[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Boeing

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 16 de setembro de 2023 ás 16:49 por Breobot (conversa | contribucións) (Reemplazos con Replacer: «nodriza»)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
The Boeing Company

Editar o valor en Wikidata
Tipopública
Fundación1916
LocalizaciónChicago, Illinois Estados Unidos de América Estados Unidos
FundadorWilliam E. Boeing
Persoas claveJames McNerney (presidente e CEO)
Industriaaeroespacial, defensa
ProdutosAvións
Número de empregados174.225 (28 de xuño de 2012)
Na rede
https://boeing.com
Facebook: boeing Twitter: Boeing Instagram: boeing LinkedIn: boeing Youtube: UC9IEkprr46ScglWU79HF5qQ Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Boeing 777, un dos modelos máis recentes do fabricante

The Boeing Company é un dos principais fabricantes de avións e equipos aeroespaciais do mundo. O seu nome completo é Boeing Commercial Airplanes Co. e a súa sede central atópase na cidade de Chicago. As súas maiores fábricas están situadas nos arredores da cidade de Seattle, no estado de Washington.

William Edward Boeing (á esquerda)

A compañía, orixinalmente chamada "B&W", foi fundada por William Edward Boeing e George Conrad Westervelt en 1916. Ao ano seguinte xa adquiriu o nome de "Boeing Airplane Company". William E. Boeing estudara na universidade de Yale e traballara inicialmente no sector da madeira, onde se converteu nun home adiñeirado, e onde adquiriu coñecementos sobre estruturas de madeira que máis tarde lle resultarían de utilidade para a construción de avións. A compañía fundouse nun vello celeiro en Seattle feito de madeira, denominado Red Barn (celeiro vermello).

William Boeing fundou a súa compañía un mes despois do primeiro voo dun dos seus dous hidroavións "B&W", que na súa construción contou coa axuda de George Conrad Westervelt, que era enxeñeiro da armada estadounidense. Boeing e Westervelt decidiron construír o avión despois de voar nun hidroavión Curtiss e decatarse de que poderían construír un aparello mellor, e moitos dos primeiros modelos de Boeing foron hidroavións.

En 1934 Boeing xa era unha compañía moi grande, e William E. Boeing optou por vender todas as súas participacións a raíz da lei que se promulgara despois da gran depresión, que obrigaba ás empresas de certa dimensión a dividirse en varias unidades máis pequenas e independentes.

Pouco despois a compañía estableceu un acordo coa Pan American World Airways para desenvolver e construír un hidroavión civil, capaz de transportar pasaxeiros en rutas transoceánicas e deseñado para utilizar a auga como pista de aterraxe. En xuño de 1938 o novo avión, denominado Boeing 314 Clipper, realizou o seu primeiro voo. Foi o maior avión da súa época, no que tiñan cabida 90 pasaxeiros en voos de día e 40 en voos nocturnos. Un ano máis tarde inaugurouse o primeiro servizo regular entre a costa leste dos Estados Unidos e Inglaterra. A partir de entón foron establecéndose outras rutas de longo alcance co Clipper, ata que Pan American dispuxo de voos a destinos en todo o mundo.

Boeing na segunda guerra mundial

[editar | editar a fonte]
B-17 Flying Fortress

Durante a segunda guerra mundial Boeing construíu unha cantidade xigantesca de bombardeiros. Moitos dos seus traballadores foron mulleres de homes que foran á guerra. Nos comezos de marzo de 1944 a produción incrementárase de tal xeito que cada mes saían da fábrica 350 avións. Para previr un ataque dende o aire, os edificios das fábricas foron cubertos con vexetación e elementos do campo a modo de camuflaxe.

Durante os anos de guerra, as principais compañías estadounidenses fabricantes de avións colaboraron estreitamente, de modo que o bombardeiro B-17 Flying Fortress de Boeing foi ensamblado tamén por Lockheed e por Douglas; mentres que o B-29 Superfortress foi ensamblado por Bell e por Martin.

Finalizada a guerra foron cancelados todos os pedidos de bombardeiros e 70.000 traballadores de Boeing atopáronse sen emprego. A compañía fixo todo o posible para xerar novas vendas, para o cal fabricou o Stratocruiser, un avión de pasaxeiros baseado nun avión militar. Non obstante, este modelo non tivo o éxito agardado, polo que Boeing tivo que buscar outras alternativas para superar a crise. Conseguiuno en boa medida mediante a venda de avións militares deseñados para o transporte de tropas e como avións nutriz que permitían a outros avións repoñer no aire.

O motor de reacción

[editar | editar a fonte]

A mediados dos anos 50 a tecnoloxía avanzou significativamente, o cal permitiu a Boeing desenvolver produtos totalmente novos e innovadores. Un dos primeiros foi un mísil teledirixido de curto alcance, deseñado para responder a ataques de avións inimigos. Nestes anos a guerra fría xa era un feito, e Boeing utilizou os seus coñecementos de mísiles de curto alcance para desenvolver un intercontinental.

Boeing introduciu en 1955 o primeiro avión comercial de reacción dos Estados Unidos. Previamente xa apareceran dous avións deste tipo en Europa, o Comet fabricado no Reino Unido, e o Caravelle, fabricado en Francia. Co novo avión, o 707, Boeing converteuse no líder dos fabricantes de reactores para pasaxeiros. Tratábase dun avión cuadrimotor con capacidade para 156 pasaxeiros e destinado a rutas longas. Pouco despois Boeing desenvolveu unha segunda versión deste avión, o 720, para rutas máis curtas, e uns anos máis tarde apareceu o 727, un avión de capacidade semellante, pero dotado de tres motores, e concibido para rutas medias e curtas. Este avión tivo de inmediato unha acollida moi positiva polas compañías aéreas, polos pilotos e polos pasaxeiros pola súa comodidade e fiabilidade. Aínda que en 1984 deixou de fabricarse, a comezos do século XXI aínda se atopaban en servizo unhas 1.300 unidades do 727 en todo o mundo.

No ano 1967 a compañía introduciu un novo modelo, o Boeing 737, convertido no avión de pasaxeiros máis vendido na historia da aviación civil. Trátase dun birreactor deseñado para rutas curtas e medias, con capacidades que van dos 110 aos 220 pasaxeiros segundo a versión e a configuración de asentos. O 737 segue fabricándose e é obxecto de continuas melloras tecnolóxicas. Tamén foron aparecendo variantes adicionais, polo xeral versións máis longas para unha maior capacidade de pasaxeiros. Incluso existe un 737 de negocios para grandes empresas, o Boeing Business Jet.

O City of Everett, prototipo do Boeing 747

Ao comezar a década dos 70 Boeing tivo que enfrontarse a unha nova crise. O programa espacial Apollo, no que Boeing estivera participando de xeito importante, foi cancelado case por enteiro. Unha vez máis a empresa confiou en poder compensar a perda de vendas cos seus avións comerciais. Porén, naquela época as compañías aéreas de todo o mundo atravesaban á súa vez un mal momento, de xeito que Boeing non recibiu ningún pedido de avións en todo un ano. A súa aposta de futuro, o novo modelo 747, derivado dun proxecto de transporte estratéxico para o Exército dos Estados Unidos, estábase atrasando na súa fabricación e orixinaba, ademais, custos máis elevados do previsto. A todo isto sumouse que o Congreso estadounidense desestimou o apoio financeiro ao proxecto de avión civil supersónico de Boeing, a resposta ao avión supersónico franco-británico Concorde, o cal obrigou a Boeing a abandonar o desenvolvemento dun avión no que xa investira moitos cartos. Unha vez máis Boeing viuse na obriga de reducir o seu cadro de traballadores, que pasou de 80.000 persoas a 40.000 só na área de Seattle. Por fin, na ano 1970 o primeiro exemplar do novo avión Boeing 747 foi posto en servizo, un catrimotor de longo alcance con capacidade para 460 pasaxeiro, e con iso o maior avión comercial da historia da aviación durante moito tempo. Este avión tivo un éxito extraordinario dende a súa aparición. Coa chegada do Airbus A380 (que entrou en servizo no ano 2007), un avión de dous pisos con capacidade de asentos superior ao 747, Boeing atópase por vez primeira cun competidor para este avión.

De cara a 1983 a situación económica volveu mellorar, e con iso a das compañías aéreas, e Boeing entregou o exemplar número 1.000 do seu 737. A medida que o tráfico de pasaxeiros medraba en todo o mundo a competencia entre os fabricantes de avións endurecíase. Boeing tivo que enfrontarse tamén a un acabado de chegar, esta vez de Europa, que paso a paso foi introducindo no mercado novos modelos de avións comerciais, o consorcio Airbus. Isto obrigou a Boeing a desenvolver á súa vez novos modelos, que foron o Boeing 757, avión dun corredor central para percorridos medios, o Boeing 767, de cabina ancha e dous corredores, para rutas medias e longas e con licenza para sobrevoar océanos a pesar de ser un bimotor.

A división espacial Boeing participou neses anos no desenvolvemento e a fabricación da lanzadeira espacial, o Space Shuttle, aproveitando a súa experiencia na produción de motores para mísiles e no programa Apollo. Tamén contribuíu con outros produtos ao plan espacial estadounidense, así como á Estación Espacial Internacional da que se converteu no principal subministrador. Simultaneamente Boeing fabricou varios aparatos militares, coma o helicóptero de combate RAH-66 Comanche, o sistema de defensa Avenger e unha nova xeración de mísiles de curto alcance.

Durante a década dos 80 traballou en varios proxectos militares, incluído o seu apoio ao bombardeiro furtivo B-2. Como parte dun equipo liderado por Northrop, Boeing fabricou a parte exterior da á do B-2, a sección central da fuselaxe de cola, o tren de aterraxe, o sistema de combustible e o de armas. No ano 1991 o B-2 era o maior programa militar de Boeing, empregando a unhas 10.000 persoas. Ese mesmo ano, a National Aeronautic Association dos Estados Unidos premiou ao equipo de deseño do bombardeiro co Collier Trophy polo maior logro aeroespacial do país. O primeiro B-2 saíu da factoría de Palmdale (California), en novembro de 1988 e voou por vez primeira o 17 de xullo de 1989[1].

O sistema de defensa aérea Avenger e unha nova xeración de mísiles de curto alcance tamén entraron en produción. Durante eses anos, Boeing estivo moi activa coa mellora de equipo militar que xa existía e desenvolvendo novos. Boeing tamén contribuíu ao desenvolvemento da enerxía eólica co aeroxerador experimental MOD-2 para a NASA e o Departamento de Enerxía dos Estados Unidos, e o MOD-5B para Hawai[2].

Boeing 777 de American Airlines

Boeing foi unha das sete compañías que competiron polo Caza Táctico Avanzado. Boeing acordou facer un equipo con General Dynamics e Lockheed, polo que as tres fabricantes participarían no proxecto se o deseño dunha delas era escollido. O deseño de Lockheed foi finalmente o gañador e desenvolveuse como o F-22 Raptor[3] .

En abril de 1994 Boeing presentou o reactor comercial máis moderno ata o momento, o bimotor 777, cunha capacidade de entre 300 e 370 pasaxeiros, situándose entre o 767 e o 747. Tratábase do bimotor con maior alcance do mundo e foi o primeiro avión de Boeing cun sistema "fly-by-wire" concibido en parte en resposta aos avances realizados por Airbus no mercado tradicional de Boeing. Este modelo alcanzou un fito importante ao ser o primeiro avión de pasaxeiros en ser deseñado totalmente con técnicas de deseño asistido por ordenador (CAD).[4] O 777 tamén foi o primeiro avión en ser certificado para 180 minutos ETOPS pola FAA en entrar en servizo.[5] Tamén a mediados dos 90, a compañía desenvolveu a versión renovada do 737, coñecida como o 737 "Next-Generation", ou 737NG. Converteuse dende entón na versión coas vendas máis rápidas da historia do 737, e o 20 de abril de 2006 estas superaron ás do "Classic 737", cun pedido de 79 unidades de Southwest Airlines.

En 1995 Boeing decidiu demoler o seu complexo de sedes na rúa East Marginal Way South en vez de melloralo, para que así cumprise cos novos estándares para sismos. A sede trasladouse a un edificio adxacente e as instalacións demoléronse en 1996.[6] En 1997 Boeing volvería ater a sede en East Marginal Way South, ao lado do aeroporto do condado de King, en Seattle.

En 1996 Boeing mercou as divisións aeroespaciais e de defensa de Rockwell. As unidades de negocio de Rockwell convertéronse nunha subsidiaria de Boeing, chamada Boeing North American, Inc. En agosto de 1997 Boeing fusionouse con McDonnell Douglas mercando accións por un valor de 13 000 millóns de dólares, e a compañía pasou a chamarse The Boeing Company. Tras a fusión, o McDonnell Douglas MD-95 foi rebautizado como Boeing 717, e a fabricación do MD-11 limitouse á versión de carga. Boeing introduciu unha nova identidade corporativa que completou a fusión, incorporando o logotipo de Boeing e unha versión estilizada do símbolo de McDonnell Douglas, que derivaba do logotipo de Douglas Aircraft dos 70.

Anos 2000

[editar | editar a fonte]

En xaneiro do ano 2000 Boeing elixiu expandir a súa presenza no campo das comunicacións por satélite mercando a Hughes Electronics a súa división Hughes Space and Communications Company, que fora pioneira nese campo.[7]

En setembro de 2001 a compañía trasladou a súa sede corporativa de Seattle a Chicago. Chicago, Dallas e Denver, que pretendían converterse no novo fogar da empresa aeroespacial máis grande do mundo, ofreceran multimillonarias exencións fiscais.[8] As súas oficinas están situadas no distrito Fulton River de Chicago, xusto ao noroeste do Loop.[9]

  1. Historia de Boeing - B-2 Spirit (en inglés)
  2. Aeroxeradores MOD-2/MOD-5B (en inglés)
  3. Miller, Jay (2005). Aerofax, ed. Lockheed Martin F/A-22 Raptor, Stealth Fighter. ISBN 1-85780-158-X. 
  4. Norris, Guy e Mark Wagner (2001). Zenith Imprint, ed. Boeing 777: The Technological Marvel. Minneapolis, Minnesota. ISBN 0-7603-0890-X. 
  5. Pandey, Mohan (2010). Createspace, ed. How Boeing Defied the Airbus Challenge. p. 86. ISBN 978-1-4505-0113-2. 
  6. "Boeing to Raze Company Headquarters Building; Will Relocate to Adjacent Building". Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 3 de febreiro de 2017. 
  7. The New York Times (ed.). "$3.75 Billion Boeing-Hughes Satellite Deal Expected". Consultado o 4 de febreiro de 2017. 
  8. Los Angeles Times (ed.). "Boeing Expected to Reveal New Home". Consultado o 4 de febreiro de 2017. 
  9. Boeing (ed.). "Contact Us". Consultado o 4 de febreiro de 2017. 

Avións civís

[editar | editar a fonte]
747 de British Airways

Avións militares

[editar | editar a fonte]
B-17 (en primeiro plano) e B-52 voando xuntos

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Páxina de Boeing en España Páxina de Boeing