Banquisa
A banquisa[1] ou xeo mariño é unha capa de xeo flotante que se forma nas rexións oceánicas polares. O seu grosor típico está entre un metro, cando se renova cada ano, e 4 ou 5 metros, cando persiste máis tempo, como ocorre na rexión ártica máis próxima ao polo. Excepcionalmente, fórmanse engrosamentos locais de ata 20 metros de grosor. En moitas ocasións está constituída por bloques de xeo fracturados que quedaron novamente soldados.
Hai que diferenciar a banquisa (orixinada por auga do océano que se conxelou) das plataformas de xeo (capas de xeo procedentes dos glaciares dos continentes).
Formación
A causa primaria da formación da banquisa é a conxelación da auga do mar desde a superficie, mais tamén pode contribuír a precipitación en forma de neve, que, non obstante, sempre é escasa nas rexións polares, sometidas permanentemente á influencia das altas presións debidas ao vórtice polar. Tamén é moi importante a formación de carazo pola baixa temperatura que fai condensar directamente a humidade atmosférica na zona polar. A auga conxélase na superficie, porque a auga do fondo non arrefría o necesario, dado a alta calor específica da auga e a súa correlativa resistencia ao cambio de temperatura. Para que a solidificación comece cómpre que a temperatura baixe ata –1,8 °C, a causa do descenso crioscópico, que é a diminución do punto de fusión/solidificación que acompaña á salinidade. Fórmanse primeiro pequenos cristais lenticulares de auga pura, que van logo xuntándose. Ao final a banquisa queda formada por un agregado de xeo de auga cun recheo de salmoira nas gretas.
As dúas banquisas
Existen dúas banquisas que ocupan unha parte variable do océano: unha no Ártico e outra arredor do continente antártico:
- A banquisa antártica desaparece na súa maior parte en decembro (verán no hemisferio sur) e volve formarse no inverno austral, alcanzando unha extensión equivalente á do propio continente. En setembro alcanza os 18,8 millóns de km², mentres que en marzo é de só 2,6 millóns de km².
- A banquisa ártica é historicamente permanente, fundíndose cada ano as partes máis próximas aos continentes circundantes, época aproveitada para a circunnavegación do océano Ártico. En marzo alcanza os 15 millóns de km² e en setembro os 6,5 millóns de km².
Durante os varios séculos nos que os navegantes trataron de buscar o chamado paso do Noroeste ao norte do Canadá, puidéronse comprobar distintas flutuacións da cantidade de xeo, alcanzando en varios anos niveis mínimos e recuperándose despois. Non está claro se existe un proceso de derretemento continuo do xeo ártico ou só corresponde a niveis flutuantes durante ciclos cada vez máis longos. Este paso do Atlántico ao Pacífico e viceversa queda algúns anos libre de xeo, o que permite abrir, por breve tempo, a navegación marítima. Porén, a maioría das veces require a intervención de barcos quebraxeos. Aínda que o satélite CryoSat, da ESA (European Space Administration), que mide o espesor da banquisa, mostrou a finais de 2013 unha recuperación do volume do xeo oceánico ártico dun 30% respecto aos anos inmediatamente anteriores,[2][3] a NASA, que mide a extensión superficial do xeo ártico, atopou unha tendencia constante de redución desde hai décadas.[4] A tendencia é a ter unha extensión menor cada ano, ao final da época estival, que se estima que se traducirá nunha ausencia total de banquisa nesa época do ano dentro de poucas décadas,[5] o que debería ter importantes consecuencias para o clima global, principalmente pola redución do albedo no verán boreal.[6]
Ecoloxía
Moitos organismos están vinculados á banquisa. Os osos polares vagan sobre a banquisa ártica na procura de focas, e moitos peixes, focas e crustáceos (krill) forman unha cadea trófica que se inicia coas algas que crecen baixo o xeo, nun ambiente moi constante e enriquecido en nutrientes, especialmente favorable para a vida mariña. A alteración da banquisa pode repercutir negativamente neses seres vivos.
Climatoloxía
As consecuencias ambientais da evolución das banquisas non se restrinxen aos seus efectos sobre a biota mariña. Afecta tamén ao réxime climático global de dúas maneiras. En primeiro lugar, a capa de xeo abriga o océano, xa que actúa como un illante que restrinxe o fluxo de calor do mar á atmosfera: océano e atmosfera forman un sistema acoplado que regula a distribución de calor no planeta. En segundo lugar, o xeo branco da banquisa, aínda que é delgado, é moi reflectante, contribuíndo significativamente ao albedo planetario (a proporción de radiación solar devolta ao espazo por reflexión), un dos parámetros que máis inflúen na evolución do clima global. A actual diminución estacional do albedo nos polos debería contribuír así ao quecemento global, nun caso de retroalimentación positiva simétrico ao que se produce nos períodos climáticos glaciais, cando a extensión dos casquetes e da banquisa acentúa precisamente o arrefriamento.
Notas
- ↑ Definición de banquisa no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Arctic sea ice up from record low
- ↑ Tilling, R.L.; Shepherd, A.; Wingham, D.J. (2015). "Increased Arctic sea ice volume after anomalously low melting in 2013". Nature Geoscience 8 (8): 643–646. doi:10.1038/NGEO2489.
- ↑ Arctic Sea Ice Maximum 2014. April 10, 2014
- ↑ Overland, J.E.; Wang, M. (2013). "When will the summer Arctic be nearly sea ice free?". Geophysical Research Letters 40 (10): 2097–2101. doi:10.1002/grl.50316.
- ↑ Pistone, K.; Eisenman, I.; Ramanathan, V. (2014). "Observational determination of albedo decrease caused by vanishing Arctic sea ice". P.N.A.S. 111 (9): 3322–3326. doi:10.1073/pnas.1318201111.