con notables formacións epidérmicas de variadas formas, persistentes e ben desenvolvidas (espiñas ou aguillóns).
- Follas: perennes ou caducas, compostas, imparipinnadas. Pecioladas, folíolos coa beira serrada. É frecuente a presenza de glándulas anexas sobre as marxes, odoríferas ou non.
- Flor: xeralmente aromáticas, completas e hermafroditas; regulares, con simetría radial (actinomorfas). Perianto ben desenvolvido. Hipanto ou receptáculo floral prominente en forma de urna (tálamo cóncavo e profundo).
- Cáliz dialisépalo, de 5 pezas de cor verde. Os sépalos poden ser simples, ou ás veces de forma complexa con lobulacións laterais estilizadas.
- Corola dialipétala, simétrica, formada por 5 pétalos regulares (ou múltiplos de 5), ás veces escotados, e de variadas cores rechamantes; tamén brancos. A corola adoita ser "dobre" ou "plena" por transformación dos estames en pétalos, especialmente no caso dos cultivares.
- Androceo composto por numerosos estames dispostos en espiral (varios verticilos), xeralmente en número múltiplo dos pétalos (5x).
- Xineceo apocárpico (composto por varios pistilopistilos separados). Nectario presente, que atrae insectos para favorecer a polinización, predominantemente entomófila. Períxina (ovario medio), numerosos carpelos uniovulados (un primordio seminal por cada carpelo), así cada carpelo produce un aquenio.
- Inflorescencias racemosas, que forman corimbos; pero ás veces preséntanse flores solitarias por redución.
- Froito: o produto fecundo da flor é unha infrutescencia coñecida como cinorrodon, un "froito" composto por múltiples froitos secos pequenos (poliaquenio) separados e pechados nun receptáculo carnoso (hipantio) e de cor vistosa cando está maduro.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo rosa provén directamente e sen cambios do latín rosa, co significado que coñecemos: 'a rosa' ou 'a flor da roseira'. Este procede do vocábulo previo rodia (ródja) [por cambio similar como en: Clausus por Claudius]. Este último arcaísmo latino é, pola súa parte, emprestado — a través do osco — do grego antigo ρόδον (RhÓDON) (a rosa, a flor da roseira) ou mellor RhODÉA (o talo da rosa, o apoio da flor).
A partir do grego antigo alúdese o posible significado de rhódon como 'efluvio aromático', 'aquilo que é fragrante', ou 'aquilo que desprende aroma'; orixinado como termo composto: por ροή (roí) 'fluxo' + οδμή (odmí) 'fragrancia, olor'. [1]
O termo remóntase alén diso, probablemente de fródon ou tamén de wrodion (bródion) no antigo dialecto eolio, raíces correspondentes co persa antigo VeReDa ou V'ReDa (e os seus dialectos: avéstico WaRDa, sogdiano WaRD e parto WâR), como unha voz irania traspasada desde o sur de Armenia a Frixia e de aí a Grecia. [Confrontar con outros termos: en caldeo V'RâD, en armenio vard, e en árabico VeRD. (Hehn, Pott, Schenkel)]. E previamente dunha orixe tan antiga como do arameo wurrdā e mesmo do asirio wurtinnu. Isto pódese cotexar coa raíz trilítera en hebreo ורד (VRD).
No referido á base, o núcleo deriva dunha raíz indoeuropea vardh- (wardh), vradh- (wradh), 'crecer', 'erguer(se)'; onde en sánscrito wardh-as, significa 'xermolante', e wardhati, 'elevar(se)', 'prosperar'.
Por outra banda, pode ser un derivado dunha raíz grecolatina VRAD-, 'pregarse', 'facerse flexible'. E por aí tamén o grego rodanós, rádinos, e o eolio bradinós, 'mol' ou 'flexible'. [2]
A rosa na cultura popular
[editar | editar a fonte]A rosa é quizais a flor máis popular do mundo, da que hai máis de cen especies, xa tendo pegadas delas no antigo Exipto. En Galiza cultívase dende moi antigo, de feito é tan popular que se chega a usar, por extensión, como sinónimo de calquera flor. A rosa branca-vermella é ademais o emblema de Inglaterra dende o século XV. A casa de Lancaster tiña como símbolo unha rosa vermella, e a de York, unha rosa branca; dunha guerra entre as dúas casas resultou vencedor Henrique Tudor, posterior rei Henrique VII de Inglaterra que, en 1486, casa con Elizabeth de York e fundan a dinastía Tudor; o seu símbolo sería a rosa bicolor.[2]
Ditos e refráns
[editar | editar a fonte]- Non hai rosas sen espiñas[3];
- Se no teu xardín hai rosas, no meu hai xasmíns;
- Marzo marzán pola mañá cara de rosa, pola tarde cara de can[2].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de rosas de Galicia
-
Unha roseira vermella rubideira
-
Rosa e orballo
-
Rosa amarela na Coruña
-
Rosa variegada
-
Rosas amarelas
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Crescent Bloom (2011)
- ↑ 2,0 2,1 Artigo sobre Flores Nacionais no Portal das palabras da RAG
- ↑ Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo